A Deputación de Pontevedra anunciou este martes na reunión do Comité de Seguimento da Finca Mouriscade, situada en Lalín, melloras no laboratorio e na gandería que suporán un investimento próximo ós 600.000 euros. A reunión foi presidida polo deputado Jorge Cubela e contou coa asistencia de persoal técnico da Deputación, representantes de Africor Pontevedra, Fefriga, as cooperativas dezás O Rodo e Campodeza e as Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG).
Unha parte dos investimentos centrarase en melloras no laboratorio. En concreto, destinarán preto de 300.000 euros para a adquisición de novos equipos cos que conseguir unha maior capacidade analítica e fiabilidade de resultados. Tamén buscan optimizar o consumo de reactivos, así como reducir os tempos de operación e de análise. O maior investimento será para cinco analizadores de fibra (133.000 euros), seguidos dun espectrómetro ICP para analizar elementos minerais a concentracións máis baixas (85.000 euros), un sistema de dixestión Kjedahl para a análise de proteína bruta (45.000 euros) e unha balanza de precisión (10.000 euros).
Tamén se ampliará a acreditación ISO 17025 a máis parámetros e implantarán un sistema de xestión de calidade baseado na norma ISO 9001. Esta medida resulta crucial ó abarcar todas as actividades do laboratorio (a 17025 só inclúe ensaios específicos), o que proporcionará unha estrutura de xestión de calidade completa, robusta e que promove unha mellora continua con eficiencia operativa en todos os niveis da organización. Ademais, realizaranse melloras no software de xestión do laboratorio para, entre outros resultados, mellorar os prazos de resultados no sitio web de Mouriscade. Estas actuacións suman máis de 30.000 euros.
Melloras na granxa e aposta pola xenética
Ademais, o deputado provincial informou tamén ao Comité de Seguimento de Mouriscade de que destinarán outros 300.000 euros de investimento na zona de gandería. Construirase unha nova nave para lactantes, cun orzamento de 180.000 euros, e tamén realizarán obras na cuberta da zona principal da granxa, con outros 92.000 euros mobilizados.
Ademais, adquirirán embrións por 32.000 euros e tamén dedicarán outros 7.000 euros para a adquisición dun equipo de limpeza por cable. Tamén se informou de que na actualidade xa está en licitación un novo contrato para a subministración de embrións bovinos de alto valor xenético, por importe de 130.000 euros para os anos 2025 e 2026.
Por último, Jorge Cubela avanzou que a institución provincial vai reforzar o seu compromiso coa Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, para o que xa está comprometida unha achega de 10.000 euros a FEFRIGA (Federación Frisoa Galega) nos orzamentos de 2025 da institución provincial. Ademais, no primeiro trimestre do ano asinarase un novo convenio con CONAFE (Confederación de Asociacións de Frisoa Española) para renovar a colaboración na eficiencia alimentaria na raza frisoa.