A dermatose nodular contaxiosa ten un risco moi alto de extenderse a España, segundo vén advertindo o Ministerio de Agricultura en sucesivos informes desde que apareceu a enfermidade en Francia, no mes de xuño. O motivo do risco é a alta dependencia que ten a gandería española da importación de animais vivos do país veciño, máis de 400.000 reses bovinas cada ano, o que representa unha media de máis de 1.000 diarias.
A ameaza é seria, pois os focos de dermatose nodular implican, entre outras medidas, o sacrificio de tódolos animais nas granxas afectadas e o seu baleirado sanitario. Analizamos a situación da enfermidade, as medidas que se están tomando e experiencias anteriores en Europa co problema.
Botamos man para a análise da información que emite o Ministerio de Agricultura de Francia e das aportacións do Catedrático da Facultade de Veterinaria de Murcia (Umu) Christian de la Fe, que interviu esta semana nun webinar sobre a enfermidade organizado por Asoprovac.
A que gando afecta a dermatose nodular contaxiosa?
É unha enfermidade que afecta só ó gando vacún, tanto de leite como de carne, pero non a outras especies gandeiras nin domésticas (can, cabalos, etc.).
A enfermidade non se transmite a humanos en ningún caso, nin por picadura de insectos nin por posibles produtos alimentarios contaminados.
En Africa hai constancia da enfermidade nalgúns animais salvaxes, como impalas, se ben en Europa non se constatou a súa presenza en animais salvaxes.
Como se transmite a dermatose nodular?
A vía máis común é pola picadura de insectos vectores (mosquitos, moscas, tábanos), así como por carrachas. Calcúlase que un insecto que se alimenta dun animal enfermo pode transmitirlle a enfermidade a animais sans ata 5 ou 6 días despois. No caso das carrachas, esa capacidade de transmisión alóngase aínda máis no tempo.
Non se pode descartar que tamén se poida transmitir por contactos directos entre os animais, se ben a vía principal de contaxio é a dos insectos e carrachas.
Dado que os insectos teñen unha capacidade de desprazamento curto, calcúlase que a enfermidade non ten capacidade ‘natural’ para expandirse máis dun quilómetro ó día. O problema radica nos movementos de gando, que poden provocar importantes saltos dos focos.
Cal é o periodo de incubación da enfermidade?
O periodo de incubación da enfermidade nos animais é alongado, pois pode dilatarse ata 28 días, segundo informa o Ministerio de Agricultura francés, en base ós datos da Organización mundial de sanidade animal. En España, o Ministerio de Agricultura sinala como referencia un tempo medio de incubación de 12 días.
Cales son os síntomas da dermatose nodular?
Tralo periodo de incubación, poden aparecer síntomas xerais (compatibles tamén con outras enfermidades), como febre e secreción nasal. Unha característica a ter en conta é que na dermatose nodular a secreción nasal adoita ser xa de inicio cunha maior mucosidade.
Outros síntomas posibles son conxuntivite e exceso de salivación. As lesións (nódulos) non é o primeiro que se ve, pois adoitan aparecer a partir dos 4 – 10 días, acompañadas normalmente de ganglios inflamados.
En caso de ter sospeitas da enfermidade, cómpre consultar cun veterinario, que deberá valorar se o caso é sospeitoso, pois hai que ter en conta outros virus circulantes e mesmo enfermidades fúnxicas como posible explicación. En caso de sospeitas por parte do veterinario, avisarase ós servizos veterinarios oficiais.
Cal é a situación da enfermidade en Europa?
A enfermidade cobrou actualidade a finais de xuño. Italia declarou focos na illa de Cerdeña o 20 de xuño e Francia casos en Saboia e Alta Saboia o 29 de xuño.
En Italia, detectouse posteriormente un foco en Lombardía, procedente de animais chegados de Cerdeña, pero conseguiuse conter sen que se declarasen máis focos no territorio continental do país. En total, a día de hoxe o país suma 56 focos (55 deles en Cerdeña).
