A Deputación de Pontevedra pecha 2020 con 47 concellos adheridos ó seu plan de compostaxe de residuos

Dozón e A Cañiza foron os últimos municipios en incluirse no plan Revitaliza. A Administración provincial habilitou 160 centros de compostaxe comunitaria e repartiu 9.500 composteiros

A Deputación de Pontevedra pecha 2020 con 47 concellos adheridos ó seu plan de compostaxe de residuos

Unha sesión explicativa sobre os composteiros comunitarios. // Foto de arquivo.

Neste 2020 o programa da Deputación de Pontevedra para a xestión de residuos baseado na compostaxe, o Revitaliza, chegou a 47 concellos, logo de sumar A Cañiza e Dozón. Segundo os datos que manexa o deputado responsable da área, Uxío Benítez, nestes momentos hai instalados 160 centros de compostaxe comunitaria (CCC) e repartiron 9.500 composteiros individuais. Ademais, realizaron preto de 23.000 seguimentos, un traballo que levou a cabo persoal técnico, ben sexa de maneira presencial ou telefónica durante o confinamento.

“As cifras poñen de manifesto que se cumpriron os obxectivos marcados para este exercicio que acaba de rematar”, explican dende a Deputación. As previsións manexadas eran que a veciñanza compostase os seus biorresiduos en ata 170 centros comunitarios e en preto de 7.100 individuais, segundo as contas que facía o persoal técnico provincial a finais de 2019. Como perspectiva de mínimos, para os vindeiros meses a idea é superar os 250 centros comunitarios e 13.000 composteiros individuais en activo.

Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal. No caso de Vilaboa hai 10 CCC instalados e repartidos 1.134 COIN, o que fai que proporcionalmente sexa un dos que teña maior xestión do seu lixo baseado na compostaxe, coa maioría dos grandes produtores adheridos ao programa.

Datos por concellos

En Pontevedra, que xa dispón do seu propio plan (Composta), as cifras en 2021 comezan con 34 composteiros comunitarios instalados, 2.568 individuais e 5.888 visitas de seguimento. No Grove teñen 10 comunitarios e alcanzan preto de 600 individuais; mentres que en Mondariz e Mondariz Balneario hai xa 12 e 10 comunitarios, e 814 e 97 individuais, respectivamente. No caso de As Neves os centros comunitarios instalados manteranse nos 5 actuais e os individuais entregados subiron ata os 1.104.

Das novas incorporacións de concellos á Liña 2 previstas, Poio finalmente desistiu. Namentres, Valga e Tomiño, xunto con A Illa están a dar un pulo importante aos repartos de composteiros en tempo récord. Na Illa tutelarán un total de 800 composteiros individuais e 5 comunitarios, dos que un xa está montado; en Tomiño, actualmente xa distribuiron 903 individuais dun total de 3.000 e están funcionando 11 comunitarios dos 16 previstos. En Valga están xa distribuídos 450 COIN dun total de 1.300 e ten funcionando dous comunitarios, a metade dos planeados.

O 2021, momento de consolidarse

Dende a Administración provincial agardan que no ano 2021 o plan Revitaliza se consolide definitivamente nos concellos da provincia. Os concellos máis adiantados do plan de compostaxe provincial serán quen de cumprir as esixencias da UE en canto a reciclaxe, xa que en breve chegarán ao 50% dos residuos preparados para reciclar, tendo o tratamento dos biorresiduos un papel chave no respecto ao medio ambiente.

Buscan conseguir maior implicación para que os residuos se traten en plantas con colaboración de empresas gandeiras ou vinícolas

Aínda que continuarán asistindo aos municipios que están en fase de concienciación (con centros de compostaxe illados) apostarán por salvagardar as necesidades dos concellos en liña 2, que buscan xestionar de maneira global os residuos baseando a súa estratexia na compostaxe. Tamén prevén buscar unha maior implicación de entidades e produtores rurais, co fin de seguir o modelo austríaco, que defende que os residuos municipais sexan tratados en plantas con colaboración de empresas de gandería, vinícolas ou doutro tipo.

Por outra banda, o Revitaliza continuará no 2021 coa súa proxección internacional, de forma que manterá a colaboración existente coa Illa de Príncipe, con novas illas africanas, así como con outras administracións e organismos estatais, xa ben para replicar o modelo pontevedrés, ou para colaborar na posta en marcha de nova normativa aplicable, como é o caso do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información