A Deputación de Lugo destina 380.000 euros a apoiar aos criadores de Rubia Galega

Darío Campos mantivo un encontro produtores para avanzarlles as novas colaboracións do Goberno Provincial: 180.000 euros para a recría en Gayoso Castro e 200.000 para un novo programa de seguimento do crecemento de 10.000 touros

A Deputación de Lugo destina 380.000 euros a apoiar aos criadores de Rubia Galega

Darío Campos con gandeiros de ACRUGA

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, mantivo este martes un encontro con produtores de Rubia Galega da provincia, que forman parte de ACRUGA; colectivo que integra a un total de 1.400 profesionais lucenses deste sector. Fíxoo nas instalacións desta asociación para avanzarlles a nova colaboración do goberno da Deputación cos mesmos. Conta con 380.000 euros, que se destinarán a programas de recría, mellora xenética e venda. Isto permitirá potenciar a Rubia Galega e aforrar custes aos produtores.

De dita cantidade, o executivo da Deputación destina 180.000 euros á recría de exemplares nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Este programa, que se desenvolve dende 2007, supuxo a recría de 1.640 xovencas; un aforro superior aos 2 millóns de euros para os produtores -posto que o Goberno Provincial asumiu todos os custos da recría-; e beneficios doutros 2,4 millóns de euros, derivados da venda de exemplares de alta calidade a un prezo medio de 2.000 euros en distintas poxas.

200.000 euros para un proxecto de mellora xenética da raza

Os 200.000 euros restantes desta colaboración achéganse a un novo proxecto de mellora xenética da raza. Consiste no estudo da evolución do peso duns 10.000 toros para acadar datos exactos e necesarios cos que mellorar as características dos exemplares de Rubia Galega.

Os propios gandeiros recibirán directamente uns 20 euros por animal para levar a cabo as pesadas correspondentes. Faranas no seu nacemento, aos 3 meses e no destete. Técnicos de ACRUGA recollerán estes datos. Comprobarán o crecemento de cada animal e os mellores sementais para incrementar a calidade da cabana. Deste xeito, terán unha radiografía máis exacta dos exemplares e un mellor coñecemento sobre o resultado do modelo de crianza que se estea a levar a cabo nas distintas explotacións.

Nave de recría

Campos Conde avanzou que outras das colaboracións do goberno provincial cos produtores de Rubia Galega consistirá na dotación dunha nave de recría con capacidade para uns 400 animais, que estará disposición dos gandeiros. A Deputación traballa na redacción do proxecto. Esta afincarase na actual unidade de leite da Granxa Gayoso Castro.

As obras poderán iniciarse cando rematen as da Granxa Experimental do Campus Terra onde se trasladarán as vacas de leite, que agora acollen as mencionadas dependencias provinciais, que se transformarán con este novo proxecto.

Tras o encontro cos produtores na sede de ACRUGA, o presidente da Deputación e o de ACRUGA, César Dorado Pin, visitaron explotacións de Rubia Galega, acompañados por profesionais lucenses do sector, que se benefician de xeito directo das novas colaboracións do Goberno Provincial.

Máis de 1.400 socios na provincia de Lugo

Na actualidade, ACRUGA conta con 1.900 socios en toda España, dos cales 1.800 son galegos, e a meirande parte (1.400) da provincia de Lugo. O territorio lugués acolle o 75% dos animais inscritos no libro xenealóxico da Raza Rubia Galega: das 38.000 cabezas rexistradas, 28.500 atópanse en explotacións da provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información