
Campaña de vacinación en granxas leiteiras de Girona dentro dos perímetros de 50 km decretados arredor dos focos
A dermatose nodular contaxiosa (DNC) segue estendéndose por Cataluña, onde se contabilizan xa 17 focos noutras tantas granxas, mentres avanza en paralelo a campaña de vacinación de urxencia decretada dentro das zonas de restrición de 50 km delimitadas arredor dos diferentes casos. Os focos abranguen xa dúas comarcas na provincia de Girona: Alt Empordà e Gironès, e as zonas de contención exténdense a practicamente toda Girona e a comarcas do noreste da provincia de Barcelona.
O avance da enfermidade levou a comunidades autónomas como Asturias ou Cantabria a suspender mercados e feiras de gando, mentres o Ministerio de Agricultura cortou os envíos de animais vivos cara a países do norte de África, como Marrocos ou o Líbano, principal destino das exportacións do sector de vacún de carne español.
A Consellería convocou ás organizacións agrarias galegas para o próximo luns
En Galicia, onde esta semana se celebraron con normalidade os mercados de Silleda e Amio, a Xunta fixou para o vindeiro luns unha reunión coas organizacións agrarias para analizar a situación e abordar posibles medidas de contención para impedir a chegada da enfermidade ás explotacións da comunidade.
Suspensión do Mercado de Pola de Siero
En Asturias, a Consellería de Medio Rural e Política Agraria acordou coas organizacións UCA, URA, USAGA e COAG un conxunto de medidas preventivas para evitar a entrada e propagación da dermatose nodular contaxiosa en Asturias.
Entre as decisións adoptadas destaca a suspensión de todas as feiras e certames gandeiros de carácter festivo ata finais de ano, así como o peche temporal do Mercado Nacional de Gando de La Pola de Siero, que permanecerá inactivo durante 21 días, ata o 11 de novembro.
Na reunión celebrada este martes, a directora xeral de Gandería do Principado de Asturias, Rocío Huerta, reiterou ante as organizacións agrarias a importancia de seguir estritamente as recomendacións sanitarias, como a limpeza e desinsectación dos animais e dos vehículos de transporte, a realización de inspeccións clínicas e a comunicación inmediata aos servizos veterinarios oficiais ante calquera sospeita da enfermidade, xa que a detección temperá é clave para conter posibles brotes.
Illamento e inmobilización tras a importación de animais
Co obxectivo de intensificar o control sobre o movemento de animais, o Goberno de Asturias estableceu tamén o illamento e inmobilización das explotacións gandeiras durante 21 días tras a chegada de animais procedentes de zonas consideradas de risco, como Francia, Italia ou Cataluña.
Esta medida aplícase xa desde que se confirmou a presenza da enfermidade en Europa, establecendo un período de tres semanas de corentena tras a chegada de animais de zonas con brotes declarados.
Ademais, o Principado solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que inclúa a DNC nas coberturas dos seguros agrarios, co fin de protexer a viabilidade económica das explotacións que puidesen verse afectadas por esta grave epizootia.
Medidas extraordinarias tamén en Cantabria
Pola súa parte, en Cantabria tamén foron suspendidos os mercados e feiras gandeiras, unha medida que entrou en vigor este luns e que afectou ao Mercado Nacional de Gando de Torrelavega. Esta suspensión terá unha duración inicial de 15 días, prorrogables en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.
En canto ao movemento de animais, só se autorizarán aqueles estritamente imprescindibles, como os destinados a matadoiro. Ao mesmo tempo, será obrigatoria a desinfección de todos os vehículos de transporte gandeiro que entren ou saian de Cantabria, e refórzanse os controis de entrada e saída de animais, quedando prohibido o acceso á comunidade autónoma de animais procedentes de explotacións situadas en zonas infectadas ou de protección e vixilancia.
O Mercado de Torrelavega suspéndese por 15 días, prorrogables en función da evolución da enfermidade
Tamén foron inmobilizadas as 13 gandarías leiteiras que participaron no pasado Concurso Nacional de gando frisón celebrado en Xixón por teren compartido instalacións coas gandarías participantes procedentes de Cataluña.
