En xullo de 2021 entraba en vigor a prohibición de plantar eucalipto en superficies novas de toda Galicia. En decembro deste ano remata esa moratoria e a Xunta de Galicia deberá decidir se prorrogala, suprimila ou buscar solucións alternativas. Falamos con representantes do sector forestal para ver como encaran esta recta final da prohibición nun escenario moi diferente do que había hai catro anos, tanto no comercial como no produtivo.
Francisco Dans. Asociación Forestal de Galicia
“Apostamos por un equilibrio no monte entre piñeiros, frondosas e eucaliptos”
Francisco Dans, vicepresidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG), indica que hai “preocupación, movementos e presións no sector” nesta fase final. Asegura que aínda falta información e que, por iso, están a elaborar un documento coas propostas da súa organización de cara ao fin da prohibición.
Crear un marco lexislativo que regule as plantacións de eucalipto sería un paso básico, máis alá de manter ou suprimir a prohibición. “Dende a Asociación Forestal de Galicia sempre apostamos polo equilibrio entre piñeiros, eucaliptos e frondosas nas masas forestais galegas”, subliña.
Que facer ante o final da moratoria? Suprimila, prorrogala ou introducir unha regulación ás novas plantacións de eucalipto?. Dende a Asociación Forestal de Galicia ven positiva unha idea que se valora nos últimos anos no sector e na propia Administración como alternativa á moratoria, a da regulación das novas plantacións con dereitos de eucalipto, é dicir, que os propietarios que decidan deixar de plantar eucalipto poidan vender o seu dereito a quen desexe crear unha nova plantación.
Respecto da posible necesidade de aumentar a produción de eucalipto en Galicia pola aparición de novos proxectos industriais, como o promovido por Altri, Dans asegura que en Galicia hai suficiente madeira acumulada e lista para talar a curto e medio prazo, pois mesmo se está a exportar eucalipto a Portugal, ó resto da Península e a outros destinos.
“Non tería sentido instalar un proxecto que dependa dunha madeira que, como mínimo, tardará 12 anos en estar dispoñible. Hai madeira xa en período de curta e capacidade de abastecemento”, sinala Dans.
Outra liña na que habería que incidir, segundo a AFG, é na mellora xenética das especies arbóreas. “Mellorar o crecemento, a morfoloxía e o comportamento físico-mecánico da madeira leva non só a aumentar o rendemento por hectárea, senón tamén como mecanismo de defensa ante pragas e enfermidades”.
Jacobo Feijoo. Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga)
“Pódese aumentar un 20% a produción de eucalipto con mellora xenética e silvicultura, sen máis superficie”
Jacobo Feijóo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias, explica que, antes de pensar na superficie dedicada a eucalipto, hai que reflexionar sobre a perda nos últimos 15 anos de 140.000 hectáreas de piñeiro en Galicia.
“Desas 140.000 hectáreas, só o 30% foron destinadas a eucalipto. Polo tanto, o 70% do piñeiro que se perde é por desinterese duns propietarios que non o ven como algo atractivo nin rendible. Nesas 98.000 hectáreas onde desapareceu o piñeiro, por lume ou tala, apareceron frondosas espontáneas coas que non se contaba, de xeito que a zona ocupada por frondosas medrou e xa supón o 43% da superficie arborada en Galicia”, subliña.
“Estase a perder superficie de piñeiro sen que se plante de eucalipto. Os propietarios non ven o piñeiro rendible nin atractivo” (Jacobo Feijoo)
Así, Feijóo cre que hai que facer unha recopilación de datos e un debate sectorial antes de tomar a decisión sobre continuar ou suprimir a prohibición de plantar eucalipto. “O Plan Forestal de Galicia recolle que xa se acadou o tope de terreo asignado a eucalipto, que hai máis frondosas das que se calculaban e que temos unha clara regresión do piñeiro. Pois con eses ingredientes e outros, como a valoración dos investimentos dos propietarios en silvicultura, “haberá que tomar decisións”. E, remata, “agora que xa se sabe a superficie de cada especie, falta calcular con precisión a madeira que contén cada unha”.
Cuestionado sobre a posibilidade de ter que aumentar a produción de eucalipto pola demanda de Altri e outras industrias, o representante de Asefoga indica que só con mellora xenética e silvicultura profesionalizada pódese incrementar nun 20% -arredor dun millón de toneladas- a cantidade de eucalipto galego que se corta cada ano, sen ter que destinar máis superficie da que xa ocupa.
“A parte de que a lei xa prohibía antes do 2021 que o eucalipto ocupe terras recoñecidas como de produción agraria, de frondosas ou da Rede Natura (unhas 350.000 hectáreas)”, precisou. E destaca tamén que hai estudos que indican que o volume de madeira aumenta se se fai unha corta cada quince anos, en lugar de agardar trinta, como sucede nalgunhas plantacións de eucalipto globulus.
Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Galicia
“É necesario valorar o efecto real que tivo a moratoria do eucalipto, así como contar con datos adicionais do Inventario Forestal Continuo de Galicia”
Consultada sobre o posicionamento en torno da moratoria do eucalipto, a Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) emitiu un comunicado no que considera “imprescindible, previo á toma de decisión sobre a continuidade ou non da moratoria do eucalipto, dispoñer de información validada dos resultados do Inventario Forestal Continuo, así como dispoñer de tempo para poder avaliar técnica e sectorialmente o efecto real que a actual moratoria tivo. Asimesmo, é necesario verificar o cumprimento das directrices do Plan Forestal de Galicia, documento marco do sector forestal e que foi aprobado polo Parlamento galego.”
Manuel Galdo. Promavi
“Hai que poñerse na pel dos propietarios de piñeiro, que o están a pasar mal coas pragas”
A asociación Produtores de Madeira de Viveiro (PROMAVI), é a de máis forza da Mariña luguesa, unha das comarcas galegas con maior produción de eucalipto. O seu presidente, Manuel Galdo, lembra que antes da entrada en vigor da prohibición detectaron unha ampla corta de piñeiros para poder dedicar eses terreos a eucalipto e, sen embargo, non se quebrou na comunidade a paridade de un terzo para cada especie (coníferas, eucalipto e frondosas).
“Nós estamos dacordo con esa correlación, aínda que todos somos conscientes de que a madeira de eucalipto é a máis rendible. En principio non nos opoñemos a que se prorrogue a moratoria, pero tamén sabemos que os propietarios de piñeiros están a pasar dificultades polas pragas. E hai que poñerse na súa pel e ver que non poden sacar nada dos seus montes. Unha posible solución sería a de primar o arranque de piñeiros e incentivar a plantación de frondosas. Veremos”.
“Queixarse polo que xa pasou no monte non ten sentido. Hai que buscar solucións de cara ó futuro” (Manuel Galdo)
Galdo recoñece que a actual situación beneficia a súa comarca porque teñen eucalipto dabondo no monte. “Pero tamén o temos porque levamos moitos anos facendo un traballo moi profesional. Aquí o eucalipto foi un recurso de urxencia que non se controlou e agora é masivo. Queixarse polo que xa pasou non ten sentido. Agora toca buscar as solucións máis efectivas de cara ao futuro”, valora.
“Galicia abastece sen problema as celulosas de Pontevedra e Navia e as pasteiras de Euskadi, Aragón e o norte de Portugal. Iso é algo que non se debera perder. Incluso podemos abastecer novos mercados, como sería o caso de Altri, sen aumentar a superficie de eucalipto. Iso pode facerse cunha profesionalización do traballo silvícola”, defende Galdo.
“Un monte que non produce nin se coida, remata ardendo” (Manuel Galdo)
O presidente de Promavi indica que actualmente se está a plantar moito máis eucalipto da variedade nitens ca da globulus, xa que é máis resistente ás pragas e porque é rendible a máis curto prazo. En calquera caso, considera que é mellor diversificar, porque a situación sanitaria tamén pode cambiar.
Insiste ademais na necesidade de traballar en xenética. E, finalmente, Galdo deixa unha reflexión: “Se o propietario do monte ve que non é rendible, acaba por deixalo abandonado. E un monte que non produce nin se coida, acaba ardendo”.
Isabel Vilalba. Sindicato Labrego
“É necesaria unha paisaxe mosaico no territorio, sen grandes masas de eucalipto, que representan un risco co cambio climático”
Para o Sindicato Labrego, a premisa respecto a calquera regulación do eucalipto debe pasar pola defensa da terra agrícola e mesmo pola recuperación para uso agrario de terreos que foron forestados de xeito irregular en zonas de alto valor agronómico. A secretaria xeral da organización, Isabel Vilalba, cuestiona que haxa máis hectáreas adicadas a producir eucalipto que a producir alimentos para as persoas.
