A Deputación da Coruña e Fademur recoñecen o labor das mulleres rurais

O Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da granxa O Castiñeiro de Ordes e a xornalista María Cedrón foron galardoadas este ano polo seu compromiso feminista co rural

A Deputación da Coruña e Fademur recoñecen o labor das mulleres rurais

O acto de entrega dos premios celebrouse na granxa O Castiñeiro, en Ordes, dunha das galardoadas.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Rural, a Deputación da Coruña e Fademur organizaron un acto conmemorativo para recoñecer publicamente o labor das mulleres rurais nos distintos eidos.

Nesta edición resultaron premiadas polo seu compromiso feminista co rural o festival Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro, de Ordes, e a xornalista de La Voz de Galicia, María Cedrón.

Debido ás limitacións ocasionadas pola expansión da Covid-19 decidiuse facer este acto nun formato reducido e só participaron, ademais das premiadas, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos; e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou “o papel esencial das mulleres no rural” e reiterou “o compromiso da Deputación para continuar traballando a través da promoción de actuacións, programas e estratexias que se vexan reflectidas en oportunidades laborais e faciliten medidas de conciliación”.

A presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, afirmou tamén que, a pesar das restricións ocasionadas pola pandemia, decidiron manter estes recoñecementos “que contribúen a facer visible ante a sociedade o papel decisivo da muller no rural galego”.

As premiadas

O Festiletras, que se celebra no lugar do Couto, na parroquia de Cospindo, en Ponteceso, dende hai máis de 30 anos foi unha das iniciativas premiadas pola súa achega ó mundo da cultura, a lingua e as artes. O festival fai que este lugar, con apenas 150 habitantes se converta por uns días no centro da cultura, a arte, a música, as tradicións e os oficios. Ademais, para a súa organización todo o pobo se implica voluntariamente, de xeito que cada quen aporta o seu tempo e o seu mellor saber colaborando así distintas xeracións, o que fai que deste proxecto unha aposta singular.

O Taller de artesanía ‘Vacatola’-Ferrol resultou premiado pola posta en valor da artesanía galega que fai Iria García e a súa parella Iván, no pequeno obradoiro onde deseñan e elaboran complementos en coiro. Utilizan peles procedentes de curtidoras ecolóxicas, con curtidores tradicionais, nos que so se usan taninos de orixe vexetal que respectan o medio ambiente. O seu sempre foi a comercialización directa, o contacto coa xente, e este ano, debido á situación de pandemia, tiveron que facer un esforzo por reinventarse, apostando polas redes sociais e a tenda online. Recentemente abriron un pequeno punto de venta en Ferrol, aínda que a súa vocación e raíces seguen estando no rural.

María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro, foi outra das premiadas, neste caso polo seu compromiso co sector primario e o territorio. Esta emprendedora, gandeira de primeira xeración, ten a súa explotación dividida entre o concello de Ordes e o de Frades. Por unha banda atenden un curral con máis de 70 galiñas de Mos, para a venda de ovos e de galiñas para consumo, realizando a súa propia recría na granxa e vendendo tamén pitos para outras ganderías. Ademais, en Frades conta cun rabaño de vacas cachenas cuxa carne comercializa directamente en lotes, envasada ao baleiro.  A gandeira compaxina o traballo na explotación co coidado da súa nai e sogros e ten o seu espazo nas redes sociais, onde no perfil de Facebook “Granxa O Castiñeiro”, amosa o seu día a día.

O galardón á xornalista María Cedrón é un recoñecemento ó seu compromiso coa igualdade e o medio rural. Esta profesional medrou pegada á terra, herdeira dunha familia de tradición rural. Houbo un tempo, de nena, no que quixo ser veterinaria, pero ó final decantouse polo xornalismo para dar voz aos que non a teñen ou, cando menos, a esas persoas que non teñen a oportunidade de berrar alto. Faino a través das súas informacións, onde as mulleres do campo son, en numerosas ocasións, as protagonistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información