Desafíos para a produción de eucalipto na Mariña e Ortegal

O minifundio e a pendente dos montes, que dificulta os aproveitamentos e encarece a saca, xunto cos problemas de relevo xeracional, están a mermar as cortas nos distritos forestais que tradicionalmente eran líderes en Galicia

Publicidade

vista aerea bosque arbolado eucaliptoNos últimos cinco anos o volume de cortas de eucalipto descendeu un 20% no distrito forestal de Ferrol e un 14% na Mariña Lucense, que perden protagonismo na produción galega de eucalipto a favor das comarcas do interior da provincia da Coruña.

En concreto, o distrito I Ferrol cortou en 2025  764.226 metros cúbicos de eucalipto e o distrito VI A Mariña Lucense 748.037, situándose como terceiro e cuarto no ranking galego, por detrás do distrito III Santiago-Meseta Interior (1.206.691 metros cúbicos) e do distrito II Bergantiños-Mariñas Coruñesas (894.416 metros cúbicos). 

Pero, que hai detrás desta merma de produción nos distritos costeiros de Lugo e A Coruña que tradicionalmente era líderes na corta de eucalipto? O encarecemento das operacións de corta e saca, que se ceba nos montes pequenos e costentos, e os problemas de relevo xeracional, vencellados en grande medida ao abandono do rural por parte das novas xeracións, están detrás da redución de cortas.

Falamos coa asociación de propietarios forestais de Ortigueira, o concello que máis eucalipto corta de toda Galicia, para entender este fenómeno e analizar os retos aos que se enfronta a produción madeireira nestas zonas costeiras da Mariña e Ortegal. 

Nesta zona estanse a notar moito as repercusións do cambio climático; o futuro pasa polos híbridos

“Son pesimista de cara ao futuro; véxoo negro”. Así de clara móstrase Sara Vale, asesora da asociación Costa Norte, unha das principais asociacións de propietarios de monte do norte de Galicia cando se lle pregunta polos motivos polos que as cortas de eucalipto perden fuelle ano tras ano no concello de Ortigueira, que segue a ser, con todo, con 158.185 metros cúbicos no ano 2025, o que máis eucalipto corta en Galicia.  

Sara está casada cun axente forestal, ten un fillo enxeñeiro forestal e leva 16 anos aglutinando aos propietarios, facendo contratos de venda en conxunto con industrias como Ence e vixiando as cortas e aproveitamentos nos montes.

Desde ese coñecemento directo e en primeira persoa identifica algúns desafíos para a produción de eucalipto nas comarcas costeiras do norte: propiedade fragmentada, orografía complicada, dificultades para a mecanización dos traballos, idade dos propietarios e falta de relevo xeracional e merma de produtividade por mor das enfermidades e o esgotamento do solo.

Minifundio

“A propiedade segue sendo como era, non hai amaneira de agrupar”, asegura. A Administración, di, orienta a súa política forestal cara ás comunidades de montes veciñais en man común e as agrupacións forestais de xestión conxunta, pero “o pequeno propietario particular está a velas vir e somos a maioría”, quéixase.

“Agora, coa Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia, para facer unha concentración parcelaria esixen que haxa un 10% de abandono e nesta zona non o hai. Só hai que cortar un monte que aparentemente non se sabe de quen é para de inmediatamente apareza o propietario”, exemplifica.

Coa desaparición activa das asociacións que había nesta zona volveuse para atrás 20 anos outra vez

Coa desaparición activa das asociacións de propietarios forestais creadas fai uns anos para a venda en conxunto da madeira, as coñecidas como Promas, “volveuse para atrás outra vez 20 anos”, di. “Esa unión foi a menos”, recoñece.

“Houbo un boicot por parte das empresas porque non lles interesaba que o propietario se organizara. Non pode ser que nos pague máis a madeira un intermediario que a industria destinataria final”, quéixase.

Relevo xeracional

Costa Norte ten uns 200 socios, cunha media de idade de 75 anos. “Non temos relevo xeracional, pero tampouco o hai na agricultura”, matiza Sara, que propón unha medida práctica que, asegura, resulta efectiva para propiciar a remuda xeracional no eido forestal: “Cando corta e cobra a madeira, se o propietario entrega o cheque aos novos, os fillos empezan a interesarse polos montes e a mirar por eles”.

Pero no monte, a respecto dunha explotación gandeira, hai un factor en contra engadido “porque non hai PAC”, compara. “O monte é unha axuda, unha hucha, pero ninguén ten superficie suficiente como para vivir do monte”, asegura.

Se o propietario entrega o cheque aos novos, os fillos empezan a interesarse polos montes e a mirar por eles

Máis aló do prezo da madeira, que leva anos inmóbil, sen subir sequera consonte á inflación que encarece o resto de produtos, resulta difícil para un pequeno propietario forestal obter outros ingresos do monte. “Non podemos cobrar os créditos de carbono nin os servizos ecosistémicos, por moito que o digan e que estea no papel”, evidencia Sara. A certificación forestal dos montes ten tamén cada vez menos valor no prezo de venda final da madeira, quéixase.

