A Consellería do Medio Rural detectou o primeiro caso de infección polo serotipo 3 da enfermidade da lingua azul na provincia de Lugo. O caso xa se comunicou ao Ministerio de Agricultura logo de ser confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). A notificación ao Ministerio é obrigatoria por tratarse do primeiro caso deste serotipo na provincia.
No pasado mes de xullo xa se detectara unha infección polo serotipo 8 na provincia luguesa e outros dous na de A Coruña. Estes catro son os primeiros casos detectados en Galicia despois de abril, cando se considera que remata o período invernal libre de circulación do vector transmisor (insectos do xénero Culicoides spp).
A explotación bovina afectada atópase no concello de Chantada e foi detectada por vixilancia pasiva do seu titular, quen comunicou aos servizos veterinarios oficiais a sospeita de enfermidade no marco do programa de vixilancia da presenza da lingua azul que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia. As análises certificaron en laboratorio a circulación do serotipo 3.
Dende a administración insisten en lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, só a través da picadura dun insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.
Polo de agora seguen sen detectarse en Galicia casos de infección polo serotipo 4 tanto o pasado ano como o que vai do actual 2026. En 2025 houbera 4 casos de infeccións polos serotipos 3 e 8 que afectaran ás catro provincias. Este ano non se detectaron casos ata o de agora nin en Ourense nin en Pontevedra. A Xunta considera que o baixo número de infeccións é debido ás campañas de vacinación obrigatoria dos anos anteriores a 2025.
A día de hoxe en España xa non hai en funcionamento ningún programa de erradicación con vacinación obrigatoria fronte esta doenza. Aínda así, a Xunta de Galicia e os seus servizos veterinarios continúan a recomendar a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección e de contención do avance da lingua azul.
Dende a Xunta lembran que as vacinas fronte estes serotipos, e máis o resto dos circulantes en España, poden adquirirse nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios coa prescrición correspondente. A Consellería do Medio Rural continúa tamén coa distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para o gando bovino e ovino, e fronte os 3 e 8 para o gando ovino, especie que adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.
Tamén se recomenda evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase ademais a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos servizos veterinarios oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten na súa cabana.
Galego








Control OJD