“Non se trata de alarmar, senón de poñer as medidas axeitadas e informar ao sector para que todos os gandeiros teñan claro que estamos ante unha enfermidade de Declaración Obrigatoria de Categoría A, polo que, conforme á lei, deben adoptarse medidas urxentes e drásticas”, asegurou a conselleira de Gandería de Cantabria, María Jesús Susinos.
Situación en Cataluña

Traballos de desinfección de granxas na comarca do Alt Empordá (Xirona)
O Ministerio de Agricultura publicou este martes outros sete focos de dermatose nodular contaxiosa, polo que suman xa 17 en España, todos en Cataluña. A maioría atópanse dentro da zona de restrición establecida tras os primeiros brotes e están localizados na comarca do Alt Empordà, limítrofe con Francia, onde se concentran un total de 16 dos 17 focos.
O outro, con data de confirmación do 16 de outubro, localízase na comarca do Gironès, máis ao sur. Nestes últimos sete focos os animais afectados son un total de 865 exemplares e, en total, a cifra desde o primeiro foco declarado (3 de outubro) ascende a 2.495 exemplares.
A cifra de animais infectados en Cataluña achégase aos 2.500
Cataluña continúa coa vacinación do gando, con 207.000 doses da vacina traídas por España en tres envíos, grazas á coordinación do Ministerio coas comunidades autónomas a través do RASVE (Sistema de Alerta Sanitaria Veterinaria).
As vacinas comezaron a chegar inicialmente desde Francia e o mércores pasado sumáronse novas doses do Banco de Vacinas da UE procedentes de Sudáfrica (o país fabricante), o que garante a súa dispoñibilidade.
Nos 219 municipios que están dentro das zonas de contención delimitadas hai 130.000 cabezas de gando vacún e espérase que a finais desta semana haxa 90.000 animais vacinados
A principios desta semana, no terceiro envío, chegaron 110.000 doses e está prevista unha nova remesa con outras 140.000 para finais de semana. A principios de novembro recibiranse 250.000 máis, polo que desde as autoridades faise un chamamento aos veterinarios para apoiar a campaña de vacinación nas zonas de contención delimitadas.
En Cataluña, un equipo de 60 veterinarios traballa sobre o terreo para vacinar 152.000 cabezas de gando en corentena en tres radios: Castelló (Alt Empordà), Cassà de la Selva (Gironès) e a fronteira con Francia (comarcas da Cerdanya, Ripollès e Berguedà).
A prioridade, segundo o Departamento de Agricultura da Generalitat, é rematar a vacinación na comarca do Alt Empordà, onde de momento se alcanzou unha cobertura do 70%. A orde de vacinación establécese en función da distancia ao foco e da tipoloxía dos animais, dando prioridade ás vacas reprodutoras de leite e carne.
Suspendidas todas as exportacións de animais vivos
O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou este martes que España decidiu suspender de forma provisional as exportacións de animais vivos a outros países. “Pechamos nós mesmos as exportacións de animais vivos de forma provisional para evitar a extensión da enfermidade”, sinalou na súa comparecencia tras o Consello de Ministros.
O anuncio do ministro Luis Planas prodúcese despois da nota informativa emitida polo MAPA o luns aclarando as condicións que deben ser acreditadas nos diversos certificados sanitarios de exportación, que no caso de Marrocos xa impedían o envío de animais; non así no caso do Líbano, que aceptara a rexionalización.
No primeiro semestre deste ano enviáronse a Marrocos 6.689 cabezas de gando vacún
O ano pasado, España exportou máis de 66.000 toneladas de vacún en vivo, das cales o 43% (28.572 toneladas) tiveron como destino Marrocos, por un importe de 111 millóns de euros, segundo datos de Comercio Exterior. O Líbano é o segundo maior comprador de vacún vivo (máis de 12.000 toneladas en 2024).
Avance da enfermidade en Francia
Unha decisión similar adoptouse noutros países da UE onde tamén está presente a enfermidade. Francia, por exemplo, comunicou o pasado venres a súa decisión de prohibir a exportación de animais vivos procedentes do país ata o 4 de novembro, así como calquera concentración de gando (concursos, feiras) en todo o territorio, mentres que nas rexións que comprenden unha zona restrinxida, están suspendidos tamén os mercados de gando destinados á venda para vida.
