“Detectamos moitas carencias nos seguros que había para explotacións lácteas”

Entrevista a Iván Novo Castro, director xeral de Ucoga, a maior correduría de seguros agrarios de Galicia. Destaca as súas liñas específicas de pólizas para millo forraxeiro e para cubrir as instalacións gandeiras.

“Detectamos moitas carencias nos seguros que había para explotacións lácteas”

Iván Novo Castro, director xeral de Ucoga

Entrevistamos a Iván Novo Castro, director xeral de Ucoga, a maior correduría de seguros agrarios de Galicia, con máis de 11.000 pólizas, e uns 8 millóns de euros en primas.

Ademais de asegurar a 70 cooperativas agrogandeiras, esta correduría tamén atende as necesidades en materia de seguros de gandeiros e agricultores individuais, aos que Ucoga está a dar resposta con pólizas específicas como as de millo forraxeiro ou o seguro integral de granxa, cunha especial atención ás salas e robots de muxido ou aos tanques de frío.

“Aseguramos todo o ciclo agrícola, desde que poñemos unha semente na terra ata o camión que leva os queixos e o leite á distribución”, subliña Iván Novo, para quen o principal obstáculo “é que o gandeiro á hora de contratar un seguro non actúa como o que é: un empresario”.

Cal é o nivel de contratación de seguro agrario en Galicia?
En liñas xerais aumentou no conxunto de España nun 5% en 2015, segundo os datos de Agroseguro. En canto a Galicia, a penetración dos seguros agrarios é máis baixa que a media española por diferentes motivos. Por unha banda, porque as liñas de seguros que moven volumes de contratación máis elevados son as de cultivos, como cítricos ou froitas de óso, mentres que o sistema produtivo agrogandeiro de Galicia é diferente.

Aquí a principal liña de seguros é a pecuaria ( para vacún e porcino), dividida á súa vez en liñas de vida e as liñas de retirada de cadáveres. As liñas de vida contrátanse sobre todo para vacún de leite, e non chegan ao 50% da cabana gandeira.

A que se debe que soamente o 50% das explotacións de vacún de leite de Galicia teñan seguro de vida para o gando?
Creo que principalmente se debe a que aínda que temos máis de 9.000 explotacións lácteas, soamente unhas 5.000 están en control leiteiro, e a gran maioría desas máis profesionalizadas son as que contratan seguros de vida para o gando. As que teñen menos cabezas de gando, que constitúen unha parte moi importante, non adoitan contratar seguros.

E cales son as principais liñas de seguros agrícolas que se contratan na nosa Comunidade?
A principal é a de alimentación animal para o gando vacún. Nesta inclúese o cultivo de herba, que non se asegura porque ata agora non houbo riscos, e a colleita de millo forraxeiro, un cultivo determinante para as explotacións lácteas, e que con todo non se está asegurando.

Neste sentido, desde UCOGA lanzamos unha liña específica para millo forraxeiro que se adapta ás necesidades reais das explotacións de vacún de leite. Ata agora non se aseguraba o millo por descoñecemento por parte dos gandeiros da posibilidade de aseguralo, pero tamén por descoñecemento dos propios axentes de seguros e falta de adaptación ás necesidades dos gandeiros. En Ucoga facémolo porque somos especialistas no sector agrogandeiro e iso a pesar de que non é algo lucrativo para a compañía pois supón moito traballo realizar estas pólizas debido ao gran número de fincas.

“Merece a pena asegurar o millo forraxeiro: a póliza rolda de media os 10 euros por hectárea”

O ano pasado empezamos a asegurar o millo forraxeiro: ata o mes de outubro contratáronse 173 pólizas, segundo datos de Agroseguro, das cales 84 fíxoas Ucoga. Precisamente en 2015 deuse a circunstancia de que houbo unha gran seca, polo que houbo gandeiros que cobraron cantidades importantes.

Ademais do risco de seca, cada vez máis presente debido ao cambio climático, as pólizas de seguro de millo forraxeiro cobren tamén danos de ataques de xabaril, aínda que é certo que os danos teñen que superar o 30% da leira, ou danos na colleita provocados por choiva ou vento que boten a perder a sementeira ou a colleita. O prazo de contratación desta póliza empeza agora e esténdese ata o mes de abril.

Considero que a póliza de millo forraxeiro neste momento está adaptada ás necesidades do gandeiro e cun custo asumible, dunha media de dez euros por hectárea.

É maior a implantación de seguros na viticultura?
É maior pero segue estando por baixo da media española, debido á menor porcentaxe de viticultores profesionais a tempo completo. As grandes cooperativas e as adegas si que aseguran as súas propias producións.

Que tipos de axudas existen para a contratación de seguros agrarios en Galicia?
Ademais das axudas á contratación de seguros de ENESA, que facilita o Ministerio de Agricultura, en Galicia, a diferenza doutras Comunidades Autónomas, a Xunta mantén tamén unha axuda á contratación de preto dun 20% da axuda que dá o Estado. É dicir, que se un gandeiro ten unha axuda de 1.000 euros de ENESA para a contratación de seguros, a Xunta achega outros 200 euros.

Creo que Galicia é das mellores comunidades do Estado en axudas para a contratación de seguros.

Que outras pólizas específicas para o sector agrogandeiro tedes en Ucoga?
Temos un seguro para granxas que está a ter unha moi boa acollida no mercado. Hai que lembrar que a granxa é o principal capital inmobilizado que ten o gandeiro. Neste sentido, a maior parte das incidencias que temos son por danos eléctricos nas salas ou nos robots de muxido.

 “Detectamos moitas carencias nas pólizas que había para as explotacións lácteas”

En Ucoga detectamos moitas carencias nas pólizas que existían para as explotacións lácteas: franquías moi elevadas, que non aseguraban salas de muxido a partir dunha antigüidade determinada, que non se cubrían fosas de xurro…etc. O que fixemos foi sentarnos cos gandeiros, detectar estas deficiencias e sacar un seguro específico.

Tivestes casos de explotacións que crebarían de non ser pola póliza do seguro?
Sen dúbida. Por poñer un exemplo, hai poucos meses pagamos 200.000 euros por unha colleitadora na comarca do Deza que levaba dez días asegurada e que tivo un accidente en plena campaña de ensilado do millo. Creo que esa empresa tería moi difícil sobrevivir se non tivese seguro agrario. Tivemos tamén casos de baleirados sanitarios, de saneamentos cunha porcentaxe elevada de animais sacrificados, de incendios en granxas…etc.

A día de hoxe penso que é unha temeridade non contratar un seguro agrario para unha granxa.

Que recomendacións darías á hora de contratar seguros agrarios e gandeiros?
No tema pecuario, recomendaría contratar o seguro de retirada de cadáveres, e en canto á liña de vida que polo menos cubra un saneamento extra, xa que compensa economicamente pola maior cobertura que ten respecto ao seguro básico.

“Recomendaría revisar todas as cláusulas da póliza da granxa”

Creo que tamén é importante a cobertura de partos, xa que o custo da póliza en relación ás incidencias por partos que adoita haber nunha granxa adoita compensar economicamente ao gandeiro que o contrate.

En canto á instalación, recomendaría ao gandeiro que revise todas as cláusulas da súa póliza de seguros. Por exemplo, se cobre a contaminación que puidese provocar a súa fosa de xurro. No relativo á maquinaria da sala de muxido e do tanque de frío, comprobar se a póliza cobre danos eléctricos, o límite de antigüidade da maquinaria que establece ou as franquías que poida ter.

En caso de dúbidas, desde UCOGA comprometémonos a revisar as pólizas do gandeiro sen ningún compromiso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información