Desigual seguemento da folga de entregas de Suprema, limitada a Lugo

Falamos con organizacións e cooperativas do sector para coñecer a súa visión sobre a folga de entregas de Ternera Gallega, convocada a semana pasada por Gandeiros Galegos de Suprema

Desigual seguemento da folga de entregas de Suprema, limitada a Lugo

Hai unha semana que comezou a folga de entrega de animais, tanto de becerros como de vacas para desvelle, e está previsto que se estenda ata o 7 de setembro, mais o seguimento da mesma está a ser desigual. O maior apoio á folga sitúase en Lugo, en concreto entre os concellos da Fonsagrada, Baralla e Láncara, entre outros, segundo o balance do sector.

No resto de provincias, en xeral, percíbese falta de respaldo, no caso de Ourense porque os gandeiros teñen agora a súa maior preocupación na EHE, que lles está a afectar de maneira contundente, e tamén porque hai quen opina que a folga pode ser desfavorable para o sector, no caso de que se cheguen a desatender compromisos comerciais cos puntos de venda.

Santiago Rego. Gandeiros Galegos da Suprema

“O obxectivo é concienciar ós consumidores, non desabastecer os supermercados”

Santiago Rego, gandeiro de Mazoi (Lugo) e portavoz de Gandeiros Galegas da Suprema, indica que esta folga foi convocada tras un acordo en asemblea. Nestes momentos, segundo explica, hai xente socia e non socia que a está secundando, “pero tamén hai outras persoas que non, como en calquera folga”.

Resalta que inflúe moito a situación persoal e familiar de cada gandeiro “e entendemos que hai persoas que non se poden permitir non entregar animais”. Destaca que a situación é delicada, pero a finalidade non é desabastecer os mercados “porque entraría carne de fóra”, senón concienciar ao consumidor para que teña constancia de que o que paga por un quilogramo de carne Suprema nos lineais non é o que repercute no produtor, “senón que queda no camiño”.

Rego destaca que a falta de coñecemento leva a malos entendidos e lembra que neste ano están cobrando 5,8-5,9 euros o kg cando o pasado ano estaban nos 6,2.

O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema recalca que “nunca sabemos cando é o momento axeitado para a folga. Os socios e socias da asociación consideraron que este era un bo momento e que non se podía esperar, e decidimos organizala así”. Destaca que producir esta carne é unha forma de vida, unha tradición e unha maneira de manter á xente no rural.

“Hai goteo constante de peches de explotacións e é por algo”, explica e engade que el non quere que o seu fillo viva disto “porque non é rendible. Sábeo a industria, a administración e demais entidades”. Explica que si se alcanzan prezos cos que profesionalizarse e mellorar, ao final chegarán a ter explotacións viables e así podrá haber relevo xenracional, evitarase o abandono do rural etc.: “Todo vai en cadea”.

Brais Álvarez. Sindicato Labrego

“Non pode ser que nos avisen da convocatoria da folga cunha mensaxe e que queiran que os apoiemos”

Dende as organizacións agrarias, Unións Agrarias e Sindicato Labrego, pronúncianse contra os modos da convocatoria de folga. “Non pode ser que nos avisen mediante unha mensaxe que van iniciar unha folga e que queiran que os apoiemos sen sequera saber que están reivindicando na súa totalidade”, explica Brais Álvarez, coordinador do sector da carne no Sindicato Labrego.

Así, engade que están a consultar nas comarcas á afiliación sobre o sentir da folga, se a ven útil e se queren apoiala, “pero agora poñen o foco na problemática da enfermidade EHE, que está a causar máis problemas. Ao final se lles morren os animais por isto, dá igual o demais”.

Brais incide en que antes de convocar a protesta deberían tela consensuado coas demais organizacións, para que todas tivésemos a información precisa para decidir”.

José Ramón González, de Unións Agrarias, recalca igualmente que hai dúbidas sobre esta convocatoria. “Temos claro que o sector necesita apoio e podemos compartir algunhas reivindicacións, pero algunhas destas medidas prexudican aos defendidos”.

O sector necesita apoios e compartimos parte das reivindicacións, pero quizais a folga prexudique ós ‘defendidos’ (José Ramón González, Unións Agrarias)

José Ramón González destaca que cando se emprenden unhas reivindicacións, hai que intentar que, primeiro, non causen danos a quen defendes e “eu, persoalmente, teño dúbidas de que isto realmente teña máis beneficios que danos”. Segundo, “hai que mirar que sexa efectiva e que non se desabastezan os mercados porque así só se perxudica á Suprema”.

Unha opinión similar expresa Marisol López, da Asociación de Empresarios do Gando, que destaca que nos puntos de venda “a fidelidade é cero, de xeito que se non lle serves o produto, buscará quen llo sirva”. Ante isto, indica que dende a Asociación Galega de Empresarios de Gando están de acordo en que se mellore a situación das granxas, “pero igual esta non é a mellor metodoloxía”.

“A fidelidade dos mercados é cero. Se ti non lles serves o produto, buscarán outro” (Marisol López, Asociación Galega de Empresarios de Gando)

Localización da protesta
Sobre o impacto real da folga no agro, Marisol López, explica que polo momento perciben moita tranquilidade. “Nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, tranquilidade total, non temos constancia de nada, estase a concentrar todo en Lugo, é máis, diría que en determinados concellos como Láncara, Baralla ou A Fonsagrada”, analiza.

Dende a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, confirman que decidiron suspender os envíos de xatos a través da asociación e quitar a carne da páxina web. “Os socios e socias teñen total liberdade de enviar igualmente, pero é certo que hai un amplo apoio á folga”. Esta decisión foi tomada tras a convocatoria de folga, “que todos deberíamos apoiar porque non é un problema só da Suprema, senón de todo o sector”.

“É necesario que se faga algo xa porque co paso do tempo non haberá quen produza Suprema”, subliña Marcos López, presidente da Asociación de Gandeiros da Fonsagraga. Explica que esta folga non se fixo para desabastecer, senón para concienciar ao consumidor e incide en que dende a PAC se pon o foco na comida de calidade, “pero se seguimos así vai ser imposible que se consuman produtos de calidade porque controlar as importacións é complexo”.

“A PAC quere que produzamos comida de calidade, pero se seguimos así, non haberá quen produza Suprema. Son necesarias medidas xa” (Marcos López, Asociación de Gandeiros da Fonsagrada)

Pola súa banda, dende a cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo) indican que, polo momento, poucos socios se sumaron a apoiar esta folga. O seu xerente destaca que os socios que comercializan coa Cooperativa “están contentos, porque nas vendas directas temos boas cifras”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información