A Consellería do Medio Rural vén de comunicarlle hoxe ao Ministerio de Agricultura a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Santiago de Compostela. Tras a detección, procederase a efectuar novas analíticas aos animais da explotación para determinar as actuacións futuras a levar a cabo. Este é o segundo caso que se produce en Galicia en granxas de visóns, tralo detectado noutra explotación do concello da Baña (A Coruña).
En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 na granxa de Santiago en dúas mostras. Dende ese momento, a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural.
A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia. En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns da nosa comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas, así como tomas de mostras e análises rutineiras cada 15 días.
A granxa compostelá na que se detectou o foco conta con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos) e estanse realizando os estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección. En toda Galicia, actualmente existen un total de 25 granxas deste tipo en estado de alta, cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.
Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.