Onde calquera persoa non vería máis que cinzas, uns toxos queimados ou o tronco dun eucalipto chamuscado, os axentes medioambientais das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) len sinais que falan da intensidade e dirección do lume. O seu traballo é clave para descubrir as causas dun incendio e, en último termo, para buscar os seus causantes. Acompañamos a un axente das BIIF, José María Carlés, nunha inspección a un área afectada polo lume este verán en Villestro (Santiago de Compostela).
O traballo das Brigadas de Investigación, dependentes da Consellería do Medio Rural, consiste en tirar do fío do incendio ata onde se dea. O fío comeza a pé de monte, reconstruíndo a escena do incendio, e ben pode concluír no xulgado, cun presunto incendiario no banquillo, ou nun informe que propoña medidas correctoras para evitar futuros lumes na mesma zona.
“O noso traballo ten efectos directos na redución do número de incendios ao longo dos anos” (José María Carlés)
“O noso traballo ten efectos directos na redución do número de incendios ao longo dos anos. Creo que é unha das cousas das que podemos sentirnos orgullosos”, analiza José María Carlés, un axente medioambiental con 15 anos de experiencia nunha Brigada de Investigación de Incendios Forestais (BIFF), labor que compaxina coa dirección de extinción de lumes e con actividades de inspección.
Reconstrucción dun incendio
En Villestro (Santiago), a uns minutos en coche do monte Pedroso, visitamos con José María Carlés un área de eucaliptos e monte baixo na que arderon unha vintena de hectáreas este verán. Aquel incendio, como moitos outros, iniciouse de noite, cando os medios aéreos non poden voar, e nun día de forte vento do norte.
“As persoas que orixinan os incendios normalmente tratan de causar o maior dano posible. Son coñecedoras dos factores que dificultan a extinción”, valora o axente mentres desplega o maletín metálico que leva consigo en todas as investigacións. Do maletín saen os banderíns vermellos, amarelos e brancos que servirán para marcar as pistas que vai deixando o lume.
O traballo no monte céntrase en buscar a área de inicio do incendio. Desde o perímetro da zona afectada, vanse marcando cos banderíns vermellos a dirección que seguiu o lume. Os troncos negros dos toxos e das árbores deixan sinais claros. A parte máis tiznada marca a zona de entrada do lume. Lascas na casca, en cambio, son características na zona de saída.
A orientación na que quedan uns toxos chamuscados ou as follas cinzentas dun carballo representan tamén pistas que cómpre interpretar. As opcións son dúas, que a vexetación cedese cara o punto de calor ou que estea a marcar a liña de avance das lapas. Só a lectura conxunta de todos os vestixios e a información que suministra o operativo que participou na extinción permiten reconstruír a dirección do incendio ata dar coa área de inicio.
Non é extraño que os investigadores atopen restos de velas, mechas ou cerillas nas áreas de inicio dos lumes
Ese punto de inicio atopouse en Villestro nun cruce de camiños ó pé da estrada, nunha recta, o lugar perfecto para que a persoa que prendeu o lume controlase o entorno e tivese vías de escape. A zona de inicio balízase con cinta e sobre ela faise unha investigación máis pormenorizada, pincel en man, na busca de elementos extraños ó lugar. Eses indicios, que se marcan con banderíns brancos, son ás veces restos de velas, de mechas ou cerillas.
Na zona cero do incendio de Villestro non se atopa nada e os investigadores conclúen que se tratou dun incendio prendido de xeito directo cun chisqueiro ou medio similar. Outras veces, se a área de inicio quedou moi afectada polo propio lume ou polos traballos de extinción, non é posible chegar a unha conclusión clara.
Motivacións
O traballo no monte para buscar a orixe do lume complétase cunha análise das motivacións que poden estar detrás do incendio. Durante o verán, os incendios intencionados gáñanlle por goleada a aqueles que se puideron orixinar por accidente. “En primavera, cando se poden facer queimas agrícolas e de restos forestais que no verán están prohibidas, si é máis frecuente que os incendios podan deberse a unha falta de coidado, ben a unha neglixencia por non respetar os requisitos que debe cumprir a queima, ben por un accidente incontrolable”, valora José María Carlés.
Durante o verán, época de maior intencionalidade dos fogos, as investigacións céntranse en aclarar que factores puideron motivar a alguén a prender as lapas. Para iso, resultan fundamentais as propias opinións dos veciños, o que os axentes catalogan como “manifestacións voluntarias”.
A investigación concluiu que o lume de Villestro provocouse para afastar do lugar ó xabarín, que estaba a causar danos nos cultivos
“A vantaxe que temos os axentes medioambientais á hora de investigar un lume é que coñecemos o monte, sabemos como se comportan os incendios e ademais vivimos todo o ano no entorno social da área afectada. Damos permisos de corta, de queima, practicamos inspeccións e, en definitiva, temos moitos elementos para valorar o que sucede”, subliña José María Carlés.
Cada incendio, coas súas características de dimensións, hora de inicio, temperatura, forza do vento e outros factores queda ademais rexistrado nunha base de datos que permite rastrexar as series históricas de lumes en busca elementos comúns. “Se hai unha reiteración de incendios na mesma zona, cómpre analizar as motivacións que hai detrás. Pode ser, por exemplo, que haxa unha persoa conflictiva a nivel veciñal ou que se estea a tratar de limpar de mato o entorno dunha aldea. Do 80% dos lumes descubrimos a motivación que hai detrás”, calcula.
No caso de Villestro, logo dunha investigación pormenorizada que incluíu entrevistas ós veciños e unha análise do terreo, concluíuse que o incendio estivo motivado polos danos do xabarín ós cultivos de millo e de patacas. Prendeuse lume nun intento de despexar o terreo de mato e de zonas de escondite para o porco bravo. A propia área na que se orixinou o lume era un paso habitual do xabarín cara a parte baixa do monte, na que se sitúan as terras de cultivo.
Medidas correctoras
A análise das motivacións dos incendios permite ademais concretar as posibles medidas correctoras a adoptar. Todo queda recollido nun informe que se lle envía á Xunta e á Fiscalía.
Se a cuestión é que hai unha persoa conflictiva que adoita pegar lume en determinadas circunstancias meteorolóxicas, os axentes medioambientais, en coordinación con outras forzas de seguridade, planificarán o incremento da vixilancia. “Durante catro veráns seguidos cheguei a vixilar a unha persoa en concreto da que sospeitabamos que estaba causando os lumes nunha zona”, lembra José María Carlés.
O aumento da vixilancia nas zonas conflictivas é unha das medidas habituais que se adoptan
Prevención
A lexislación con respecto á prevención de incendios é outro dos aspectos sobre os que traballan as BIIF. Arredor dun núcleo de poboación ten que quedar unha franxa sen mato de 50 metros, dos que os primeiros 30 deben estar despexados de eucaliptos, piñeiros e acacias. Esa franxa ten que quedar limpa a 30 de xuño de cada ano.
“O minifundio de propiedade que hai en Galicia dificulta moito a vixilancia sobre o cumprimento dos desbroces que marca a Lei, pero nas zonas nas que o consideramos prioritario, notificámoslle individualmente a cada propietario as obrigas coas que debe cumprir”, sinala José María Carlés.