“A dermatose é unha enfermidade de enorme gravidade, hai que extremar a precaución e non meter gando de fóra nas granxas”

Entrevista a Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural.

Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural.

Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural.

A dermatose nodular contaxiosa xa chegou a España, concretamente a Cataluña e preocupa especialmente en Galicia, onde contamos cunha importante cabana de vacún de carne e co 42% dos animais de vacún de leite do Estado.

Falamos con Jesús Javier Orejas Fernández, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, sobre os puntos clave desta enfermidade e das medidas que adoptou e que prevé adoptar a Xunta de Galicia.

-Para un gandeiro, cales son os síntomas máis evidentes da Enfermidade Nodular Contaxiosa?
A doenza adoita iniciarse nos animais con febre alta (40-41ºC) que pode perdurar varios días, así como con decaemento, anorexia, salivación e descarga nasal e ocular. Rexístrase tamén unha diminución drástica da produción láctea e tras varios días desde o inicio da enfermidade aparecen os ganglios linfáticos inflamados. Aprécianse nódulos cutáneos de aproximadamente 2-5 centímetros de diámetro, profundos e firmes en pel e mucosas, que poden necrosarse, ulcerarse e formar costras, que finalmente caen deixando unha cicatriz na pel.

-Que pautas deben seguir para reducir o risco de entrada da enfermidade na súa explotación?
A enfermidade transmítese sobre todo a través do movemento de animais infectados ou mediante vectores como moscas picadoras, mosquitos ou carrachas.

Trátase dun virus moi resistente, que pode sobrevivir durante meses no ambiente

Outra vía de contaxio é a través das secrecións nasais e oculares, saliva e material das costras, que poden contaminar os alimentos ou a auga de bebida dos animais e contribuír á transmisión se existen vectores. Trátase dun virus moi resistente, que pode sobrevivir durante meses no ambiente, en peles secas ou material contaminado, así mesmo resiste a conxelación e desconxelación.

La aparición de nódulos en el cuerpo de las vacas es un síntoma tardío

La aparición de nódulos en el cuerpo de las vacas es un síntoma tardío

Polo tanto, a bioseguridade e limpeza e desinfección son absolutamente cruciais para a prevención. Falamos de evitar a entrada de bovinos na explotación, o control de visitas, a limpeza, desinfección de vehículos e persoas e o control de insectos.

Por outra banda, e dado o alto nivel de contaxiosidade desta enfermidade, co fin de limitar a expansión da mesma cando se detecta nun territorio, resulta esencial a vixilancia constante dos animais polos gandeiros co fin dunha detección precoz da enfermidade e a comunicación inmediata aos veterinarios oficiais.

-De que zonas está prohibida a importación de gando neste momento?
Actualmente está prohibida a entrada en Galicia de animais bovinos procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á dermatose nodular contaxiosa, en concreto, parte do territorio da provincia de Girona, varios departamentos franceses, así como na illa de Cerdeña en Italia.

-Que outras limitacións ao movemento de gando ten acordado a Xunta de Galicia e ata cando se manterán?
Como é sabido, ademais da referida prohibición, en Galicia permanecen tamén suspendidas todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia ata o próximo 16 de novembro, unha medida que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Polo demais, e de acordo co tamén publicado no DOG, todos aqueles bovinos que procedan de explotacións localizadas fóra de Galicia deberán ser sometidos a unha vixilancia veterinaria oficial dunha duración mínima de 21 días naturais dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade.

Así mesmo, a totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos sinalados no parágrafo anterior quedarán inmobilizados tamén durante 21 días de xeito preventivo e deberán ser sometidos a desinsectación na explotacíon.

Outra obriga establecida na Resolución de 24 de outubro é, ademais da limpeza e desinfección regulamentaria, a desinsectación de todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia.

-En que países e en que rexións da Unión Europea hai casos declarados neste momento de DNC?
Polo de agora, existen focos en Francia, Italia (unicamente na illa de Cerdeña) e España (os coñecidos de Girona).

-En que casos se pode aplicar a vacina e que grao de eficacia ten?
A vacinación preventiva unicamente está permitida na zona de restrición, nun radio de mínimo 50 quilómetros arredor dun foco, co fin de controlar a propagación da enfermidade. É unha vacinación de urxencia, que pode ser utilizada con finalidade supresora (en animais de explotación confirmadas previa ao seu sacrificio, co fin de reducir ao máximo a excreción de virus no medio) ou con finalidade preventiva (só posible o seu uso en bovinos das explotacións situadas nas zonas de vixilancia e protección).

A vacina ten un alto grao de eficacia, pero ten o problema de que unha vez aplicada, non permite diferenciar no laboratorio se un animal está vacinado ou está infectado polo virus de campo

A vacina ten un alto grao de eficacia, como ten demostrado nos recentes brotes de DNC nos países balcánicos e do leste de Europa (Grecia ou Macedonia, p. ex).

O problema desta vacina é que, unha vez aplicada, non permite diferenciar no laboratorio se un animal está vacinado ou está infectado polo virus de campo. Por outra banda, a aplicación da vacina implica unha serie de restricións ao movemento destes animais tanto no mercado nacional como intracomunitario ou cara a terceiros países. Por estas razóns, como se ten plantexado publicamente desde a Consellería, solicitouse ao Ministerio que lidere a investigación dunha vacina mercada no seo da UE que se poida empregar de maneira preventiva para toda a cabana bovina.

