Desestímase unha proposta para paliar os danos do lobo nos cabalos

Os poldros depredados quedan normalmente fóra das indemnizacións, pois ou non aparecen os restos ou atópanse cando xa pasou o prazo de 72 horas para notificar a súa perda. O Bloque propuxo no Parlamento galego medidas de apoio, que foron rexeitadas

Desestímase unha proposta para paliar os danos do lobo nos cabalos

Cabalos no monte veciñal de Carballo (Friol).

O progresivo declive do cabalo nos montes galegos ten complicada solución. Ás obrigas legais -como a colocación de microchips-, que minguaron as greas na última década, súmase cada vez con máis intensidade o problema do lobo. A menos cabalos no monte, máis presión sobre os que quedan. A situación chegou a tal punto que comunidades de montes que continúan apostando polo cabalo a penas dan chegado ó verán con poldros vivos.

En vista da situación, o deputado do Bloque Xosé Luis Rivas ‘Mini’ propuxo na comisión de Agricultura do Parlamento un cambio na liña de indemnizacións para apoiar ós besteiros.

“Poderíase facer un reconto de poldros cada verán e pagar os que falten, calculando un 10% de preñeces perdidas, ou establecer un pago por cabalo adulto, en base ó beneficio ambiental que aportan, pois manteñen baixo control o mato do monte, reducindo os riscos dun lume, e tamén é importante que o mantemento dos cabalos reduce a presión dos lobos sobre o resto do gando”, resaltou ‘Mini’.

Ese apoio -incidiu Mini-, podería ser a vía para lograr que se manteñan no monte greas fortes que teñan capacidade de defenderse dos lobos. A maiores, o deputado do Bloque pediu un plan de apoio á comercialización da carne de poldro, pois na actualidade “págase por cada poldro 40 euros, o mesmo que custa chipealo”, cuestionou.

Debate
A proposta foi respaldada polo grupo socialista, que lembrou que un cabalo adulto “pode comer 2 toneladas de toxo ó ano”, segundo expuxo o deputado Martín Seco; pero o grupo popular opúxose á iniciativa. Entenden os populares que o actual sistema de indemnizacións por danos de lobo é xusto e garantista, polo que establecer un criterio máis flexible para os cabalos podería supoñer un “agravio comparativo”.

O deputado do PPdeG Rubén Lorenzo acusou ó Bloque de buscar unha “manobra de distracción” por apoiar a inclusión do lobo no listado de especies protexidas.

A ese respecto, ‘Mini’ retrucou que a proposta sobre as bestas xa se presentara en anteriores ocasións e defendeu a busca dunha convivencia entre lobo e gando. “Esa convivencia ten que pagala á sociedade -valorou-. O cabalo non desaparecerá do monte galego polo lobo senón polas súas políticas”, cuestionou o deputado do Bloque, que lembrou que no periodo 2013-2015 e no 2018 non houbo axudas de prevención de danos no agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información