No caso francés, os focos son actualmente de 79. A mala noticia é que en setembro a enfermidade expandiuse a dous departamentos que ata daquela estiveran libres, o de Ain e o do Ródano, este a pasada semana, nunha granxa situada a máis de 100 km. de calquera foco.
Os catro departamentos franceses afectados son límitrofes uns cos outros e ubícanse no leste de Francia, no entorno de Lyon.
Trala detección do último caso, o Ministerio de Agricultura informa de que está monitoreando a tódalas ganderías españolas que incorporaron animais procedentes do departamento do Ródano nas últimas semanas.
Que medidas adoptou Francia para conter a enfermidade?
Debido ás características da enfermidade (contaxiosidade, longo periodo de incubación, impacto nos rabaños), Europa optou polo sacrificio de tódalas ganderías afectadas, antes de limpar e desinfectar os edificios, equipos e veículos da explotación.
En Francia, as ganderías están a recibir indemnizacións en base ás características dos seus rabaños (idade, xenética, potencial produtivo), así como apoios de lucro cesante.
Arredor dos focos detectados, Francia creou zonas de restricción de 50 km.,nas que aplica medidas preventivas (vacunación, controis veterinarios), así como controis do movemento do gando, en especial para fóra da zona restrinxida, en tanto non se acade un estatus de libre da enfermidade.
Dentro das zonas restrinxidas, o radio de 20 quilómetros arredor do foco configúrase como zona de protección, con normas máis estrictas para os movementos de gando e inspeccións veterinarias sistemáticas en todas as ganderías.
A vacinación do gando servirá para frear a crise?
Tanto Italia como Francia están vacinando a centos de miles de reses nas zonas delimitadas polos focos de dermatose nodular. Francia, a maiores, está vacinando tamén a illa de Córcega, pola súa cercanía a Cerdeña.
Existe unha vacina de alta efectividade, procedente de Sudáfrica, que ten unha efectividade plena 21 días despois da súa aplicación e sen efectos secundarios graves, que afectan só ó 0,02% do gando.
A esperanza das autoridades sanitarias é que a vacinación do gando nas zonas restrinxidas serva para conter a enfermidade e erradicala. Calcúlase que é precisa a vacinación do 80 – 90% do gando dunha zona para erradicar a enfermidade.
A vacinación faise só a través das autoridades sanitarias oficias nas zonas así designadas. Ningunha gandería pode vacinar libremente o gando. Unha cuestión a ter en conta é que a vacina xera anticorpos no animal que son indistinguibles dos que xeraría a enfermidade.
É a primeira vez que se detecta a enfermidade nodular contaxiosa en Europa?
Non. A enfermidade detectouse en Turquía no 2013 e no 2015 pasou para a parte europea do país. De aí pasou a Grecia, extendéndose a outros países dos Balcáns. O control e a erradicación da enfermidade no leste europeo logrouse no 2017 por medio da vacinación.
O risco para Europa radica en que a enfermidade é endémica en zonas do norte de África, como Arxelia, Túnez ou Libia, así como en Turquía. Desde a opinión de Christian de la Fe, sería positiva a colaboración con estes países para axudarlles no control da enfermidade sobre o terreo, se iso fose posible.
Cal é a situación de exportacións de gando de Francia a España?
De media, Francia exporta máis de 400.000 reses ó ano a España, un 75% delas animais de recría de menos de 80 Kg., dirixidos a cebadeiros do leste español. Algo máis de 100.000 animais son vacún mediano ou maior. O país veciño é, de longo, o principal exportador de reses bovinas a España.
Na UE, os Estados membros recoñecen a zonificación da enfermidade definida por Francia, o que quere dicir que trala aparición da dermatose nodular, só se restrinxen as importacións de gando das zonas delimitadas polos focos da enfermidade. Operadores e ganderías deben decidir de qué áreas importan reses e valorar os riscos. Estas son as recomendacións da Consellería do Medio Rural para previr a entrada da enfermidade.
Galego









Control OJD