
Síntomas de Dermatose Nodular Contaxiosa. Fonte. Universidade de Iowa
A Xunta tomou a decisión de ampliar ata o 30 de novembro as medidas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural para previr a chegada da dermatose nodular á comunidade —unha enfermidade con presenza xa en Cataluña, onde se detectaron ata 18 casos—.
Así, o cesamento de todas as feiras, mercados e concentracións de gando na comunidade, a prohibición da entrada de bovinos procedentes de áreas con restricións pola enfermidade, a vixilancia e corentena do gando chegado a Galicia desde outras comunidades ou países e a obrigatoria desinsectación de todos os animais e vehículos de transporte de gando permanecerán vixentes ata o próximo 30 de novembro.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, antes de participar nunha reunión cos presidentes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da comunidade. «Sacaremos unha resolución nos vindeiros días para ampliar esas medidas e que sigamos extremando as precaucións», apuntou a responsable da carteira de Medio Rural. Cabe lembrar que, nun principio, estas medidas estaban previstas para un prazo de 21 días que finalizaría o próximo 17 de novembro.
Gómez lembrou que a Xunta demandou ao Ministerio que solicite a Bruxelas o desenvolvemento dunha vacina marcada, xa que a actual non o está e, por tanto, non se pode aplicar de forma xeneralizada.
Galego









Control OJD