En España, no sector dos cebadoiros preocupa esta prohibición de exportación de animais vivos decretada por Francia, xa que é o país galo quen os abastece de xatos para engorde (uns 30.000 animais mensuais), mentres que outra parte importante procede de explotacións leiteiras de Galicia, o que incidiría nun incremento dos prezos dos animais de recría a nivel interno.
O Goberno francés pechou as súas fronteiras á exportación de vacas, xovencas e xatos de recría
En Francia, a enfermidade tamén continúa o seu avance, con máis de 80 brotes nos departamentos de Savoia, Alta Savoia e Ain, e detectándose fóra da zona de restrición inicialmente fixada (próxima á fronteira con Suíza) novos focos, en concreto nos departamentos do Xura e dos Pireneos Orientais, polo que o virus tería saltado o perímetro de seguridade establecido.
No Xura notificáronse tres focos no municipio de Ecleux, que deron lugar á delimitación dunha nova zona regulada onde se implementará unha campaña de vacinación obrigatoria financiada polo Estado nun radio de 50 km arredor destes brotes.
Francia notificou novos focos fóra do perímetro inicialmente establecido
“Estes brotes, localizados nunha zona que non se superpón con ningunha das anteriores, ilustran unha vez máis a importancia de manter unha maior vixilancia sobre o estado sanitario do gando, implementar medidas de bioseguridade e garantir o cumprimento das normas relativas aos movementos de animais, nun contexto no que a situación sanitaria da enfermidade aínda está a evolucionar”, recoñece Annie Genevard, ministra de Agricultura e Soberanía Alimentaria de Francia.
O goberno galo tamén prohibiu a celebración de feiras, así como a saída de gando bovino de todo o territorio para evitar a propagación do virus, tras o aumento no número de focos na zona dos Pireneos Orientais, onde se confirmaron tres novos brotes coincidentes ao norte da fronteira coa zona de Girona afectada, nos municipios de La Bastide, Oms e Valmanya.
En canto á situación en Italia, notificáronse máis focos na Illa de Sardeña, ascendendo a máis de 60 os brotes declarados. En Lombardía, porén, a situación mantense estable, cun único foco declarado ao inicio do brote.
Reunión en Galicia para o próximo luns, con petición do Sindicato Labrego de adiantala
Desde o Sindicato Labrego Galego advirten que a situación derivada da expansión da dermatose nodular contaxiosa está a complicarse nos últimos días, con novos casos detectados tanto en España coma en Francia.
“Francia está a rexistrar un empeoramento claro da situación sanitaria, e implantou medidas como a prohibición da celebración de feiras, así como a saída de gando bovino de todo o territorio para evitar a propagación do virus. Pola súa banda, Cantabria vén de pechar oficialmente os seus mercados gandeiros como medidas preventiva, igual que en Asturias. En Galicia, sen embargo, a Consellería do Medio Rural non convocou ningunha reunión urxente, limitándose a fixar un encontro para o vindeiro día 27 de outubro, que desde o Sindicato Labrego Galego consideramos que é demasiado tarde para garantir unha información e coordinación axeitadas”, critican.
“Hai semanas xa advertimos da necesidade de activar un grupo de traballo de alerta temperá e de convocar con urxencia o Consello Agrario Galego para tratar a cuestión da expansión da dermatose nodular contaxiosa. Non é admisible que toda a información que estamos a recibir como sector veña do Ministerio ou doutras comunidades autónomas. A Consellería do Medio Rural debe asumir a súa responsabilidade, ofrecer transparencia e poñer en marcha medidas de prevención e comunicación directa coas gandeiras e gandeiros galegos”, insiste o SLG.
“Reiteramos unha vez máis que a prevención e a información temperá son esenciais para evitar a entrada e expansión da enfermidade en Galicia. Polo tanto, esiximos á Consellería que actúe de inmediato, en lugar de continuar coa pasividade e o silencio informativo que está a xerar preocupación e indefensión no sector”, conclúen.
Galego









Control OJD