Detectados positivos por coronavirus nunha granxa de visóns da Baña

Todos os animais da explotación, máis de 3.000, serán sacrificados para evitar o posible risco de propagación ás persoas. Trátase do segundo caso detectado en España logo do que obrigou a sacrificar 92.000 visóns americanos en Teruel no mes de xuño

granxa visonsA Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade do SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Galicia, no concello coruñés da Baña.

En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral de coronavirus nesta granxa. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.

A comunicación da positividade, que tamén se trasladou ao titular da explotación, faise consonte ás normas vixentes en España de comunicación de enfermidades emerxentes

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visón americanos en España, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade, e no que colaborou activamente Galicia. En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns da nosa comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas.

O protocolo establece que se fagan probas PCR só en caso de detectar visóns con síntomas ou de que un traballador sexa diagnosticado con covid-19

“O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía”, asegura a Consellería do Medio Rural nun comunicado.

Sacrificio de máis de 3.000 animais nos vindeiros días

Nos vindeiros días, en aplicación da normativa legal vixente e co fin último de preservar a saúde pública, levarase a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, que conta con 3.100 animais en total (2.500 femias e 600 machos), así como as medidas de desinfección e control do brote.

Nos próximos días levarase a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, así como as medidas de desinfección e control do brote

Este foco notificarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea, tratándose do segundo caso de infección por coronavirus en visón americano en España, tras o detectado no pasado mes de xuño nunha granxa da provincia de Teruel e que obrigou a sacrificar 92.000 animais. 

Bioseguridade e test nas explotacións

A Unión Europea fixo unha recomendación aos distintos países para que se fixesen tests tanto a animais nas granxas como a persoas que traballan nestas instalacións despois de detectarse unha cepa do virus cunha mutación asociada a explotacións de visón americano en Países Baixos e Dinamarca. Até o momento, Países Baixos, Dinamarca, Francia, España, Suecia, Italia e Estados Unidos notificaron á OIE a aparición de casos de coronavirus en visóns de granxa.

Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións, explica o Goberno galego.

Tras detectarse as primeiras cepas nos Países Baixos, en Dinamarca foron sacrificados 17 millóns de animais

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.

Un total de 25 granxas activas na comunidade, que ostenta o 80% da produción española

A primeira granxa de visón americano instalouse en Pontevedra en 1959. Nas seguintes décadas o número de explotacións deste tipo proliferaron ata alcanzar máis de 200 en toda a xeografía galega. A maioría pecharon pero as que sobreviviron medraron e especializáronse.

Hoxe, a maior parte das granxas de visóns de España están en Galicia, de onde sae o 80% da produción de todo o Estado con destino á industria peleteira de todo o mundo. Na actualidade contabilízanse un total de 25 granxas activas de visóns na comunidade, cun censo de 69.186 reprodutoras.

Os gandeiros de visón que hai na comunidade integran a Asociación Galega de Criadores de Visón (Agavi). As provincias da Coruña e Pontevedra reúnen á maior parte das explotacións, con concellos como Abegondo ou Carral, Agolada ou Forcarei entre os que maior número de granxas teñen.

Nos últimos anos abríronse en Galicia novas granxas impulsadas por investidores estranxeiros

O sector factura en Galicia uns 12 millóns de euros anuais. A maior parte da produción é exportada. As máis de 600.000 peles de Mustela vison que saen cada ano das granxas galegas cotizan en poxas de EEUU, Canadá ou os países nórdicos, que son quenes controlan o mercado en Europa. As peles véndense secas e en Silleda atópase un importante centro de peletizado aberto hai unha década.

A pel galega, valorada a nivel internacional pola súa calidade

Animados polos bos prezos e o aumento da demanda de produtos da industria peleteira en países como China ou Rusia, nos últimos anos abríronse na comunidade novas granxas, impulsadas nalgúns casos por investidores estranxeiros que se refuxiaron en Galicia fuxindo das normas máis esixentes establecidas noutros países europeos, como en Holanda, que prevé o peche deste tipo de instalacións en 2024, ou da prohibición xa decretada á cría de visón en países como Reino Unido, Austria, Suíza ou Croacia.

A produción véndese en casas de poxas de Finlandia, Dinamarca, EEUU e Canadá

A pel de visón producida en Galicia está entre as máis valoradas a nivel mundial pola súa calidade. O clima galego e as condicións de humidade e horas de luz axudan á elasticidade e suavidade do produto. Como principais competidores das granxas galegas atópanse Dinamarca, Holanda, Finlandia ou Polonia. A nivel mundial o maior produtor é China, que copa o 70% da pel producida, aínda que de menor calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información