Destacada presenza galega nas manifestacións en Madrid contra o acordo co Mercosur

Arredor de 500 gandeiros e labregos procedentes de Galicia participaron na manifestación na capital de España que tiña como eixe central o rexeitamento ao acordo comercial co Mercosur. Tamén se reivindicaron melloras na PAC e se denunciou a falta de rendibilidade das explotacións

AGROMURALLA MADRID

Agromuralla, a Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema (AGGS) e a Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG) encabezaron a representación galega, formada por preto de medio millar de gandeiros e agricultores, na protesta contra o acordo entre a UE e Mercosur que tivo lugar no centro de Madrid.

A mobilización foi convocada pola Unión de Uniones e a Unión Nacional de Asociaciones del Sector Primario Independientes e transcurriu sen incidentes, máis aló das retencións para o tráfico rodado nas principais rúas da capital.

Dende Galicia foron trasladados ata Madrid uns 15 tractores que se desprazaron en camións góndola ata as aforas da cidade para, posteriormente, incorporarse aos actos de protesta. “A mobilización viuse ralentizada polos atrancos que puxo a policía para o avance dos tractores, se ben non se produciu ningún altercado”, sinala Carlos Dablanca, de Agromuralla, que acudiu este mércores a Madrid.

Dende a Delegación do Goberno na capital cifran en 2.500 o número de participantes na protesta, mentres que as entidades organizadoras falan de máis de 8.000. “O que puidemos percibir foi o apoio da xente da rúa. Todo o mundo nos daba ánimos para seguir adiante coa nosa loita en defensa do sector primario”, sinala Dablanca.

O acordo comercial co Mercosur foi o motivo principal da mobilización

O acordo comercial co Mercosur foi o motivo principal da mobilización         Foto: Carlos Dablanca

Os participantes na manifestación fixeron unha parada diante do Congreso dos Deputados para que os parlamentarios tomasen nota das súas reclamacións e, posteriormente, dirixíronse ata a sede do Ministerio de Agricultura, no barrio de Atocha, para desenvolver os actos centrais da protesta e a lectura dun manifesto.

Dende a organización cifran en 500 os tractores presentes na mobilización, mentres que a Delegación do Goberno rebaixa a cifra ata 367. Dende toda España chegaron 56 autobuses cargados cos gandeiros e agricultores que acudían protestar. Se ben, moitos optaron por se desprazar en vehículos particulares ou en tren.

Como resultado da protesta, o tráfico rodado incrementouse nun 0,8% na M-30, se ben non houbo retencións de importancia nin se descpontrolou a situación, segundo sinalan dende o departamento de urbanismo do concello de Madrid.

Ademais de protestar contra o acordo comercial co Mercosur, os manifestantes reclamaban que non se reduza o orzamento da PAC, que se simplifiquen os trámites burocráticos no día a día das explotacións e que se aplique escrupulosamente a Lei da Cadea Alimentaria.

Paralelamente ao acto de Madrid, celebrouse outra protesta nas rúas de Logroño na que se denunciaba a falta de rendibilidade que están a sufrir as explotacións agrogandeiras por causa das regulacións e normativas estatais e europeas.

Segundo os convocantes, a policía ralentizou o avance dos tractores polas rúas da capital Foto: Carlos Dablanca

Segundo os convocantes, a policía ralentizou o avance dos tractores polas rúas da capital   Foto: Carlos Dablanca

Os organizadores sinalan que a de hoxe en Madrid foi só a primeira das protestas e aseguran que non deixarán de mobilizarse ata que se escoiten as súas demandas e se creen mesas de negociación para buscar solucións aos problemas que veñen denunciando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información