A Deputación de Pontevedra está a reforzar o seu apoio ó sector primario no último ano e así o pon de manifesto no balance de actividades do primeiro ano do goberno de Luis López ó fronte do órgano provincial. Así, dende a Deputación destacan que as áreas relacionadas co sector primario e o medio natural, en mans dos deputados Javier Tourís (responsable da Estación Fitopatolóxica Areeiro), Jorge Cubela (responsable de Desenvolvemento Rural e da Finca Mouriscade) e Marcos Guisasola (deputado delegado de Medio Ambiente e Mar), teñen conseguido nestes primeiros doce meses de mandato avanzar no seu posicionamento como referentes estatais e internacionais en canto ao sector primario, con novas actuacións e programas para conservar a contorna natural da provincia.
Estación Fitopatolóxica Areeiro
Ó longo do último ano traballaron para impulsar internacionalmente a Estación Fitopatolóxica Areeiro, mantendo encontros con centros de investigación de Francia, Portugal e Estados Unidos para poñer en marcha proxectos conxuntos de interese para o sector primario da provincia.
Tamén se abriu o centro á cidadanía do conxunto da provincia, a través dun servizo de visitas guiadas, e iniciáronse as obras para rehabilitar e reforzar a estrutura da casona e mellorar o acceso ao laboratorio de fitopatoloxía, onde se está a investir 130.000 euros.
Ó mesmo tempo tamén están a traballar para impulsar a finca en materia turística, co obxectivo de promover a camelia e a marca TéAreeiro, chegando ao tecido asociativo a través, entre outras iniciativas, de cursos de formación para a elaboración de té de camelia. Ademais, teñen previsto dinamizar o recinto a través de concertos e eventos e poñer en marcha o Camelia Fest, da man das áreas de Cultura e Turismo.
Finca Mouriscade
No que respecta á Finca Mouriscade, en só un ano conseguiron importantes avances en canto á calidade xenética dos animais da ganderia, froito da compra de embrións procedentes das mellores vacas, tanto a nivel nacional como internacional, principalmente de Estados Unidos e Canadá. Estes avances constátanse na mellora na listaxe das explotacións con mellor índice combinado (ICO) de España, pasando do número 12 do ano pasado ao número 4 que ocupa o centro na actualidade.
Ademais, tamén este ano púxose en marcha o laboratorio móbil de aspiración transvaxinal de ovocitos, unha mellora substancial na calidade do traballo que se está a levar a cabo nas distintas ganderías da provincia. Ó mesmo tempo optimizouse a plataforma de venda de embrións producidos en Mouriscade, para que sexa máis áxil e transparente e todas as ganderías teñan a mesma capacidade e accesibilidade á compra. Tamén este ano aprobouse o acordo regulador do prezo público por prestación do servizo de venda de embrións bovinos de Mouriscade, bonificando aproximadamente o 30% no prezo de venda dos embrións aos gandeiros da provincia.
Nestes primeiros doce meses de goberno de Luis López na Deputación tamén se realizaron subastas de gando a man alzada, abertas a todos os gandeiros, e asinouse un convenio coa Confederación Nacional de Frisona Española para a avaliación xenómica da eficiencia alimentaria e a toma de datos sobre saúde e benestar animal.
Apoio ás cooperativas
A través da área de Medio Ambiente e Mar, impulsaron liñas de axuda para o mantemento e conservación da contorna agroforestal e a prevención e defensa contra os incendios forestais. Tamén se impulsaron actividades de apoio aos produtores agropecuarios na aplicación da PAC e en materia de prevención de riscos laborais. Este último ano tamén aprobaron axudas para cooperativas agrogandeiras da provincia cun orzamento de 250.000 euros.