A Deputación de Lugo apoia a comercialización de carne e produtos de razas autóctonas galegas

A área de Medio Rural da Deputación de Lugo, dirixida por Mónica Freire suscribiu un convenio de colaboración con Boaga, que traballa na conservación e promoción do gando autóctono

A Deputación de Lugo apoia a comercialización de carne  e produtos de razas autóctonas galegas

Mónica Freire, deputada de Medio Rural

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, deu conta da sinatura dun convenio coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) para o establecemento dunha axuda excepcional que lle permita á entidade continuar coa súa labor de promoción da comercialización dos seus produtos.

O convenio reforzará o uso do selo “100% Raza Autóctona”, que garante a orixe, trazabilidade e calidade dos produtos a consumidores e consumidoras. A achega de Medio Rural, cun importe de 3.300 euros, sufragará a compra dos precintos e pegatinas que regulan a certificación.

“Con esta colaboración pretendemos promocionar as razas autóctonas gandeiras en perigo de extinción como motor de desenvolvemento socioeconómico da provincia de Lugo, incidindo na importancia do consumo dos seus produtos e no mantemento do modelo familiar nas nosas granxas, con complementación de rendas e diversificación produtiva multifuncional”, explicou a deputada nacionalista.

Boaga leva traballando dende o 2001 pola defensa do Programa de Conservación e Recuperación de Razas Bovinas Autóctonas de Galicia en Perigo de extinción, isto é, da Cachena, a Caldelá, a Frieiresa, a Limiá e a Vianesa, ás que se uniron posteriormente a raza Galiña de Mós, a Ovella Galega e a Cabra Galega.

Apoio á produción agroalimentaria

A colaboración coa Federación de Razas Autóctonas súmase ás achegas que a área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación ven formalizando con asociacións e entidades do ámbito agroalimentario para apoiar a comercialización dos seus produtos, co obxectivo de contribuír a paliar a incidencia que a situación sanitaria tivo nas vendas, especialmente nas orientadas á restauración.

Así, a área de Medio Rural asinou convenios de colaboración con Ovica para o impulso da marca “Pastores de Galicia”, coa asociación de criadores de cabalo de pura raza galega Puraga que desenvolveu unha campaña para dar a coñecer a carne de poldro ou coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información