A Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA), vén de recibir unha subvención de 6.000 euros por parte da Deputación da Coruña. Dita axuda busca impulsar accións de formación, asesoramento e promoción desta raza na provincia.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións da asociación en Boqueixón acompañada polo alcalde, Ovidio Rodeiro. Durante a visita puxo en valor o traballo de PURAGA na conservación dunha raza autóctona emblemática de Galicia e na dinamización económica, social e ambiental do rural.
PURAGA é a única entidade recoñecida oficialmente para a xestión do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega e conta con preto de 90 socios e uns 2.400 exemplares rexistrados, maioritariamente nas provincias da Coruña e Lugo. A súa actividade céntrase na formación de gandeiros e técnicos, na promoción da raza en feiras agropecuarias e na valorización dos seus produtos a través do selo “100×100 raza autóctona”, contribuíndo á mellora da rendibilidade das explotacións e á fixación de poboación no rural.
“A Deputación apoia iniciativas que fortalecen o sector primario, preservan unha raza autóctona e xeran oportunidades no territorio”, sinalou Capelán. A deputada destacou tamén o papel do sector cabalar como aliado para a conservación do medio natural, a prevención de incendios no monte e o desenvolvemento económico sostible, no marco das políticas da Deputación orientadas a combinar tradición, innovación e sustentabilidade no rural galego.
Galego









Control OJD