Detectada a primeira mancha de mildiu nun viñedo do Salnés

Publicidade
Detectada a primeira mancha de mildiu nun viñedo do Salnés

Detectada a primeira mancha de mildiu nun viñedo do Salnés. Foto: Estación Fitopatolòxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, informa de que esta semana detectouse a primeira mancha de mildiu en viñedos do Salnés, polo que recomenda empezar a revisar as viñas e , de ser necesario, realizar o primeiro tratamento antifúnxico.

En concreto, o centro informa de que o luns 11 recibiron distintas informacións de tres técnicos que lles alertaban da detección da primeira mancha de mildio nalgúns predios de O Salnés.

“Xa dous días antes algún viticultor nos informara do mesmo, pero sen imaxes e polo tanto sen confirmación. (…) Achegámonos ao Salnés, onde puidemos comprobar que efectivamente aparecera a mancha ﴾cunha esporulación moi incipiente﴿ en dúas viñas. Dáse a circunstancia de que en ambos predios a maioría das xemas aínda estaban en “follas estendidas” polo que a priori non parecía que foramos detectar o síntoma; sen embargo, tamén había gromos
máis adiantados, e foi neles onde apareceron, e mesmo nun caso nunha folla basal de moi pouca superficie”, precisa o equipo técnico da Estación Fitopatolóxica.

Durante estas xornadas houbo choivas alternando con períodos de claros e as previsións son de melloría de cara á fin de semana e inicios da semana próxima. En calquera caso, a primavera é unha estación do ano onde a situación pode variar con facilidade, e por iso é mellor estar alerta ás previsións diarias.

Ante esta situación, a recomendación dos técnicos da Estación de Areeiro son “iniciar as revisións ás viñas, porque aínda que sabemos que nestes días aparecerá a primeira mancha en todos os predios, as condicións de desenvolvemento da vexetación, de aireación, etc. poden variar”.

“En caso de non facer as revisións, será preciso tratar nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan, considerando que a viña debe estar seca ﴾pódese engadir un mollante para facilitar a adherencia do funxicida﴿ e que non debe haber ventos de velocidade superior a 3 m/s ﴾10,8 Km/h﴿ para que o produto non sexa arrastrado fóra da viña”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información