A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a primeira detección en Galicia de animais bovinos infectados polos serotipos 3 e 8 da lingua azul, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). En total detectáronse 5 focos distribuídos polas catro provincias galegas, que se teñen que notificar oficialmente porque son os primeiros casos detectados en cada unha delas.
En Ourense e na Coruña detectouse o serotipo 3, en Pontevedra o 8 e en Lugo ambos, o 3 e o 8. Cómpre lembrar que o serotipo ata agora presente desta doenza na nosa Comunidade é o 4, con circulación desde o ano 2023. No seu momento, todo o territorio peninsular someteuse a un programa de erradicación, para o cal Galicia optou pola vacinación obrigatoria, que se ofreceu de maneira gratuíta a todos os gandeiros. Nestes momentos xa non existe esta obriga de erradicación e a vacinación é voluntaria, se ben o Goberno autonómico mantén a gratuidade para o serotipo 4 ata completar a pauta vacinal anual recomendada.
Deste xeito, e de cara a estes novos serotipos, a Xunta de Galicia recomenda a vacinación voluntaria dos bovinos e ovinos, como ferramenta máis efectiva para previr a infección nos animais. As vacinas fronte estes serotipos, e máis o resto dos circulantes no territorio español, pódense adquirir nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios, tras a preceptiva prescrición dun destes profesionais.
Así mesmo, recoméndase evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase ademais a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos servizos veterinarios oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais.
Con todo, cómpre lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, só a través da picadura dun insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.
Antecedentes da doenza
A distribución e prevalencia da lingua azul entre as especies sensibles (bovinos e ovinos fundamentalmente, ademais doutros ruminantes silvestres) vén determinada pola actividade estacional do vector transmisor, os insectos do xénero Culicoides,spp. Así, historicamente Galicia, como o resto de España (agás as Illas Canarias, rexión que permanece libre desta doenza) e outros países europeos e doutros continentes sofren de xeito recorrente a presenza desta enfermidade nos seus diversos serotipos.
Desde hai máis de 20 anos estase a aplicar en Galicia un programa anual de vixilancia sobre esta enfermidade baseado na vixilancia entomolóxica para detectar a presenza e abundancia do vector transmisor e na vixilancia serolóxica e clínica pasiva dos animais ruminantes sensibles.
Froito disto, en Galicia foron detectados episodios de circulación dos serotipos 1 e 8 nos anos 2008-2010 e, máis recentemente, no ano 2023, a circulación do serotipo 4. No momento de circulación dos serotipios 1 e 8, unha política de vacinación obrigatoria dos animais e o control dos seus movementos conseguiu a erradicación da enfermidade e a consecución en 2009 do estatuto de rexión libre desta doenza. A mesma política de vacinación obrigatoria para conseguir a erradicación realizouse en Galicia tras a aparición do serotipo 4 en 2023, ata que en 2025 mudou esta consideración.
Vacinación voluntaria, pero recomendable
Neste sentido, o pasado ano detectouse en España por primeira vez a circulación simultánea de catro serotipos da lingua azul (1, 3, 4 e 8), que foron colonizando distintos territorios peninsulares. Tendo en conta esta situación, en marzo de 2025 o Comité de Alerta Sanitaria Veterinaria, participado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas, adoptou a decisión de considerar todo o territorio peninsular como zona restrinxida para os 4 serotipos circulantes en España, quedando só as Illas Baleares como territorio sometido a un programa de erradicación e as Canarias como territorio libre desta enfermidade.
A efectos prácticos, isto significa fundamentalmente que dentro do territorio peninsular a vacinación fronte a calquera serotipo circulante de lingua azul pasa a ser voluntaria para os bovinos e ovinos (os cabrúns non se vacinan) e que non hai ningunha restrición nin requisito adicional para os movementos destes animais no territorio peninsular, agás que amosen síntomas compatibles coa enfermidade no momento do traslado.
En todo caso, e pese a tratarse dunha vacinación voluntaria, Medio Rural recomenda administrar a vacina a todos os bovinos e ovinos fronte a todos os serotipos, e tendo en conta que para o tipo 4 séguese ofrecendo de maneira gratuíta para todos aqueles gandeiros que o desexen, como continuación da estratexia levada a cabo desde 2023.
Galego










Control OJD