Desconfianza en España ante o plan acción de fertilizantes da Comisión Europea

O Ministerio de Agricultura sinala que o documento da Comisión Europea adoece de financiamento e concreción mentres que os fabricantes de fertilizantes critican a ausencia de medidas concretas de apoio á industria europea do sector

Screenshot

A secretaria xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria, Ana Rodríguez, sinalou este martes que o plan de acción de fertilizantes presentado pola Comisión Europea é “pouco ambicioso” e carece de concreción, consideracións na que coincidiron outros Estados membro no Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea celebrado en Bruxelas.

Ana Rodríguez, que asistiu á reunión en representación do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, manifestou que o plan “queda curto e, aínda que o documento é positivo e necesario no contexto xeopolítico actual, adoece de financiamento e dun cronograma claro, polo que xera incerteza sobre a súa aplicación efectiva”, tal e como xa indicara o ministro.

Rodríguez valorou o impulso á economía circular e o uso de fertilizantes orgánicos ou “Renure” que propón o plan, con todo, substituír totalmente os fertilizantes minerais non é realista a curto prazo. Expuxo a necesidade de garantir a seguridade ambiental e sanitaria no desenvolvemento de novos produtos alternativos aos fertilizantes de orixe mineral.

A secretaria xeral insistiu en que o financiamento do plan non pode prexudicar outras axudas da Política Agraria Común (PAC). Lembrou que España xa puxo sobre a mesa un paquete de financiamento de 500 millóns de euros para axudar aos agricultores ante o incremento de prezo dos fertilizantes.

España conta xa cun paquete nacional de medidas sobre fertilizantes aliñado coas iniciativas europeas, orientado a mellorar a eficiencia da fertilización, diversificar as fontes de nutrientes e favorecer o aproveitamento de materiais orgánicos e subprodutos do biogás.

Comercio exterior e acordo con Estados Unidos

A secretaria xeral agradeceu os esforzos da Comisión por abrir as posibilidades de comercio da UE. O debate virou sobre o comercio con Estados Unidos e a importancia de pechar recentemente un acordo con ese país.

“O acordo alcanzado conta con mecanismos de salvaguardia e España propuxo tres liñas de acción: manter a unidade europea, esixir claridade para sectores sensibles como o aceite e o viño e empregar instrumentos de protección de intereses propios”, destacan desde o Goberno. Ana Rodríguez sinalado que é importante recuperar a confianza nos Estados Unidos a través dun compromiso real da Administración estadounidense cunhas regras comerciais previsibles e estables.

ANFFE considera que “os fertilizantes orgánicos poden substituír como máximo o 3% dos fertilizantes nitroxenados que se aplican actualmente”

Por sul parte, a Asociación Nacional de Fabricantes de Fertilizantes (ANFFE) advirte de que o documento da Comisión Europea “non propón medidas concretas para axudar ao mantemento da súa propia industria, unha das máis eficientes e sostibles a nivel mundial e con capacidade suficiente para abastecer a demanda interna de fertilizantes con produtos de calidade”.

“As palabras de recoñecemento do papel esencial da industria de fertilizantes para a seguridade alimentaria lamentablemente non se plasman en medidas concretas de apoio ás empresas europeas para reforzar a súa actividade produtiva e a súa competitividade. No seu lugar, a Comisión propón fomentar a diversificación, no marco da estratexia Global Gateway e outras iniciativas que outorgan axudas a investimentos en países terceiros, provocando a deslocalización e a desindustrialización en Europa. Ademais, propón medidas comerciais adicionais, para favorecer a importación de países terceiros”, engaden.

Desde ANFFE consideran que “os agricultores necesitan un acceso estable aos fertilizantes, a prezos alcanzables, para seguir producindo alimentos. Por iso, consideramos esencial o apoio directo aos agricultores europeos para a compra de fertilizantes, en liña coas axudas que foron publicadas polo Goberno español”.

Ante a crise actual que está a vivir o sector e os problemas de subministración, a Comisión propón o emprego de nutrientes provenientes de fontes secundarias e produtos orgánicos. No entanto, desde ANFEE advirten de que “aínda que estes materiais poden complementar aos fertilizantes minerais, o seu potencial é bastante limitado”. Neste sentido, lembran que “de acordo cos estudos da Universidade de Wageningen, coas tecnoloxías actuais, os fertilizantes orgánicos poden substituír como máximo o 3% dos fertilizantes nitroxenados que se aplican actualmente, o que demostra o papel esencial dos fertilizantes minerais”.

Por tanto, conclúen que “ees imprescindible un apoio claro á industria europea para poder asegurar a subministración, previr a desindustrialización e reducir a dependencia de fontes externas”. “Neste sentido, esperamos que a Comisión implemente medidas concretas, viables e eficaces para garantir un acceso estable e a prezos alcanzables á enerxía e as materias primas, así como un financiamento específico, un marco regulatorio e unhas condicións que permitan preservar a competitividade das empresas e ofrecer a confianza necesaria para que poidan seguir investindo en novas tecnoloxías”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información