Detectan os primeiros síntomas de “Black Rot” nas viñas

Os técnicos da Estación de Areeiro advirten os primeiros escaravellos nas plantacións de patacas e aconsellan o tratamento contra a lepra das pexegueiras e pavieiras. En canto ao Mildeu, aconséllase comprobar a efectividade dos funxicidas e segar a vexetación para non favorecer ao fungo

Publicidade
Publicidade
Detectan os primeiros síntomas de “Black Rot” nas viñas

Black Rot nun viñedo das Rías Baixas. Foto: Estación do Areeiro

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, veñen de detectar os primeiros síntomas do ‘Black rot’ nas viñas da parcela de seguimento de Vide (O Condado). Ademais, no aviso fitosanitario de hoxe venres tamén destacan a aparición dos primeiros escaravellos da pataca, o que obriga a iniciar o tratamento, así como a necesidade actuar nos pexegueiras e pavieiras afectados por lepra. Como norma xenérica, os especialistas da EFA recomendan aproveitar os días de tempo estable para aplicar os tratamentos que non se deron a semana anterior en calquera cultivo ou plantación.

Viña:

Black Rot
Os biólogos advertiron xa os primeiros síntomas da enfermidade do ‘Black rot’ nas viñas da comarca do Condado, un fungo que se presenta nas follas en forma de círculo no que se poden ver pequenos puntos negros -nos que frutifica o patóxeno-. Segundo indica a responsable da Unidade de Artrópodos de Areeiro, Rosa Pérez, “xa esperabamos a súa aparición debido a que as condicións ambientais húmidas resultan beneficiosas”.

En todo caso, de estabilizarse a climatoloxía como anuncian as previsións meteorolóxicas, non se agarda un avance a curto prazo, pero si se advirte de que no caso de ter que iniciar un tratamento (xa que o fungo pode chegar a afectar á uva), habería que utilizar funxicidas contra o Mildeu e o Oidio que teñan compoñentes contra esta sintomatoloxía, xa que non hai ningún específico para exclusivamente para ela.

Por outra banda, tamén en relación ás viñas, os técnicos veñen de realizar as primeiras capturas de couzas dos acios e cicadélidos nas trampas, aínda que o número de insectos recollido é polo momento moi baixo.

Mildeu:
En canto ao Mildeu, as precipitacións tipo chuvasco foron favorables ao patóxeno, se ben as temperaturas baixas non foron compatibles coas infeccións. Esta situación, unida a que a maior parte dos viñedos foron tratados recentemente fixo que apenas haxa máis manchas da enfermidade. En calquera caso, como a previsión do tempo anuncia clima estable a partires da fin de semana, recoméndase comprobar os síntomas e manter a vixilancia. Debe terse en conta que a fixación e persistencia dos produtos fitosanitarios aplicados redúcese coas chuvias, polo que é preciso comprobar a eficacia dos tratamentos e volver a aplicar de ser necesario. Así mesmo, considérase imprescindible manter ben segada a vexetación na contorna dos viñedos para limitar as condicións favorables ao fungo.

Horta:

Pataca
Están a aparecer os primeiros adultos e postas de escaravellos nalgunhas zonas, polo que será preciso tratar as plantacións se, como está previsto, mellora a climatoloxía. Así mesmo, tamén é preciso tratar o cultivo contra o Mildeu se non é posible facer unha vixilancia exhaustiva.

Froiteiras:

Melocotoeiro e pavieiras
Coa humidade acumulada dende primeiros de ano estas árbores mostran xa síntomas moi evidentes da Lepra, unha enfermidade endémica en Galicia. A loita contra o fungo debe realizarse desde o inicio da campaña, ademais dos pertinentes tratamentos invernais con cobre, mais en calquera caso, os propietarios que non tiveran realizado ningunha actuación poden limitaren o avance da Lepra a partir deste momento. Deberán aplicar o funxicida autorizado polo Ministerio para o control, que é o ziram 76%.

Kiwi
É preciso renovar os tratamentos contra a bacteriose cando desaparezan as chuvias e se estabilice a climatoloxía, xa que debido ás precipitacións os funxicidas cúpricos aplicados estarán lavados.

Maceiras
Non se percibiron cambios nas colonias de pulgóns laníxeros con respecto á semana pasada na parcela de Areeiro. En todo caso, se ascenden as temperaturas é posible que non só se incrementen en número, senón que tamén aparezan outras colonias de pulgón cinsento e pulgón verde.

Cerdeiras e ameixeiras
Detectáronse os primeiros síntomas de cribado nas cerdeiras e ameixeiras de diferentes zonas, aínda que a súa presenza non é importante. Agárdase que se a climatoloxía se estabiliza non se incrementen a curto prazo.

Pereiras
Obsérvanse os síntomas característicos do ataque do ‘torcegromos’, un insecto que afecta aos gromos terminais das árbores. Segundo indica a técnica Rosa Pérez, “normalmente non é preciso aplicar un tratamento, xa que os danos que produce son menores, a menos que as plantas sexan moi novas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información