Desenvolven unha ferramenta intelixente de xestión e trazabilidade nas cortas de madeira

ChainWood inclúe un software e unha aplicación web e móbil que mellora, axiliza e fai máis transparente a comunicación entre os distintos actores implicados na cadea de subministración, xa que a información é accesible en tempo real

coronavirus novas tecnoloxias forestal1

O proxecto ChainWood desenvolveu con éxito, tras dous anos de traballo e colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e outras entidades do sector forestal e innovación, unha solución que aplica a tecnoloxía ‘blockchain’ para facer máis eficiente e sostible o sector da madeira.

O obxectivo deste proxecto de ámbito nacional foi deseñar e desenvolver unha infraestrutura de software segura baseada en ‘blockchain’ aplicable a diferentes subproductos da primeira transformación da madeira, desde madeira sólida, desintegración, pasta de celulosa e biomasa, permitindo aos distintos actores (propietarios, asociacións, empresas de explotación forestal, transportistas, certificadoras, administracións públicas e transformadoras) unha ferramenta de xestión e trazabilidade do produto máis eficiente, segura e sostible.

Nos últimos meses do proxecto, realizáronse probas piloto en Galicia, Asturias e Castela León para comprobar a efectividade da solución blockchain desenvolvida, de maneira in situ en varias localizacións, con diferentes tipos de madeira e con usuarios reais: produtores, industrias transformadoras e de aproveitamento, e empresas de loxística.

A información está dispoñible en tempo real e permite simplificar a documentación e axilizar os distintos procesos

Entre as vantaxes da solución ChainWood destacan “o seu potencial para mellorar a comunicación entre os distintos actores implicados na cadea de subministración pois a información é accesible en tempo real e mellora os rendementos, ao simplificar a documentación e axilizar os procesos”.

Especialmente importante é o papel que podería ter no futuro a solución ChainWood se se integran os procedementos das distintas Administracións cuxas autorizacións son necesarias nalgúns casos para levar a cabo os aproveitamentos, pois desta forma “comodamente a golpe de clic aforraríanse viaxes, papeleos innecesarios e inseguridades”, indican.

Probas piloto en Galicia

En Galicia, leváronse a cabo tres probas piloto con empresas de transformación do piñeiro e eucalipto, e cunha empresa de aproveitamento e loxística forestal. As localizacións para a execución das probas foron en municipios de Pontevedra e Lugo e realizáronse durante o pasado mes de xullo.

Galicia, Asturias e Castela e León foron as zonas onde se realizaron as pilotaxes en piñeiro, eucalipto, chopo e castiñeiro

Jesús Martínez, coordinador do proxecto e director da consultora forestal FMC, sinala que as pilotaxes executáronse “en escenarios reais e coa participación dos equipos de cada unha das empresas, onde cada membro exerceu un perfil determinado: produtor, xestor de ofertas, xestor de pedidos e operacións, xefe de aproveitamento, transportistas”.

Ademais, levouse a cabo unha batería de probas que “permitiu identificar a idoneidade da solución, así como melloras e modificacións que é necesario realizar para poder dispoñer dun produto mínimo viable de interese para o sector da transformación da madeira en España”.

A aplicación permite conectar a toda a cadea de subministración, desde a corta da madeira no monte ata o seu destino final nas empresas de transformación

ChainWood é unha solución de grande interese para as empresas do sector, como destaca Jesús Martínez, pois permite: “dispoñer dunha plataforma global e universal que facilita os procesos de subministración da madeira entre os distintos participantes, comparte información do proceso entre os usuarios, ofrece garantías ás partes sobre as transaccións que teñen lugar nos procesos de subministración, incorpora procedementos administrativos en materia de autorizacións ou certificación forestal e dispón dun enorme volume de datos que contribúen a gañar eficiencia en áreas de xestión, organización e toma de decisións”.

Esta solución innovadora poderá ser útil “desde o pequeno propietario que poderá visualizar cal é o estado da súa produción e en que fase de aproveitamento atópase ata unha gran empresa que dispoñerá dunha plataforma que lle permitirá estar conectado con toda a súa cadea de subministración formada por centenares de usuarios”, sinala Jesús Martínez.

Grupo operativo supranacional

ChainWood é un grupo operativo supranacional, creado con financiamento da convocatoria de grupos operativos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cunha subvención de 539.000,01€ cofinanciada nun 80% con Fondos FEADER, aplicados a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento rural e Política Forestal, e un 20% pola Administración Xeral do Estado.

O consorcio que desenvolveu este proxecto estivo composto por dous socios forestais: FMC consultoría forestal e Madeiras Siero; dous socios tecnolóxicos: Accuro Technology e Emergya; unha asociación de propietarios forestais, FAFCYLE; dúas fundacións tecnolóxicas: CETEMAS e CTA, e unha agrupación industrial industrial: Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.

O grupo operativo ChainWood estivo traballando durante dous anos para ofrecer solucións concretas aos diferentes actores da cadea forestal e creou unha infraestrutura de software así como unha aplicación web e móbil que permite un acceso máis transparente, eficiente, sostible e seguro ao produto, ao mercado e a todas as operacións que se realicen entre os participantes desta cadea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información