O agro español ten un problema de relevo xeneracional. Un 39% dos beneficiarios das axudas da PAC supera os 65 anos, en tanto só hai un 8% de persoas menores de 40 anos traballando no campo. A falta de atractivo das tarefas agrarias para a muller tamén se deixa notar nas estatísticas: pouco máis dun terzo das beneficiarias da PAC en España son mulleres, segundo os datos dun informe do Fondo Español de Garantía Agraria.
En Galicia, a situación é semellante, se ben con datos menos acusados. O 23% dos beneficiarios da PAC ten máis de 65 anos e só hai un 10,3 % de menores de 40 anos.
A situación da muller na comunidade, sen embargo, é distinta, pois dáse a circunstancia de que en Galicia hai máis mulleres cobrando a PAC que homes: 12.739 mulleres por 10.288 homes. É unha circunstancia que se explica en gran medida por cuestións burocráticas ligadas ó cobro das axudas, pois a titularidade real das explotacións adoita ser maioritariamente masculina, igual que no resto de España.
Se se miran os datos das persoas menores de 40 anos que cobran a PAC, o número de mulleres que se incorporan ó agro en Galicia reflicte a tendencia xeral en toda España: só un terzo das persoas menores de 40 anos no agro galego son mulleres, en tanto dous terzos son homes.
Que facer para encarar esta situación?
Nos últimos anos, unha cuestión central a debate foi a limitación das persoas xubiladas entre os beneficiarios da PAC, de cara a beneficiar ós agricultores activos e a incentivar as incorporacións. Pero finalmente o Ministerio de Agricultura optou por manter o status quo actual no novo ciclo da PAC, que comeza no 2023.
A definición de agricultor xenuíno -que pode aspirar ás axudas- contempla que sexa unha persoa que recibe polo menos un 25% de ingresos agrarios (incluíndo o cobro de axudas). Ademais, os perceptores con menos axudas tampouco terán que xustificar ese mínimo.
Deste xeito, argumenta o Ministerio, trátase de beneficiar a aqueles produtores que teñen unha segunda actividade, pero que queren manter tamén a actividade agraria. O caso é que por esa porta tamén entran os agricultores xubilados.
En Galicia, a cuestión dos agricultores xubilados non é especialmente significativa, pois aínda que hai un 23% de perceptores de máis de 65 anos, cobran só un 9% do total das axudas, pero en comunidades como Andalucía, hai un 39% de beneficiarios con máis de 65 anos (83.000) que perciben un 39% dos ingresos. En Andalucía iso supón 373 millóns de euros ó ano en pagos directos, máis do triple do que cobran anualmente o total dos beneficiarios da PAC de Galicia, que son 23.000 e reciben 109 millóns anuais.
Apoios á muller é á incorporación
O Ministerio, pola súa banda, destaca que o novo ciclo da PAC reforza as axudas para a incorporación de mozos, con apoios adicionais para as mulleres que comecen a traballar no agro. Haberá 220 millóns de euros anuais só para apoiar a incorporación de persoas mozas e as mulleres que se incorporen recibirán un 15% máis no pago complementario para persoas mozas.
Axudas de desenvolvemento rural
As axudas directas da PAC complétanse coas medidas de desenvolvemento rural, que inclúen apoios para empresas non agrarias, actividade forestal ou medidas agroambientais, entre outras cuestións. En Galicia, no 2020 destináronse 43,8 millóns de euros a medidas de desenvolvemento rural, que beneficiaron de xeito similar a mulleres (5.706) e homes (5.839). Neste capítulo obsérvase tamén unha menor presencia de persoas maiores de 65 anos (2,8%), en tanto as persoas menores de 40 anos elévanse ó 15%.