Un total de 6 investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) veñen de deixar de traballar neste centro dependente da Xunta de Galicia e referente na investigación agraria en España, agravando unha falta de persoal e unha conflictividade coa dirección administrativa que se prolonga dende hai anos.
Neste sentido, as seis persoas afectadas (María Bande, María Isabel García, Adrián Botana, Álvaro García, Roberto Besteiro e Santiago Crecente) , boa parte delas cunha longa e recoñecida carreira investigadora, veñen de remitir a Campo Galego o seguinte comunicado:
Fai poucos días resolveuse un dos concursos de traslados que permite a mobilidade de determinadas escalas de persoal dentro da Consellería de Medio Rural. Este concurso afectou de forma moi negativa ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), pois marcharon do centro 6 investigadores que estaban en plantilla.
Isto deixa ao centro nunha situación moi precaria, pois a falta de investigadores era un problema que xa viña arrastrando o CIAM dende fai anos e que de forma reiterada se puxo de manifesto polo persoal do centro. Conversando cos investigadores que abandonaron voluntariamente os seus postos no CIAM, apuntan as seguintes razóns como motivos principais:
– A grave falta de cobertura de prazas que sufre o CIAM dende fai anos arrastra moitas dificultades para exercer a labor investigadora, na medida en que moitas liñas de investigación eran unipersoais, o cal dificulta enormemente o acceso a proxectos competitivos, onde normalmente se requiren grupos de investigación consolidados con varias persoas. Así mesmo, as xefaturas de departamento están a desaparecer, sen explicación ningunha ao persoal do centro.
– Esta situación non soamente afecta ao persoal investigador, senón tamén ao persoal de laboratorio e máis ao persoal de campo. Isto deu lugar a que, con moita frecuencia, os propios investigadores tivesen que abordar tarefas de campo para poder manter os proxectos en marcha, ou simplemente para que os animais tivesen os coidados básicos, pois o persoal de campo atopábase sobrepasado polo traballo.
– Igualmente preocupante é a presencia no centro de equipamentos de campo e laboratorio totalmente obsoletos, o que dá unha sensación de abandono e aumenta o risco de accidentes laborais. Sen ir máis aló, recentemente produciuse un accidente laboral grave con unha máquina que non se encontraba en condicións adecuadas. De feito, iso desembocou en que se precintase unha parte importante da maquinaria do centro que tampouco cumpría. Outro exemplo é a sala de muxido do CIAM, que data do ano 1994, quedando totalmente anticuada respecto dos sistemas modernos xa implantados nas explotacións do rural.
– As fincas dependentes do CIAM están nunha situación parecida ou peor, con cuadras para o gando moi antigas, que non compren as medidas de benestar animal, e coa presenza de diversas deficiencias que parecen abocar, de non corrixirse a situación, ao peche das mesmas nun futuro próximo.
– Dende fai uns anos a maior parte dos investigadores do CIAM perciben unha xestión autoritaria dende instancias do AGACAL. Desapareceu a boa comunicación que sempre existiu no centro cos órganos superiores, obsérvase unha clara falta de empatía coas demandas dos investigadores e unha asignación dos recursos interesada e pouco clara.
– Como exemplo do anterior, resulta paradóxico que, ante a grave carencia de investigadores, non se lle renovase a prórroga de xubilación a unha compañeira que o tiña solicitado, que presenta un currículo moi destacado no CIAM e que supón un exemplo do que debería ser a carreira investigadora. A base da negativa á prórroga procede dun informe desfavorable que, en base á situación de persoal investigador no centro, parece non ter xustificación.
Diante desta situación, os investigadores que participaron no traslado (María Bande, María Isabel García, Adrián Botana, Álvaro García, Roberto Besteiro e Santiago Crecente) apuntan que se presenta un futuro totalmente incerto para a investigación agraria, que o estímulo para seguir no CIAM era moi baixo, e que a situación actual parece responder máis ben a un desmantelamento planificado do centro que a un atranco de tipo puntual.
Galego








Control OJD