Detectan menos danos polo gurgullo nos eucaliptais galegos

O grupo operativo supra-autonómico Gossge constata unha menor defoliación e evolución da praga con respecto a 2019. No proxecto estivéronse realizando soltas de Anaphes nitens en 606 hectáreas galegas para o control do gonipterus

Detectan menos danos polo gurgullo nos eucaliptais galegos

Exemplar de Gonipterus platensis nun eucalipto.

O Grupo Operativo Supra-autonómico de Sanidade sobre Gonipterus en Eucalipto (Gossge) estivo realizando nos últimos meses actuacións de control e seguimento da praga en Galicia, así como en Asturias e Cantabria, as tres comunidades implicadas no proxecto. Os seus últimos traballos en Galicia centráronse en soltas para o control do gurgullo, así como o control da evolución da praga ou a realización de cursos formativos.

No marco deste proxecto inclúense accións de prospección e seguimento da praga, control biolóxico e control con materias fitosanitarias de orixe natural, así como accións de transferencia tecnolóxica con formación a técnicos e propietarios forestais. Todas estas accións realízanas para asegurar a sustentabilidade das plantacións de eucalipto do norte de España, ameazadas pola praga Gonipterus platensis, que supón perdas económicas 234.697.570 euros anuais no conxunto das tres comunidades autónomas.

Soltas en eucaliptais de Lugo

En Galicia, en concreto en Lugo, colocáronse por parte da firma Adra Enxeñaría e Xestión do Medio SLP, un dos membros do grupo operativo, 101 bolsas con 17.904 ootecas parasitadas de Anaphes nitens repartidas en 606 hectáreas.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural, que tamén é membro colaborador do proxecto, realizou apeos de prospección na súa rede de seguimento de 174 parcelas. Uns traballos que se levaron a cabo desde febreiro a xuño, e aínda continúan os labores de seguimento da evolución da praga. Estes recontos constatan unha diminución respecto ao ano 2019 no grao de defoliación e na evolución da praga tanto en adultos, larvas e ootecas.

Formación sobre a praga

Outra das liñas de actuación dentro do proxecto céntrase na formación. En Galicia a través da Asociación Forestal de Galicia (AFG), en colaboración coa firma GALCA, realizaron dous cursos de formación dirixidos a propietarios forestais que incluían visitas a montes. O primeiro deles tivo lugar en marzo en Ponteareas (Pontevedra) e o segundo a primeira semana de xullo en Monfero (A Coruña). Están previstos dous cursos máis, un deles este mesmo venres, día 17, en Dodro (A Coruña) e tamén teñen programado realizar outro no Vicedo (Lugo).

Pola súa banda, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) realizará nos meses de xullo e agosto dous cursos de formación dirixidos a técnicos forestais sobre a ferramenta informática de detección de danos con dron desenvolvida polo Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (Cetemas).

Actuacións en Asturias e Cantabria

Tanto en Asturias como en Cantabria tamén levaron a cabo soltas e sesións formativas nestes meses. Así, nos eucaliptais de Asturias colocaron 202 bolsas con 30.380 ootecas parasitadas de Anaphes nitens repartidas en 1.212 hectáreas. O control realizado pola Asociación de Propietarios Forestais de Asturias (Profoas) entre febreiro-marzo e xuño-xullo en 20 parcelas evidencia unha melloría, ao pasar dun grao de defoliación medio de 2 (26-45%) a un grao de defoliación medio de 1 (11-25% defoliación) grazas ao tratamento biolóxico.

Tanto en Asturias como en Cantabria realizaron soltas e constatan unha redución da incidencia da praga

En Cantabria, Adra Enxeñaría e Xestión Do Medio, coa coordinación da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) e Ence, distribuíu 227 bolsas con 26.818 ootecas parasitadas repartidas en 1.362 hectáreas tanto en montes de utilidade pública como de propietarios forestais. Neste caso, nas prospeccións da Asociación Forestal de Cantabria (Asoforcan) para o seguimento da praga en 25 parcelas detectouse unha melloría respecto ao ano 2019, ao pasar dun grao de defoliación medio de 1 (11-25%) a un grao de defoliación medio non superior a 0 (0-10% defoliación).

A formación de Asturias estivo a cargo de Profoas e Aspapel con cursos dirixidos a técnicos e propietarios forestais que incluíron visitas a montes. Tamén teñen previsto realizar outro no mes de xullo por parte de Cetemas. En Cantabria, Asoforcan, Aspapel e o Goberno autonómico organizaron sesións en xuño para técnicos, axentes forestais e propietarios forestais.

Prospeccións con drons

No proxecto están a utilizarse drons, por parte de Cetemas, para a supervisión da evolución da praga. En concreto, realizaron 4 visitas quincenais nas tres comunidades desde abril a xuño, nas que detectaron un aumento do grao de defoliación.

Outra das liñas nas que traballan é o desenvolvemento de novas técnicas de alimentación e iluminación das ootecas para mellorar a súa supervivencia e evolución. En concreto, Ence, nas súas biofábricas de Pontevedra e Huelva mellorou o grao de parasitismo respecto ao ano anterior, logrando un índice entre 4,5 e 5.

Nestes meses, no proxecto Gossge tamén lograron unificar os protocolos de prospección e de parasitismo, para contar cunha metodoloxía común e uns parámetros mínimos para analizar a evolución da praga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información