Dezanove adegas de Monterrei presentan os seus viños en Madrid

A esta primeira acción de promoción da Denominación do ano 2020 fóra de Galicia, que tivo lugar no Casino de Madrid, asistiron socios da entidade, catadoras, representantes do sector da restauración e medios de comunicación especializados

Publicidade

Monterrei Casino Madrid

A acción promocional da Denominación de Orixe Monterrei no Casino de Madrid, a primeira realizada fóra de Galicia neste ano, congregou a máis de 200 asistentes, entre os que se atopaban socios da entidade, catadoras, representantes do sector da restauración e de medios de comunicación especializados.

Durante máis de cinco horas, os asistentes a esta iniciativa, realizaron unha viaxe visual, olfativa e gustativa polo territorio de Monterrei a través dos tintos e brancos da denominación. Ademais, coñeceron de primeira man a historia e tradición vitícola da zona, as súas peculiaridades de chan e clima, variedades de uva e tipoloxía de viños, ademais de elaboracións ou a importancia dos lagares rupestres, entre outras cuestións.

A cata, que se realiza por terceiro ano consecutivo, serviu tamén para promocionar os queixos Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Tetilla

Así mesmo, nesta viaxe puidéronse catar viños elaborados por adegas embotelladoras da Denominación de Orixe Monterrei. Nesta ocasión, as adegas participantes nesta iniciativa foron: Pazos do Rey, Ladairo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Xusto (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Ao-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Quinta do Buble, Terrae Monterrei, Trasdovento e Pazo das Tapias.

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 27 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 581 hectáreas de territorio, nas que traballan 389 viticultores.

Os viños de Monterrei estiveron acompañados de produtos como mexillóns ao vapor, zamburiñas ao forno, espetada de rape e gambas e polbo das Rías (achegados por 5 Rosas Gourmet e O Mar ao momento); así como queixos de Arzúa-Ulloa, Tetilla e San Simón da Costa (da man de Galicia Calidade).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información