-Por que urxe a Consellería do Medio Rural ao Goberno Central a que defenda ante a UE unha vacina marcada que poda empregarse con fins preventivos?
Pídese esta vacina marcada para que poida usarse de maneira preventiva en todo o gando -non só no da zona restrinxida- e que permita identificar, a nivel de laboratorio un animal vacinado dun animal realmente infectado con virus de campo.

-A que indemnizacións ten dereito un gandeiro ao que se lle detecte dermatose nodular na súa explotación e teña que realizar un baleirado sanitario?
De acordo coa Lei 8/2003, de sanidade animal, cando a autoridade sanitaria resolve o sacrificio de animais, a súa persoa titular ten dereito a percibir unha indemnización polas perdas soportadas co sacrificio do animal ou animais.

A Xunta de Galicia estará sempre ao lado dos gandeiros e, por tanto, poñeranse enriba da mesa indemnizacións se chega o momento

A Xunta de Galicia estará sempre ao lado dos gandeiros e, por tanto, poñeranse enriba da mesa indemnizacións se chega o momento. Tamén lle pedimos ao Ministerio que se comprometa con estas indemnizacións.

-No caso da EHE non se obrigaba ao baleirado sanitario pero si na DNC. Por qué? Non é unha medida demasiado drástica?
As medidas adoptadas en cada caso están reguladas por normativa comunitaria de obrigado cumprimento, vixente en toda a Unión Europea. A intensidade das medidas sanitarias adoptadas polas autoridades competentes dependen da categorización da enfermidade de que se trate, en canto á súa importancia, gravidade ou repercusión no sector gandeiro afectado. Así, a DNC trátase dunha enfermidade de categoría A (a máis grave das existentes e que esixe actuacións de erradicación), mentres que a EHE trátase dunha enfermidade de categoría D+E (que esixe só medidas en relación aos movementos de animais co fin de evitar a dispersión a outros territorios).

-Haberá axudas para empresas de importación de gando, seriamente afectadas polas limitacións ao movemento de animais?
Contemplamos todas as posibilidades para axudar o sector ou sectores afectados. Hai que ir vendo a evolución dos acontecementos e, en función diso, actuar.

-E no caso de ganderías que teñen a recría en centros de Aragón ou Valencia, como lles afectan as limitacións para previr a DNC?
En principio, como xa se explicou, unicamente está prohibida a entrada na nosa comunidade de bovinos procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á dermatose. Polo tanto, a recría galega localizada en zonas non restrinxidas (como é o caso Aragón ou Valencia), poderán incorporarse ás súas explotacións de orixe en Galicia, onde terán que cumprir a referida vixilancia veterinaria oficial de 21 días, así como desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, e todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia.

Solicitouse ao Goberno central que lidere no marco da Unión Europea as investigacións necesarias para desenvolver á maior brevidade unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva xeralizadamente

-Entre o sector hai sensación de descoordinación entre Comunidades e Goberno Central e mesmo nas propias administracións autonómicas. Que opina ao respecto?
Nós temos pedido, precisamente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación máis coordinación a nivel estatal co obxectivo de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro.

Ademais, como xa se comentou, solicitouse ao Goberno central que lidere no marco da Unión Europea as investigacións necesarias para desenvolver á maior brevidade unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva xeralizadamente.

Síntomas de Dermatose Nodular Contaxiosa. Fonte. Universidade de Iowa

Síntomas de Dermatose Nodular Contaxiosa. Fonte. Universidade de Iowa

-Algo máis que queira engadir?
En primeiro lugar, esta doenza non afecta ás persoas, nin polo seu contacto con bovinos afectados nin polo consumo de produtos.

En segundo, a dermatose é unha enfermidade de enorme gravidade tanto polas perdas produtivas que ocasiona ás gandarías (fundamentalmente en gando de leite; tamén no de carne polo deterioro das peles entre outros prexuizos), como polas graves consecuencias que ocasiona aos mercados de bovinos vivos e os seus produtos, onde os países terceiros poden impoñer restricións ou incluso prohibir totalmente estes movementos.

Neste momento non se debe realizar compras de gando foráneo nas nosas granxas.

Por iso, cómpre insistir en extremar as medidas de bioseguridade nas granxas de gando bovino de Galicia, cuxa primeira norma é, en tempos de incertidume sanitaria, non realizar compras de gando foráneo nas nosas granxas.

Outras medidas básicas de bioseguridade, como as restricións de accesos a persoas e vehículos alleos ás granxas, o establecemento de pautas de limpeza e desinfección para persoas e vehículos ou o mantemento das instalacións e equipos en boas condicións de limpeza e hixiene e non compartir persoal ou equipos, constitúen unha ferramenta indispensable que debe ser considerada non como un gasto, senón como unha inversión que garanta o futuro da actividade gandeira.

E finalmente, e como xa se indicou, a detección precoz desta enfermidade é fundamental para a eficaz e rápida erradicación dun foco de DNC que puidera aparecer, de aí a importancia dunha vixilancia constante dos bovinos polo persoal da explotación e a inmediata comunicación aos servizos veterinarios oficiais de calquera sospeita da enfermidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información