Destinan axudas directas aos produtores da IXP Faba de Lourenzá

Medio Rural dará as axudas de 2.000 euros por hectárea e porá en marcha en abril un instrumento financeiro para o agro galego a través do que os produtores poderán acceder a créditos en boas condicións

Publicidade
Destinan axudas directas aos produtores da IXP Faba de Lourenzá

A Consellería de Medio Rural abrirá unha liña de axudas directas para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. Estas subvencións, de carácter excepcional, servirán para poñer en valor a calidade diferenciada desta produción.

Esta liña abrirase para facer fronte a unha situación extraordinaria, estará suxeita a mínimis e farase mediante un convenio coa IXP para facer chegar os fondos aos fabeiros, co fin de axudalos e tamén “para incentivar” que os produtores que están fóra poidan acollerse a este selo de calidade. Estase concretando a posibilidade de chegar a un importe de arredor de 2.000 euros por hectárea.

Durante o encontro con alcaldes e representantes municipais da zona de Ribadeo, a conselleira María José Gómez tamén anunciou que se abrirá en abril un instrumento financeiro para dotar de liquidez aos agricultores e gandeiros galegos en xeral e de modo específico para os de Faba de Lourenzá, co fin de que poidan facer fronte á sementeira. Este apoio, sinalou Gómez, “é necesario para todos os produtores que se viron afectados polo temporal Kirk e pola pluviometría que veu despois e que lles impediu facer eses cultivos”.

Así, facilitarase aos agricultores e gandeiros acceso a capital circulante para as súas explotacións. Engadiu que a Xunta farase cargo dos intereses e dos gastos de formalización e avais, de tal maneira que os beneficiarios só terán que reintegrar o importe do crédito que perciban, “pero sen ningún tipo de interese nin custos adicionais”, remarcou.

Buscan converter o Pedro Murias nun centro de referencia, de forma que funcione, tamén, como punto de realización de campos de ensaio

Outro dos anuncios que fixo foi que se está pechando un calendario de xornadas informativas e formativas que acollerá o centro Pedro Murias, co obxectivo de fomentar entre os produtores a incorporación de prácticas agronómicas, tales como a rotación de cultivos, marcos de plantación, eliminación de virosis na semente e outras que se consideran necesarias para mellorar o seu labor. Advertiu que se quere converter o Pedro Murias nun centro de referencia, de forma que funcione, tamén, como punto de realización de campos de ensaio. Trátase, indicou a conselleira, de “informar e formar aos produtores sobre este cultivo e sobre como traballar cos fitosanitarios para eliminar a enfermidade e con semente seleccionada libre da doenza”.

Incidiu a maiores en que os agricultores e gandeiros, “para seren competitivos, teñen que ser profesionais” e iso pasa por asegurar as súas producións. Lembrou, neste sentido, que a Xunta destina este ano 9,5 millóns de euros a financiar as pólizas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información