Desenvolven en Asturias un sistema que avisa automaticamente aos servizos de emerxencia en caso de accidente con maquinaria agrícola ou forestal

Trátase dunha aplicación pioneira no sector e de uso sinxelo que funciona mediante o teléfono móbil e aínda que no lugar do sinistro non haxa cobertura

tractor envorcado estandarAs nuevas tecnoloxías poden axudar a previr accidentes e a salvar vidas no sector agroforestal. O Instituto Asturiano de Prevención de Riesgos Laborales dispón xa dunha aplicación móbil que lanza un aviso automático aos servizos de emerxencia en caso de sinistros por envorque da maquinaria, a principal causa de morte en caso de accidente.

A App, que se denomina S.O.S Vuelco, é de descarga gratuíta e está dispoñible en Play Store, aínda que de momento é válida só para móbiles con sistema operativo Android. Sinxela de utilizar por parte dos usuarios pero complexa en canto ao seu desenvolvemento tecnolóxico, detecta en tempo real as situacións de risco, informando ao condutor, e lanzando automaticamente un aviso ao 112 en caso de accidente.

Este sistema pioneiro, innovador no sector, dispón dunha nova forma de comunicación co 112 que mesmo sen cobertura da internet, é capaz de enviar a xeolocalización da persoa accidentada ao servizo de emerxencias, xerando, ademais unha locución con toda a información do suceso.

S.O.S Vuelco detecta situacións de risco e avisa ao condutor para que tente corrixila e, en caso de accidente, comunica directamente co 112

O uso da ferramenta é sinxelo, xa que, unha vez configurado o sistema por parte das persoas usuarias, este emite un aviso sonoro no caso de que detecte unha inclinación potencialmente perigosa a fin de que esta poida corrixirse canto antes.

Acorta o tempo de resposta no rescate

Imprimir

Ademais, no caso de que detecte un envorco ou impacto na maquinaria, o propio sistema realiza un aviso aos servizos de emerxencias (112) e aos familiares que estean configurados previamente como persoas de contacto en caso de emerxencia, enviando tamén a localización da persoa accidentada a fin de que poida ser atendida canto antes.

O sector primario, é un dos sectores que ten un índice de sinistralidade máis elevado xa que conflúen nel diversos factores de risco como a antigüidade da maquinaria utilizada ou o exceso de confianza no seu manexo. A iso súmase que, dado o inaccesible das zonas de traballo e que estes labores adóitanse desenvolver de forma individual, os accidentes non se detectan ata pasado un longo período de tempo que pode ser crucial para a persoa accidentada.

Funciona en zonas sen cobertura

A aplicación, financiada polo Goberno do Principado, foi desenvolta polo Centro Tecnolóxico CTIC para o Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais e presentouse xa en distintas localidades asturianas, como Cangas del Narcea ou Tineo, para explicar o seu funcionamento a agricultores, gandeiros e traballadores forestais e poñela á súa disposición.

Fran Rojo, técnico do CTIC e membro do equipo que desenvolveu o dispositivo, explica que “aplicacións hoxe en día hai para todo, pero o problema co que nos atopabamos en Asturias é que en moitas zonas non había cobertura e a maioría das aplicacións necesitan cobertura tanto para funcionar como para xeolocalizar”, indica.

O móbil automaticamente avisa aos servizos de emerxencia e permite reducir os tempos de resposta dos equipos de salvamento

“Esa é precisamente a principal achega de S.O.S Vuelco, xa que é capaz de enviar un aviso coa nosa localización exacta en caso de accidente sen necesidade de que haxa cobertura no lugar onde se produce o sinistro”, destaca.

A aplicación recolle automaticamente as coordenadas de lonxitude e latitude que permiten xeorreferenciar o lugar exacto onde se atopa o dispositivo nese momento e, tras pasar por un servidor interno, son remitidas ao 112 aínda que nese lugar non haxa cobertura de datos.

