“Facer un bo ensilado de herba é moito máis que segar e meter no silo a herba”. Así de contundente se amosa o responsable técnico da Cooperativa O Rodo, Daniel Rodríguez, á hora de falar do ensilado de herba. Precisamente a cooperativa agrogandeira de Rodeiro (Pontevedra), organizou recentemente unha xornada formativa para os socios na que, entre outros temas, ofreceron algunhas recomendacións á hora de realizar os ensilados, a ter en conta xa na próxima campaña de ensilado, que está a piques de comezar.
“Se se quere ter unha forraxe de calidade hai que prestar atención a moitos factores, non só durante o ensilado”, explica o técnico. Así, nas últimas semanas, o técnico estivo a facer visitas nas ganderías socias da cooperativa para incidir na importancia de realizar un encalado axeitado para lograr forraxes de calidade e unha boa produción.
Recollemos algunhas das claves que apunta o técnico Daniel Rodríguez para mellorar os ensilados de herba:
1. Elección da semente.
A elección da semente debe adecuarse ás condicións edafoclimáticas de cada zona. Para os produtores de Rodeiro, o técnico recomenda optar por variedades que teñan un espigado tardío. Están a empregarse mesturas de raigrás con veza ou trevos, que axudan a incrementar a calidade da ración. “Introducir unha leguminosa co raigrás permítelle fixar nitróxeno para as gramíneas”, recorda o técnico.
2. Encalado das terras.
O encalado das terras é moi importante, dada a acidez media das terras galegas, con pH moi baixos que poden atoparse entre 4,2 e 5. Cos pH tan baixos só se adoita aproveitar arredor do 43% do Nitróxeno que se lle aporta á terra. “Co aporte de cal pode chegar a ter un pH de 6,5 ou 7 para que todo o nitróxeno que lle proporcionemos sexa o máis eficiente posible”, explica.
O técnico incide na importancia de ter en conta minerais como o Calcio ou o Magnesio, xa que son determinantes para o aproveitamento do Nitróxeno.
Na Cooperativa acostuman a traballar cun cal de orixe mariña, que como destaca Rodríguez ten unha reactividade carbónica co terreo moi eficiente. “Botándoo un mes antes de segar a herba xa fixo efecto para o ensilado, mentres que con cales de canteira, tardan máis en verse os efectos e haberá que esperar para as seguintes cortas ou para o ensilado do millo”, concreta. Ambas son solucións axeitadas para conseguir corrixir o pH da terra.
3. Fertilización.
Á hora de fertilizar a pradeira, Rodríguez pon especial atención en conseguir un abonado equilibrado, aportando distintos minerais que permitan o desenvolvemento óptimo da herba e o aproveitamento do abono que se lle proporciona. “De nada nos serve facer un gran aporte de Nitróxeno se non lle temos Magnesio e Xofre, xa que a absorción de Nitróxeno estará limitada”, indica.
Rodríguez tamén recomenda planificar o ensilado da herba en base á fertilización que se fai da pradeira. Así, con algúns dos fertilizantes máis empregados, entre os 25 e 28 días estaría aproveitado ese abono. Mentres, se se opta por abonos con liberación máis lenta poden facer falta arredor de 40 días para o seu aproveitamento. “O día que se fertiliza a herba xa se pode fixar a data de ensilado, tendo en conta o fertilizante que se lle botou”, apunta.
4. Momento do corte da herba.
Escoller o momento axeitado para o corte da herba resulta tamén decisivo para lograr un silo de calidade. No caso do raigrás, o corte debe realizarse xusto antes do espigado, cando a concentración de azucres na planta é maior. “Para lograr un ensilado eficiente precisamos unha boa cantidade de azucres, que despois contribúen a ter unha forraxe máis dixerible”, detalla o técnico.
A choiva é un dos factores que adoita condicionar a sega da herba. Rodríguez é partidario de adiantar a sega se hai previsión de precipitacións para as datas que se tiña previsto ensilar. “Se temos previsto segar a semana do 4 de maio e dá auga para eses días, é preferible ensilar a finais de abril antes que esperar a que volva escampar. Deste xeito, se son terras en rotación co millo poderemos adiantar a sementeira e se procuramos unha segunda corta o rebrote da herba comezará antes”, valora o técnico.
5. Altura do corte na pradeira.
Ó igual que acontece co millo, a altura do corte da herba vai condicionar o rendemento do ensilado, xa que ó segar alto pérdese cantidade de herba no silo, pero gáñase en calidade da forraxe. “Segar alto non é só gañar en calidade, tamén para favorecer un rebrote máis rápido da herba se se quere facer segundas cortas”, indica.
O técnico ademais recomenda evitar os cortes moi baixos para reducir a presenza de terra nos silos, xa que provocan contaminacións pola presenza de clostridium, o que afecta á saúde dos animais. Rodríguez recomenda segar a unha altura de 6-7 centímetros do chan.
6. Manexo da herba no prado.
Tan importante coma a altura á que decide cortarse a herba é o tratamento de presecado que se lle fai no prado á herba. Debe prestarse atención ó manexo que se fai da herba á hora de estendela ou enrolala, para evitar que acabe levando terra para o silo. “De nada nos serve cortar alto se despois xuntamos terra cando enrolamos”, explica.
7. Presecado.
As primeiras horas trala corta son fundamentais para o secado das gramíneas. Nas dúas primeiras horas é cando máis auga se consegue que perda a herba, xa que os estomas (parte da planta que está en contacto co ambiente) permanece aberta e facilita o secado. Así, mentres os estomas permanecen abertos chegan a perderse uns 100 litros de auga por tonelada cada hora. Porén, cando os estomas se pechan redúcese a 20 litros por tonelada á hora.
Recoméndase a sega con acondicionado ou un uso áxil de maquinaria acondicionadora (hileradoras e similares) nas dúas primeiras horas trala sega.
8. Picado da herba.
Á hora de ensilar, o tamaño da herba é outro dos aspectos a ter en conta, xa que contribúe á conservación da forraxe. “Ó picar a herba, mellor se compacta despois no silo”, recorda o técnico. Recomenda o uso do picador ou remolque autocargador sobre todo nos primeiros cortes. Nas segundas ou terceiras cortas, cando a herba ten máis talo e resulta máis difícil o seu picado, pódese optar xa pola colleitadora.
9. O silo.
O estado do silo tamén inflúe na conservación da forraxe. Rodríguez recomenda empregar plásticos nas paredes dos mesmos para garantir que o silo das beiras teña a mesma calidade que o resto e evitar deste xeito as perdas de forraxe.
Tamén insiste no emprego do rolo de pisado e en facer capas finas para conseguir unha axeitada conservación da herba. Á hora do pisado, cómpre encher en forma de U para non danar as lonas dos laterais e unha vez que o pisador se atopa na cima da herba debe facerse unha U invertida, para que as augas decorran e non se acumulen na parte superior.
Tamén é importante que non sobresaia a herba por encima das paredes, xa que iso limitará o pisado desa zona e dificultará a conservación. “É fundamental pisar, pisar e volver pisar o silo”, insiste o técnico.
10. Selado e conservación do silo.
Para a conservación do silo, ademais do emprego de conservantes, é necesario asegurar o selado do silo, para o que aconsella empregar o film protector, previo ó plástico e á lona protectora. Tampouco hai que descoidar o mantemento que se fará despois do silo, unha vez aberto, xa que vai influír na calidade final da forraxe que inxiren os animais.