A Deputación da Coruña fixo pública a resolución provisional do programa de subvencións destinadas a investimentos para a promoción económica, dirixidas a entidades sen ánimo de lucro do ámbito veciñal e rural da provincia, correspondente ao exercicio 2025. Son 16 as asociacións que resultaron beneficiarias desta liña de axudas, cunha contía global de 225.344 euros.
Entre os proxectos subvencionados salientan actuacións como a mellora de locais sociais ou a compra de equipamento tecnolóxico, así como iniciativas orientadas a incrementar a eficiencia enerxética ou a accesibilidade nos espazos comunitarios das parroquias.
Cristina Capelán Cancelo, deputada de Medio Rural, subliñou que “estas axudas permiten ás asociacións desenvolver proxectos que melloran a vida nas aldeas e nos pequenos núcleos, fortalecen o tecido asociativo e fomentan a cohesión social e a dinamización económica no rural”.
Capelán engadiu que “a prioridade é garantir que os recursos públicos teñan un impacto real nos territorios. As entidades veciñais son fundamentais para manter vivo o rural e para impulsar proxectos que responden ás necesidades da veciñanza”.
Entre os proxectos que recibirán apoio da Deputación figuran, por exemplo, a posta en marcha dunha biblioteca rural por parte da Asociación de Veciños de Nogueirosa, en Pontedeume; a mellora da eficiencia enerxética do local da Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda, en Cerceda; ou o reasfaltado da pista polideportiva da Asociación de Veciños San Juan de Esmelle, en Ferrol.
A publicación da resolución no Boletín Oficial da Provincia inicia agora un prazo de dez días hábiles para que as entidades poidan presentar alegacións ou corrixir erros. Unha vez rematado este período, aprobarase a resolución definitiva.