Detectan en Riós (Ourense) o primeiro positivo de EHE do 2024 en Galicia e o segundo en España

O Ministerio de Agricultura acaba de informar da detección dun positivo de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) nunha gandaría de vacún de carne do concello ourensán de Riós, na comarca de Verín. Trátase, por tanto, do primeiro caso confirmado do 2024 desta nova enfermidade en Galicia e o segundo en España.

O primeiro da tempada vectorial 2024-2025 foi detectado na provincia de Guadalaxara e confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria (LCV) de Algete, laboratorio nacional de referencia para esta enfermidade. O segundo foi confirmado o pasado día 12 en Riós.

Con obxecto de recompilar información sobre a situación epidemiolóxica, está a seguirse o criterio de confirmar laboratorialmente no LCV de Algete ou nos laboratorios rexionais, e notificar o primeiro foco detectado en cada comarca, realizando os Servizos Veterinarios Oficiais un seguimento do resto de comunicacións de sospeitas clínicas.

Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) lémbrase que a EHE non afecta en ningún caso ao ser humano, tratándose dunha Enfermidade de Declaración Obrigatoria (EDO) recollida no Real Decreto 779/2023, de 20 de xuño, polo que se establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e regúlase a súa notificación.

Por tanto, é obrigatorio comunicar inmediatamente aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita clínica nas especies susceptibles (domésticas e silvestres), recomendándose adoptar medidas de desinsectación en animais e instalacións como sistema de prevención, así como o tratamento sintomático dos animais enfermos tan pronto como aparezan os síntomas nos mesmos.

MAPA EHE SEgundo foco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información