Información ao condutor sobre a inclinación do terreo

procesadora forestal john deere guifor

O dispositivo funciona en base aos propios sensores que leva o teléfono móbil (xiroscopios e acelerómetros internos) e detecta automaticamente envorques ou impactos bruscos. O móbil colócase nun soporte instalado na cabina da maquinaria (non serve que vaia no peto do condutor, xa que debe ir fixo) e, con ela colocada en chao, sen pendentes nin laterais nin dianteira ou traseira, dáselle ao botón de calibración para que o dispositivo entenda que esa é a inclinación cero.

O sistema permite introducir parámetros diferenciados en función do tipo de maquinaria (tractor, retroexcavadora, etc) e da pendente que é capaz de soportar

Deste xeito, a aplicación configúrase en base á inclinación que alcanza o móbil dentro do tractor e, en base a iso, vai lanzando distintos avisos luminosos e sonoros cando considera que a pendente é perigosa ou inadecuada. O sistema permite introducir parámetros diferenciados en función do tipo de maquinaria. “Non son as mesmas pendentes aceptables para un tractor que para unha retroexcavadora que fai traballos forestais, por exemplo”, explica Fran.

O propio condutor pode desactivar eses avisos cando considera que a situación está controlada e non entraña risco algún. Dese modo non se lanzan falsas alarmas, xa que está configurada para que antes de que mande o aviso automático ao 112 o condutor dispoña de 45 segundos para desactivar o aviso. “O 112 recibe moitas chamadas e non queremos xerarlles falsos avisos, senón que as alertas que emita a app sexan reais, para iso hai un servidor interno que filtra eses avisos”, explica Fran.

Achega tranquilidade á contorna do traballador

Tras lanzar o aviso ao 112, abre tamén automaticamente unha canle de comunicación de voz, mediante unha chamada co sistema mans libres, para poñer en contacto aos servizos de emerxencia co condutor accidentado para que, no caso de que o seu estado o permita, poida explicar aos servizos de rescate como se atopa e as consecuencias do sinistro (se se atopa ben ou que danos sufriu, se está atrapado ou pode saír do vehículo, etc).

É unha garantía para as persoas que traballan soas en lugares afastados porque no caso de que lles pasase algo lanzaríase un aviso inmediato

Aínda que a súa principal finalidade é dar aviso en caso de sinistro para activar unha rápida resposta de auxilio, tamén pode evitar que ese accidente se produza, xa que cos avisos sonoros e luminosos que emite avisa ao condutor de que o terreo no que está entrando é perigoso e deste xeito pode estar máis alerta ou realizar a manobra doutro xeito para previr posibles accidentes.

Ademais de avisar aos servizos de emerxencia para que acudan a socorrernos, S.O.S Vuelco ofrece tamén a opción de mandar un email ou un sms a unha persoa de contacto da contorna do condutor (un familiar, un compañeiro da gandería ou da empresa forestal, etc). “É unha maneira tamén de xerar confianza na nosa contorna, xa que saben que aínda que vaiamos sós a traballar no caso de que nos pase algo serían avisados e por tanto iso dálles tranquilidade. É unha tecnoloxía práctica, útil e que xera tranquilidade”, conclúe este técnico do equipo que desenvolveu a aplicación.

FOLLETO SOS Imprenta FOLLETO SOS Imprenta

Entre 15 e 20 mortos ao ano en Galicia desde 2010 en sinistros de tractor

A nosa comunidade é unha das que rexistra maiores cifras de sinistralidade agrícola, xa que, segundo os datos do 112, un total de 143 persoas perderon a vida en Galicia en accidentes de tractor desde o ano 2011 até agosto de 2019, o que equivale a un promedio de entre 15 e 20 mortos por ano.

Os datos poderían ser mesmo superiores, xa que as estatísticas oficiais non contabilizan a totalidade dos sinistros como accidentes agrícolas, dado que o Ministerio de Traballo non considera accidentes laborais aquelas mortes de persoas xubiladas ou que non son agricultores ou gandeiros profesionais.

