A Deputación de Pontevedra anuncia unha liña de axudas para as cooperativas agrogandeiras

As axudas distribuiranse por concorrencia competitiva e o importe irá desde os 600 ata os 35.000 euros, financiado un máximo do 65% do orzamento subvencionable

depo pontevedra luis lopezA Deputación de Pontevedra acaba de anunciar unha liña de axudas cun orzamento de 250.000 euros para que cooperativas agrogandeiras da provincia poidan realizar actuacións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro. “Trátase dun dos sectores económicos fundamentais e fonte importante de emprego da provincia de Pontevedra”, asegurou o presidente Luis López, quen engadiu que “queremos estar ao seu carón e, con liñas de axudas como esta que hoxe aprobamos, avanzamos neste compromiso”.

As axudas a cooperativas agrogandeiras da provincia, que foron presentadas por Luis López na cooperativa O Rodo de Rodeiro, repartiranse en base a criterios de concorrencia competitiva. En xeral, destinarán a cada cooperativa un máximo do 65% do orzamento da actividade subvencionable, sempre que este non supere os 70.000 euros, con importes que oscilarán entre os 600 e os 35.000 euros como máximo.

Entre os gastos subvencionables atópanse os investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa, como adquisición de terreos, obras, construcións, equipos instalacións, etc.; a comercialización, a transformación e a valorización das producións; a formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, ou o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información