A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (Mapa) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada no concello coruñés de Carral.
En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa en cinco mostras. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural. A enquisa epidemiolóxica realizada na granxa non amosa ningunha sintomatoloxía nos animais presentes.
A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos Ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que colaborou activamente Galicia.
No marco deste programa, nesta granxa estábanse a facer controis e tomas de mostras rutinarias de animais cada 15 días e ata o momento tódolos resultados foran negativos. Así, tras a detección do foco positivo, a granxa foi inmobilizada polos servizos veterinarios oficiais da Consellería e sometida a probas sanitarias que resultaron positivas a SARS-CoV-2 en cinco dos animais mostrexados.
As cepas virais detectadas nos animais serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección, aínda que todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana, neste caso dun traballador que estivo afectado polo coronavirus.
Terceiro caso en Galicia
Este é o terceiro gromo en granxas de visións americanos que se rexistra en Galicia. O primeiro deles detectouse a comezos deste ano nunha gandería de A Baña (A Coruña). Daquela foron sacrificados tódolos animais da explotación, máis de 3.000 exemplares, para evitar o risco de propagación ás persoas. O da Baña foi o segundo caso detectado en España, logo do que obrigou a sacrificar a 92.000 animais nunha granxa de Teruel hai agora un ano. En Galicia, o segundo contaxio produciuse no mes de marzo, nunha granxa de máis de 6.500 animais situada en Santiago de Compostela.
En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras. Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en abril de 2020, en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as ganderías activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións.
Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas.
“O Goberno galego continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, en permanente coordinación coa Consellería de Sanidade, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía”, informan nun comunicado remitido esta tarde pola Consellería de Medio Rural.
Este foco comunicarase oficialmente por parte do Ministerio á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea.