A Deputación da Coruña recibe unha subvención de máis de 1 millón de euros para poñer en marcha o programa PEL ACTIVA, que formará a 228 persoas para empregos con alta demanda no rural

O 75% do alumnado dos itinerarios formativos serán mulleres

A Deputación da Coruña foi beneficiaria dunha subvención de 1.172.860 euros procedente do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para a implementación dun ambicioso programa de formación destinado a mellorar a empregabilidade na provincia.

Desta forma amplíase e refórzase o PEL da Deputación da Coruña cun programa de acompañamento para o emprego destinado a 18 municipios da provincia que terá un custo total de 1.954.659,84 de euros.
PEL ACTIVA, que así se chama o programa, prevé capacitar a 228 persoas, das cales o 75% serán mulleres, a través de 7 itinerarios formativos:
1.    Atención sociosanitaria a persoas no domicilio
2.    Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
3.    Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas
4.    Actividades de xestión administrativa
5.    Guía por itinerarios de baixa e media montaña
6.    Agricultura de precisión
7.    Montaxe e postproducción de audiovisuais

O programa, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego da Deputación da Coruña, deseñouse para ofrecer formación especializada en sectores con alta demanda de emprego, centrándose gran parte do proxecto á inserción laboral vinculada aos coidados por ser este un sector crítico, especialmente no medio rural e particularmente nos municipios de reto demográfico.  
A oferta formativa diríxese preferentemente a colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade e nacionais de terceiros países ou de orixe estranxeira.  
Cada un destes cursos foi seleccionado en función da crecente demanda de persoal cualificado nestes sectores, o que permitirá aos participantes aumentar significativamente as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.
O programa ten como obxectivo non só a mellora das competencias laborais dos participantes, senón tamén contribuír á dinamización do emprego na provincia da Coruña.
A subvención permitirá cubrir o 60% dos custos asociados á impartición dos cursos, garantindo que a formación sexa accesible e de calidade.

O presidente da Deputación da Coruña destacou que este tipo de iniciativas “son fundamentais para impulsar a creación de emprego no ámbito rural e avanzar na igualdade de oportunidades, especialmente no acceso das mulleres ao mercado laboral ”.
O programa responde o compromiso da Deputación da Coruña coa promoción da igualdade de xénero no ámbito laboral. O feito de que o 75% das prazas estean reservadas para mulleres pretende reducir a fenda de xénero en sectores estratéxicos e de alta demanda.
Ademais, espérase que esta iniciativa favoreza a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, contribuíndo a unha recuperación económica máis inclusiva e sostible, contribúíndo á cohesion social.
Os cursos impartiranse en diferentes localidades da provincia, principalmente municipios do ámbito rural e de reto demográfico, co fin de facilitar o acceso a esta formación especializada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información