Por iso en Galicia a maioría dos sinistros non están considerados accidentes laborais, xa que non están relacionados con persoas en activo. Segundo os datos da Xunta, o perfil das vítimas é o dunha persoa maior de 65 anos que está a realizar tarefas ou actividades agrícolas en fincas da súa propiedade. Os rexistros da Consellería de Economía, responsable do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), nos accidentes mortais de tractor que se producen na nosa comunidade máis do 95% das persoas falecidas non están afiliadas ao Réxime Especial Agrario, máis dun terzo das mortes están causadas polo envorcamento do tractor e a media de idade das vítimas ronda os 70 anos.

O envorcamento, principal causa de morte

O informe Sinistralidade mortal agrícola, envorcamentos de tractores e riscos de incendios en colleitadoras (2010-2019), elaborado polas Universidades de Navarra e Zaragoza para a Fundación MAPFRE e presentado na última edición da Feira Internacional da Maquinaria Agrícola (FIMA) indica que Galicia é a comunidade autómoma que rexistra máis falecidos en sinistros con maquinaria agrícola, un total de 184 mortos na última década, dos que 169 serían accidentes de tractor.

A Coruña (con 65 mortos na última década), Lugo (con 53), Pontevedra (45) e Ourense (21) están entre as provincias españolas con máis falecidos

No conxunto de España, producíronse un total de 880 falecidos no mesmo período. Andalucía e Comunidade Valenciana son, tras Galicia, as comunidades con maior sinistralidade agrícola. O informe recompila datos por provincias, onde A Coruña (con 65 mortos), Lugo (con 53), Pontevedra (45) e Ourense (21) sitúanse na parte alta do ranking de falecidos.

O envorcamento é a principal causa de sinistro (case a metade dos accidentes ocorridos con tractores en Galicia teñen esta orixe), seguidos pola saída de vía (2 de cada 10) e polos atrapamentos pola toma de forza (un 10%). O 90% dos envorcamentos con resultado mortal producíronse en tractores que non levaban arco de seguridade.

Os accidentes en tractores antigos, que non dispoñen moitas veces de sistemas antienvorque, levou ao Ministerio de Agricultura a prohibir a venda de tractores de máis de 40 anos que non dispoñan destes sistemas de seguridade homologados.

Parque envellecido, falta de prevención e exceso de confianza

Galicia contabiliza un total de 140.000 tractores, segundo os datos do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), dependente do Ministerio de Agricultura. A Coruña e Lugo son as provincias con maior número de vehículos agrícolas, seguida por Pontevedra e Ourense.

Porcentualmente a nosa comunidade é unha das que ten maior número de tractores de toda España, xa que os vehículos de uso agrícola matriculados en Galicia representan o 15% de todos os existentes no Estado, moi por enriba do peso poboacional e territorial da nosa comunidade.

O parque móbil agrícola caracterízase ademais en Galicia pola súa antigüidade, cunha idade media dos tractores de 28 anos, cando o promedio do conxunto do estado é de 16 anos. Do total dos tractores existentes na nosa comunidade, o 62% ten unha antigüidade que supera os 25 anos e o 20% dos tractores que aínda se atopan operativos foron matriculados fai máis de 30 anos.

Por cada tractor novo véndense 7 usados na nosa comunidade que, cunha media de idade de 28 anos, conta cun dos parques móbiles agrícolas más antigos do Estado

O mercado de segunda man e a venda de tractores usados segue superando amplamente na nosa comunidade á adquisición de vehículos novos, xa que por cada tractor novo que se matricula prodúcense case 7 cambios de titularidade de tractores antigos, máis do dobre que no conxunto do Estado, onde por cada tractor novo comercializado danse 2,5 transaccións de tractores usados. Xunto ao avellentamento do parque de maquinaria e ao mantemento deficiente, factores como a falta de formación e prevención e o exceso de confianza agravan a sinistralidade en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información