
Á Feira de Santos de Gontán acoden gandeiros e visitantes de toda Galicia e de Asturias
Este sábado, 1 de novembro, celébranse dúas citas de referencia no calendario do outono galego, a Feira de Santos de Gontán (Abadín) e a de Monterroso, que este ano non poderán contar con gando vacún debido ás medidas estraordinarias establecidas pola Xunta de Galicia para evitar a chegada da dermatose nodular contaxiosa ás explotacións galegas e que inclúen a suspensión de feiras e mercados de gando para reducir os movimentos de gando bovino.
Con todo, tanto en Abadín como en Monterroso mantéñense o resto de actividades programadas no mercado gandeiro, aínda que sen vacas nin becerros. No caso da feira de Gontán, non faltarán, por exemplo, á cita os cabalos, os outros protagonistas habituais xunto ao gando vacún.
Como é tradición tamén, o mel, os queixos, as castañas ou os embutidos non faltarán tampouco, cun importante número de postos de venda. Haberá tamén onde comer o polbo e o churrasco e onde mercar aperos e ferramenta, nunha das citas de referencia tanto para a Terra Chá como para a Mariña ou Asturias e que este ano coincide coa Feira de Santos de Monterroso, que concentra tamén un importante número de visitantes tanto da comarca da Ulloa como do resto de Galicia.
Cancelación da Semana Gandeira de Mazaricos
A situación sanitaria trala aparición de focos de dermatose nodular contaxionsa en granxas de Cataluña levou tamén á suspender a Semana Gandeira de Mazaricos, segundo deu a coñecer esta semana o Concello a través das súas redes sociais.
O programa incluía unha mesa redonda na que abordar a situación actual e as perspectivas de futuro do sector lácteo, visitas de escolares a granxas e industrias, concursos de fotografía e debuxo, así como exposición agrogandeira o sábado 29 e poxa de gando frisón o domingo 30 de novembro.
Galego









Control OJD