Día do Apicultor este sábado en Arzúa

O vindeiro sábado, 4 de febreiro, celebrarase en Arzúa, no recinto feiral “Terra do Queixo”, sito na Travesía da Feira desta vila, o Día do Apicultor, organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA).

Desde as 09:30 horas da mañá e ata as 20 horas do serán, relatores e conferenciantes ofrecerán información sobre os diferentes aspectos da apicultura, con técnicas de manexo e selección das abellas e co propósito da valorización dos seus produtos básicos, os meles e a cera, sen esquecer a importancia da biodiversidade polinizadora. As charlas e conferencias desenvolveranse nas salas 3 e 4 do primeiro andar.

Así mesmo, presentarase o Grupo Galego de Cría e Selección da Abella Negra (cfr.: https://apiculturagalega.gal/grupo-de-cria-e-seleccion-da-abella-negra-galega/), para o cal precisan a participación de apicultores con experiencia na selección que fornezan unha boa xenética, de criadores desas abellas nais e de persoas abelleiras que se dediquen a facer testaxes desas raíñas. “As portas de integración neste grupo están abertas para todos os interesados nalgunha das facetas expostas”, destacan desde AGA.

Na planta baixa deste recinto feiral estarán localizados os servizos administrativos de AGA para calquera xestión ou para recoller material do Plan Apícola. Nela tamén acollerán un amplo abano de expositores de material apícola e produtos afíns, con participación duns 22 expositores de toda a Península Ibérica.

Para os cativos e a xente miúda contarase cun extenso programa matutino e vespertino co obxecto de que desenvolvan as súas habilidades manuais a partir da apicultura.

Velaquí o programa do Día do Apicultor 2023:

DIA APICULTOR AGA 23

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información