“Nun escenario de cambio climático, hai que apostar por ter unha paisaxe mosaico en todo o territorio e non as grandes masas de eucaliptos que temos hoxe en día en numerosas comarcas. Eucaliptais que, ademais, moitas veces están pouco coidados e demasiado próximos ás vivendas, co conseguinte risco en caso de incendio.”, afirmou.
O Sindicato Labrego cuestiona ademais posibles efectos colaterais do eucalipto. Vilalba aegura que o eucalipto leva consigo unha perda de biodiversidade no monte e que esa perda obriga á fauna salvaxe a desprazarse cara zonas onde hai actividade agraria e, por tanto, máis alimento. Tamén expresou a preocupación do SLG polo alto consumo de auga que require o eucalipto, agora que as secas son cada vez máis habituais en Galicia.
En canto á actual moratoria, o Sindicato Labrego considera que non houbo a suficiente vixilancia por parte da Xunta. “Cando alguén planta eucalipto de xeito ilegal, é moi difícil para os veciños denuncialo. A parte de que non é o seu cometido e supón unha deterioración da convivencia. Agora non hai lumes de momento, pero, se chegan, botaremos as mans á cabeza por non ter atallado esas plantacións irregulares. Mellor que deixar facer sería asesorar a quen xa ten plantacións para que sexan sustentables económica, social e ambientalmente”.
“Agora non hai lumes, pero se chegan, botarémonos as mans á cabeza por non ter freado as plantacións ilegais de eucalipto”
Vilalba manifestou tamén a oposición do sindicato a proxectos industriais como o de Altri, pois considera que levarán a aumentar a superficie destinada a eucalipto.
Por último, o Sindicato Labrego chama a repensar os criterios de certificación forestal FSC e PEFC, pois cre que falta vixilancia sobre as prácticas de silvicultura. “Hoxe certifícase moita madeira como sustentable, pero non hai mecanismos de verificación para demostrar que o é. E, sen embargo, poden recibir primas ligadas a esa certificación por parte das industrias. Falta control”.
E as outras especies?
Coníferas e frondosas están a atravesar problemas de diferente tipo en monte. Todos os actores do sector coinciden en que a enfermidade fúnxica da banda marrón, que afecta ó piñeiro radiata, leva a que moitos propietarios de montes estean a rexeitar a plantación desta especie, xa que non hai certeza de que vaia ser rendible, e prefiren agardar para ver que outras opcións teñen nas súas parcelas.
Esta situación pode levar á perda de boa parte da produción de piñeiro, pois o radiata representa na actualidade arredor da metade de cortas de coníferas en Galicia.
Unha posible solución sería a introdución do piñeiro taeda, que é resistente ás bandas e á praga do nematodo. Xa hai viveiros galegos que o están a comercializar, a partir de semente francesas, pero aínda non está contrastada a súa adaptación aos diferentes climas e tipos de terreo que hai en Galicia, polo que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán iniciou ensaios con semente de diferentes procedencias do país de orixe do taeda, Estados Unidos.
A plantación de piñeiro taeda albíscase como unha posible solución provisional fronte ós problemas do piñeiro radiata
En canto ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), a súa maior quenda de corta, faino pouco atractivo para a súa plantación polos propietarios forestais, se ben é unha especie que se mantén forte nos montes veciñais do sur galego e na franxa atlántica coruñesa.
No sector tamén hai consenso sobre o escaso aproveitamento industrial que está a haber das frondosas galegas, que representan arredor dun 2% das cortas anuais de madeira con destino á industria. “No centro de Europa hai un intenso traballo de silvicultura e investigación que facilita desenvolver proxectos industriais baseados na madeira das frondosas. Aquí case o único que se fai con carballos, castiñeiros ou bidueiros é leña, que non ten ningún tipo de valor engadido. Pero tamén é porque, ao non haber traballo silvícola, as pezas que saen son pouco atractivas”, sinala Francisco Dans.
Correxir esa carencia silvícola e industrial axudaría a manter o equilibrio forestal.
Actualización 23-IV-2025
– Un grupo de colectivos do ámbito forestal, ecoloxista e da sociedade civil pide ampliar a moratoria do eucalipto ata 2030.