A Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada conxuntamente polos grupos do PSOE, o BNG e Alternativa dos Veciños (AV) para esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan urxente de recuperación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A iniciativa, que contou co voto en contra do PP, centra o foco na crítica situación deste centro de referencia, que cualifican como un “abandono histórico” por parte do goberno autonómico.
A proposta aprobada insta ao Goberno galego a dotar ao CIAM dos medios e recursos necesarios para garantir a súa continuidade, tras anos de perda constante de persoal e deterioro das instalacións.
O acordo plenario demanda especificamente unha partida orzamentaria para renovar maquinaria agrícola e instalacións agrogandeiras obsoletas, así como a finalización das obras e o equipamento do banco de xermoplasma, que actualmente se atopa inacabado. Así mesmo, solicitouse a renovación da xerencia do centro para asegurar unha xestión máis transparente e participativa.
A moción alerta sobre a “precariedade laboral no centro”, destacando que o pasado mes de novembro “seis investigadores abandonaron o CIAM tras un concurso de traslados”, agravando un problema de falta de cobertura de prazas que vén de lonxe. “Esta falta de persoal técnico e investigador dificulta o acceso a proxectos competitivos e obriga aos profesionais a asumir tarefas básicas de coidado de animais ante o desbordamento do persoal de campo”, explica o texto.
A resolución tamén pon o foco na seguridade laboral, mencionando un accidente recente cunha máquina en mal estado que levou ao precintado de parte do equipamento por non cumprir a normativa vixente. “Esta situación de abandono pon en risco a traxectoria dun centro que durante 140 anos foi referente europeo e clave en fitos como a creación da raza rubia galega”, sostén a moción aprobada polo pleno.
Declaración institucional polo 8 de marzo
O pleno da Deputación aprobou tamén hoxe unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que todos os grupos políticos da Corporación reafirman o seu compromiso coa igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e coa loita contra todas as formas de discriminación e violencia de xénero. O texto subliña que, malia os avances acadados, a igualdade segue a ser unha tarefa pendente e advirte do risco que supoñen os discursos negacionistas e os retrocesos en dereitos para a calidade democrática.
Galego










Control OJD