A Deputación de Lugo entrega 34 hortos urbanos do Río Rato a novos usuarias e usuarios

A institución ten adxudicadas xa 143 parcelas neste entorno, xa que anteriormente concedeu outros 109 terreos. As persoas e entidades beneficiarias poderán utilizar de maneira gratuíta os hortos, de 30 metros cadrados cada un, durante un período de dous anos

Publicidade
A Deputación de Lugo entrega 34 hortos urbanos do Río Rato a novos usuarias e usuarios

A Deputación de Lugo fixo entrega este xoves de 34 novos hortos urbanos que a institución ten no Paseo do Río Rato e que se suman aos 109 terreos provinciais que foron xa concedidos o ano pasado. O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, e o de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiron as persoas usuarias e representantes das entidades adxudicatarias destes espazos durante os vindeiros dous anos no Centro de Interpretación Terras do Miño.

Nesta terceira fase de asignación, os terreos, de 30ms2 cada un, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que se primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social. A listaxe definitiva foi aprobada pola Xunta de Goberno. Con esta adxudicación, na actualidade atópanse en uso 143 hortos urbanos dos 150 que a Deputación de Lugo ten no Río Rato. Os 7 restantes entregaranse a aquelas persoas que o vaian solicitando, sen convocar un novo proceso, tal e como sinalan as bases.

O deputado de Medio Ambiente agradeceu aos novos usuarios e usuarias que se sumen “a este proxecto tan interesante que temos en marcha na Deputación de Lugo, contribuíndo ao obxectivo para o que está pensado: que a veciñanza, entidades e centros de ensino lle saquen partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o coidado do medio ambiente”.

Os deputados entregaron aos adxudicatarios unha carpeta coa documentación da parcela, xunto con material de traballo, como guantes e ferramentas de labranza, e plantas de horta. Os usuarios e usuarias teñen á súa disposición un servizo de dinamización dos hortos, con asesoramento semanal en diversos temas para un mellor aproveitamento da terra.

Remodelación dos hortos

A deputación de Lugo conta con 150 no Paseo do Rato, tras a remodelación integral destes terreos públicos. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos.

A estas melloras sumouse tamén a instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información