A Deputación de Pontevedra lanza unha liña de axudas para cooperativas agrogandeiras

As cooperativas poderán solicitar ata 70.000 euros para investimentos en recursos agrarios e gandeiros

A Deputación de Pontevedra lanza unha liña de axudas para cooperativas agrogandeiras

Este venres, 28 de xuño, a Deputación de Pontevedra abre o prazo de solicitude para unha nova liña de axudas destinadas a cooperativas agrogandeiras da provincia. Estas axudas, que suman un total de 250.000 euros, están deseñadas para apoiar investimentos que busquen recuperar e valorizar os recursos agrarios endóxenos, tanto agrícolas como gandeiros.

As cooperativas interesadas poderán recibir ata o 65% do custo dos proxectos subvencionables, cun tope máximo de 70.000 euros por solicitude. Os importes das axudas oscilarán entre 600 e 35.000 euros. Entre os gastos subvencionables inclúense a mellora dos servizos que presta a cooperativa, adquisición de terreos, obras, construcións, compra de equipos e instalacións, melloras en edificios e accesos, entre outros.

Tamén se contempla a subvención para actividades relacionadas coa comercialización, a transformación e a valorización das producións; así como a formación técnica e o asesoramento necesarios para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, incluíndo o uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovables e o aforro enerxético.

As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación estará aberto ata o 29 de xullo.

As bases completas e máis detalles sobre esta liña de axudas provinciais están dispoñibles para consulta na web da Deputación de Pontevedra, onde as cooperativas interesadas poden acceder a toda a información necesaria para realizar as súas solicitudes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información