Unións Agrarias celebra o desbloqueo das transferencias dos primeiros 4 millóns de euros da anualidade 2024 dos fondos do Ministerio de Transición Ecolóxica para a xestión do lobo en Galicia, e anima a que se poñan igualmente a maior brevidade á disposición do sector as anualidades de 2022 e 2023, aínda retidas polo conflito aberto entre o Goberno e a Xunta de Galicia, ao negarse esta última a asinar o “Plan de xestión do lobo”, actualmente recorrido polas Comunidades Autónomas da Cornixa Cantábrica e Castela e León.
Dáse a circunstancia de que a pesar dos recursos destas Comunidades, Galicia era a única delas que tiña os fondos retidos, ao ser tamén a única Comunidade Autónoma das recorrentes, que amais de presentar recurso, negouse a asinar o Plan ministerial, que incluía a inclusión do lobo no listado de especies en protección especial (Lespre).
Unións Agrarias entende que é tempo de deixar as loitas partidistas, a prol dun obxectivo común: acadar a convivencia das poboacións crecentes do lobo coa gandería profesional e de autoconsumo.
Entre os principais retos, a organización enumera os seguintes: “conseguir reducir o número de ataques e baixas na cabana gandeira galega, nun entorno de manexo do gando cada vez máis extensivo e en réxime ecolóxico, garantir a supervivencia do cabalo galego, alonxar as mandas de lobos das contornas habitadas e diminuír o número de mortes en cans de garda e compañía”.
Unións Agrarias advirte de que é preciso que a Xunta dote axeitadamente as liñas de axudas para medidas preventivas e indemnizacións dos danos do lobo, á vez que demanda unha xestión real dos problemas do lobo no rural, formando axentes especializados que poidan facer seguimento en cada comarca dos problemas específicos da mesma (número de exemplares na zona, estrutura das mandas, tipo de gando ameazado, época máis sensible aos ataques, risco para a poboación) e no seu caso propoñer as medidas axeitadas de xestión para control da poboación, riscos e danos.
Accións de caza puntuais
“Para elo, hai que despexar mediante un protocolo de actuación, cando, onde, como e quen poderá aplicar as medidas de caza puntual, que de xeito cirúrxico e preciso se permiten dentro do contexto do “Plan de xestión del lobo” ministerial, xa que aínda que a caza cinexética estará rigorosamente prohibida, non así accións puntuais de control cando tras informe técnico, sexa recomendado como ferramenta para evitar riscos reiterados a explotacións ou para a poboación”, valora Unións.