A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, informa a través dun aviso fitosanitario extraordinario da detección das primeiras manchas de mildio na maioría das viñas do Salnés que foron obxecto de revisión este martes. O persoal técnico sinala que os síntomas apareceron con independencia do tempo transcorrido desde que se aplicara o primeiro tratamento, ou do funxicida empregado.
O persoal do Areeiroda sinala que a renovación dos tratamentos antimildio debe efectuarse canto antes, se non se realizou xa, empregando as doses que figuran nas etiquetas dos produtos (nunca superándoa) e boquillas antideriva, e respectando sempre a máxima de non tratar en condicións de vento superior aos 11 quilómetros por hora.
En canto ás manchas detectadas no Salnés, o persoal provincial sinala que as manchas non eran de todo incipientes e que se apreciaban con claridade, aínda que en xeral non amosaban frutificación (agás nunha viña de Sanxenxo onde si eran incipientes e, polo tanto, difíciles de visualizar). O traballo de campo do persoal do Areeiro continuará estes días nas viñas do Condado e do Rosal, onde consta, por medio de imaxes que viticultores desta zona reenviaron aos do Salnés, que xa comezaron a aparecer tamén as primeiras manchas de mildio polo menos en Ponteareas.
Galego









Control OJD