O Sindicato Labrego mantivo un encontro esta semana coa directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, e co subdirector xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto, para facerlles chegar un decálogo de propostas contra a crise láctea. Parte das propostas apuntan ó nivel europeo ou estatal. Outra parte, segundo a organización agraria, podería acometerse a nivel galego.
1) Plano de choque para as granxas cos prezos máis baixos
O Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte de que hai centos de granxas que lle están entregando o leite a primeiros compradores, algúns de base cooperativa, que pagan prezos moi inferiores á media do mercado. Desde a organización agraria propoñen unha actuación da Consellería para correxir este problema, ben axudando a recolocar gandeiros noutras industrias, ben apoiando planos de viabilidade dos compradores lácteos, ben axudando de xeito específico ás granxas afectadas.
2) Actuación da Comisión Nacional da Competencia para impedir un abuso da posición de dominio das industrias lácteas
Os baixos prezos do leite que perciben parte das granxas galegas constitúen, ó entender do Sindicato Labrego, un abuso da posición de dominio das industrias. A organización considera que se vulnera o artigo 62 da Ley de Defensa de la Competencia, no que se sinala que é sancionable “a imposición directa ou indirecta de prezos ou de outras condicións comerciais e servizos non equitativos”.
Tanto a Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) como Competencia teñen xa a denuncia ó respecto da organización agraria.
3) Garantirlle a todas as granxas a recollida duns volumes determinados a prezos mínimos
O Sindicato Labrego entende que a ausencia dunha regulación da produción a nivel europeo non debe ser impedimento para que se acometa a nivel galego un programa de medidas dirixidas a conter as entregas de leite. Con ese obxectivo, propón que se lle garanta a todas as granxas a recollida dun volume a determinar, referenciado á produción anterior da explotación, e pagado a uns prezos mínimos.
O SLG cuestiona os aumentos que se deron en determinadas zonas ou explotacións, en tanto hai granxas vendendo a prezos de po
Deste xeito, evitaríase que os custos de regulación do leite que vai para po recaian nun número reducido de granxas. Os pagos referenciados ó leite en po faríanse só para os aumentos de entregas que excederan os volumes garantidos. A Comisión Europea permite unha ordenación da produción a partir de cooperativas ou organizacións de produtores, se ben en Galicia non hai polo de agora estruturas que acometan este tipo de actuacións.
Para facer esta ordenación, o Sindicato Labrego entende que hai que evitar situacións como a actual, con aumentos excesivos de produción en determinadas zonas ou explotacións, en tanto outras granxas teñen problemas para ter a recollida garantida. A organización agraria pide que a Xunta estude incentivos para reducir produción. Demándanse tamén compromisos de industrias e distribución para reducir a importación de lácteos.
4) Incorporación de veterinarios oficiais nas industrias lácteas
O SLG propón a incorporación de veterinarios ás industrias, seguindo o modelo dos matadoiros. Con esta medida, o Sindicato Labrego entende que se podería evitar a fraude de que as industrias merquen leite a prezos de po para logo envasalo despois nun brick. O veterinario, segundo a proposta da organización, encargaríase de inspeccionar todo o produto que entrase na factoría, controlando a súa procedencia e o cumprimento da normativa existente.
5) Etiquetado obrigatorio en orixe do leite
No acordo lácteo de setembro, industrias e cadeas de distribución comprometéranse a avanzar no identificación voluntaria da orixe dos lácteos, se ben, nove meses despois, queda moito por avanzar nese ámbito. Ante esa situación, o Sindicato Labrego propón que o Ministerio de Agricultura impulse un etiquetado obrigatorio, similar ó proxectado por Francia.
6) Liñas de axudas dirixidas a proxectos de transformación que xeren valor engadido
A organización agraria avoga por potenciar produtos diferenciados, como leite ecolóxico, leite en base a vacas en pastoreo, ou iogures e queixos elaborados a partir de leite fresco fermentado, sen leite en po. Medio Rural xa dispón de liñas de axudas dirixidas a apoiar a transformación agroalimentaria, se ben a organización agraria pide que se centren neste tipo de proxectos.
7) Posta en marcha dun programa para aumentar a superficie territorial das granxas
O Sindicato Labrego pide a creación dun programa con obxectivos medibles que se dirixa a aumentar a base territorial das explotacións. O incremento de superficie permitiría unha maior produción de forraxes propias e a redución da compra de insumos.
8) Inspeccións no transporte internacional de alimentos
O SLG demanda que haxa un control sobre o cumprimento das normativas relacionadas co transporte, xa que, asegura, desde o propio sector do transporte se están a formular denuncias de incumprimentos en cuestións relativas a permisos de transporte internacional, cabotaxe e outros.
En Galicia, a Administración xa mantén un programa de controis sobre os transportes que veñen de Portugal.
9) Promoción de produtos lácteos saudables e reforzo da actuación contra a banalización do leite na distribución
Son os puntos nos que máis se ten avanzado nos últimos meses. A Inteprofesional Láctea ten en marcha unha forte campaña de promoción. En canto ós baixos prezos na distribución, as ofertas por baixo de 55 céntimos case desapareceron tras a sinatura do acordo lácteo. O sector, non obstante, aspira a que descenda o leite que se vende a menos de 60 céntimos.
10) Política europea pública de regulación da produción
A organización agraria aposta por unha regulación obrigatoria da produción a escala europea, xa que considera que non ten sentido limitar as entregas de leite a nivel estatal se continúan as importacións do resto da UE.
A próxima semana hai Consello de Agricultura da Comisión Europea, se ben non semella que vaia haber sobre a mesa propostas deste tipo.