Perda de produtividade

A asesora de Costa Norte recoñece nalgúns casos unha perda de produtividade dos montes da zona. Nalgúns casos, ti, ten que ver coa falta de coidados nas plantacións e outras veces co esgotamento dos nutrientes do solo.

“Sobre todo onde houbo varias cortas de nitens, que se saca con corteza, hai degradación do solo, porque chegas a sacar até 200 quilos de calcio por hectárea”, explica. Por iso, di, a práctica habitual de empacar e retirar a biomasa trala corta é contraproducente. “Ao propietario non lle pagan nada, pero ao intermediario si. Nós recomendamos triturar a biomasa para coidar o solo, non levar todo do monte”, indica.

Hai que regular por distritos, non vale o mesmo para toda Galicia

“O monte non pode estar coma un salón. Nós negámonos a mecanizar o monte con desbroces intensivos cada dous anos, como propoñen nos seus convenios empresas como Ence ou Navigator, porque iso que prexudica o solo. É carísimo e prexudica o solo”, asegura.

Pola contra, de cara ás novas plantacións, o que recomenda é “limpar a planta nova ao redor cada 15 días mínimo, porque nesta zona enseguida medra a folgueira”. “Hai que estar moito enriba da planta nova e non todo o mundo pode e as empresas que fan as plantacións non fan iso e por iso algunhas plantacións non van adiante”, afirma.

Pendentes do 50%

Pero á hora de analizar os factores que están detrás da perda de rendibilidade para o propietario forestal, Sara achácao sobre todo á orografía da zona, con pendentes que chegan ao 50%. “Non é tanto polos crecementos como pola orografía e a disposición das empresas forestais, que penalizan zonas de difícil acceso e saca e case se negan a cortar en determinadas zonas onde fai anos cortaban”, di.

Coa mecanización dos traballos, hoxe as empresas forestais non queren sacar madeira en zonas onde fai anos cortaban

Esta tendencia veuse incentivada a raíz da mecanización dos traballos de corta, coa substitución dos motoserristas por procesadoras forestais. “En Galiforest vemos maquinaria moi boa, pero eso despois non se trae á realidade do monte galego, porque as empresas forestais mercan procesadoras cada vez máis grandes pero que non están adaptadas á realidade dos montes”, asegura.

O tamaño do lote, os accesos ao monte e a facilidade de acopio condicionan cada vez máis o prezo final

O tamaño do lote, os accesos ao monte, a dificultade da saca e a distancia ao cargadeiro, seguen condicionando en boa medida o prezo final, estando as empresas forestais dispostas a pagar cada vez máis en función da cantidade de madeira a cortar e a facilidade do aproveitamento.

Para un propietario forestal individual, chegar neste momento na Mariña ou Ortegal a prezos finais de 35 euros no glóbulus e 30 no nitens só é posible para volumes grandes, de máis de 500 toneladas (uns 20 tráilers) en montes accesibles nos que non haxa que abrir pistas ou vías de saca.

“Temos un problema grave coas enfermidades; xa temos o goníptero comendo nitens”

Sara Vale, asesora da asociación de propietarios Costa Norte

Sara Vale, asesora da asociación de propietarios Costa Norte

Pero por enriba de todos estes condicionantes (tamaño das parcelas, relevo xeracional, orografía, carencia de puntos de acopio e vías de saca), o principal reto para a produción de eucalipto no norte de Galicia que Sara identifica son as pragas e enfermidades.

“Temos un problema grave coas enfermidades, polas repercusións que está a ter o cambio climático sobre o eucalipto nesta zona. Per a Terra Chá tamén o ten negro. Xa veremos como lle vai ao nitens como empecen a virlle moitos meses de 30 grados. A nós polo menos aínda nos queda a opción do glóbulus”, razoa a asesora da asociación Costa Norte.

Para esquivar a afectación inicial da mycosphaerella e o goníptero sobre o glóbulus, nos últimos 20 anos cada corta de glóbulus nos montes da Mariña, Ortegal e Ferrolterra era substituída por unha nova plantación de nitens, pero as pragas e enfermidades foron tamén adaptándose a nova especie. “O nitens está enfermo, púxose en sitios cálidos a nivel do mar e está enfermo. O nitens xa ten mycosphaerella e xa temos tamén o goníptero comendo no nitens”, explica Sara.

O nitens púxose en sitios cálidos ao nivel do mar e está enfermo

En todo caso, as plantacións de nitens que se fagan, di, non poden ser de variedades de folla ancha, de procedencia da zona australiana de Vitoria, porque aínda que teñan mellor crecemento, tamén son os máis sensibles aos fungos e enfermidades. “Teñen que ser variedades de folla estreita de procedencia de Nova Gales do Sur”, asegura.  

Sen embargo, a esperanza dos propietarios forestais do norte de Galicia, ao igual que a dos viveiros forestais e as empresas de celulosa, están postas nestes momentos nos híbridos forestais clonais de rápido crecemento.

“O futuro pasa polos híbridos, por seguir investigando e cambiar especies, igual que pasa co piñeiro. Navigator ten un E. rudis x E. saligna ao que case non ataca o goníptero e Ence ten un E. saligna x E. maidenis”, detalla Sara.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información