A feira Galiforest 2026 converterase unha vez máis nun escaparate da innovación aplicada ao sector forestal. O certame, que se celebrará entre os días 2 e 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón, recoñecerá as mellores propostas tecnolóxicas presentadas polos seus expositores a través do tradicional Concurso de Innovación, no que nesta edición competirán dezaoito novidades orientadas a mellorar a produtividade, a seguridade e a sustentabilidade da actividade forestal.
O obxectivo desta iniciativa é destacar aqueles proxectos que sobresaian polo seu deseño, calidade, prestacións e capacidade para responder aos retos actuais do monte. A organización da Feira Internacional de Galicia ABANCA busca así impulsar a investigación, o desenvolvemento e a innovación nun sector cada vez máis tecnificado.
Entre as propostas participantes figuran aplicacións móbiles para a xestión forestal, sistemas avanzados de inventariado mediante drons, ferramentas dixitais para o control remoto da maquinaria ou proxectos centrados na valorización de novos materiais, como o uso da cortiza de eucalipto como alternativa á turba nos substratos de cultivo.
A competición inclúe tamén maquinaria de última xeración destinada á mecanización dos traballos forestais. Destacan un vibrador de troncos para facilitar a recollida de piñas, un sistema intelixente para optimizar o funcionamento dos cabezais procesadores ou un vehículo multifunción deseñado para o mantemento de estradas e actuacións de seguridade viaria.
Outra das protagonistas será a automatización, con innovacións como un guindastre forestal robótico e conectado ou diferentes máquinas radiocontroladas capaces de realizar tarefas de prevención e extinción de incendios, rozas e mantemento en zonas de difícil acceso, reducindo a exposición ao risco dos operarios.
O concurso inclúe ademais novas solucións para a medición automática de troncos durante as operacións de carga, equipos de desbroce adaptados a terreos complexos, escavadoras específicas para contornas forestais e equipamentos de protección individual máis lixeiros e eficaces, xunto con produtos destinados a reducir o risco de golpes de calor entre os profesionais que traballan no monte.
Os gañadores do Premio de Innovación Galiforest 2026 e das distintas mencións especiais daranse a coñecer durante a xornada inaugural da feira, consolidando este concurso como un dos principais escaparates do avance tecnolóxico do sector forestal galego e estatal.
Galego









Control OJD