Descobren que canto máis dura a fotosíntese do millo maior é o seu rendemento

Descobren que canto máis dura a fotosíntese do millo maior é o seu rendemento

A senescencia é a fase final de desenvolvemento dos vexetais, concentrando as enerxías no grao

O investigador ecuatoriano Marlon Caicedo presenta os segredos para mellorar o cultivo de millo na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo o título ‘Mellora xenética do millo para senescencia retrasada Stay Green’.

Nesta tese de doutoramento, dirixida  polos investigadores Margarita Lema Márquez (USC) e Bernardo Ordás López (CSIC), Marlon Caicedo afonda no estudo da senescencia no millo, tanto a nivel fisiolóxico como xenético. O propósito principal da senescencia é mover e reciclar os nutrientes dende os órganos vexetativos aos órganos reprodutivos, un fenómeno que inflúe no crecemento do cultivo e na produción de froitos e sementes que servirán como alimento.

A senescencia retardada ou “Stay Green” (SG) fai referencia a un carácter que presentan algunhas plantas e que provoca un retraso no envellecemento das follas respecto ao que é habitual. Como consecuencia, esta característica permite acumular unha maior cantidade de materia seca durante o enchido do gran, o que significa un maior rendemento dos cultivos. Por este motivo, os investigadores teñen en conta esta calidade como criterio de selección na mellora dos cultivos. Ademais, tamén está asociado coa resistencia a patóxenos como os fungos ou os virus.

O novo doutor realizou no marco da súa investigación de doutoramento tres experimentos. O primeiro consistiu nunha caracterización multiambiental da senescencia, na que se revelou que cunha maior duración de actividade fotosintética se acada un maior rendemento do gran. No segundo, o investigador conseguiu identificar caracteres cuantitativos mediante un mapeo de asociación nunha poboación multiparental, a través dos que se descubriron os xenes concretos que están relacionados con este carácter que presentan algunhas plantas, en concreto, un deles explica as diferentes velocidades ás que ten lugar a senescencia.

O terceiro e último dos experimentos desenvolvidos por Marlon Caicedo posibilitou a detección de xenes relacionados coa senescencia e que xuntos forman unha extensa rede de xenes que interactúan conxuntamente e que teñen capacidade para activar ou reprimir as diferentes funcións que se producen durante esta etapa. En concreto, detectáronse 1.083 xenes, vinculados con procesos catabólicos, que aumentan durante este período, e 588, relacionados coa fotosíntese, que diminúen a súa expresión nesta etapa final do desenvolvemento da planta.

Esta tese de doutoramento conclúe que, mediante a modificación do tempo da senescencia, pódese mellorar a produción de gran, forraxe e bioenerxía; é dicir, mellorar os cultivos. A nivel molecular, existen xenes claves involucrados neste proceso de envellecemento que poderían ser utilizados para aumentar a eficacia da mellora vexetal do cultivo de millo.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Marlon Caicedo estivo presidido polo profesor de investigación do CSIC Amando Ordás Pérez. Os doutores Rosa Romero Franco e José Ignacio Ruiz de Galarreta completaron un xurado que acordaron por unanimidade outorgar a esta tese a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información