A Deputación da Coruña colabora con Africor no seu plan de mellora xenética do gando frisón

A área de Medio Rural subvenciona a realización de probas xenómicas nas ganderías para determinar o valor xenético dos animais de recría, producíndose un forte incremento das becerras xenotipadas desde o ano 2018

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse coa directiva de Africor para avaliar o impacto das axudas da Deputación a este proxecto

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse coa directiva de Africor para avaliar o impacto das axudas

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, mantivo esta semana unha reunión coa directiva da Asociación Provincial de Criadores de Gando Frisón da Coruña (AFRICOR), encabezada polo seu presidente, Fernando Suárez Mouro, para avaliar o desenvolvemento do plan de mellora da calidade xenética do gando frisón que a entidade vén impulsando nos últimos anos co apoio da institución provincial.

Durante o encontro, Capelán destacou o compromiso continuado da Deputación co sector lácteo da provincia, canalizado a través das liñas de subvencións destinadas a apoiar actuacións que contribúan a mellorar a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade das explotacións gandeiras. Neste sentido, lembrou que nos últimos anos, a Deputación da Coruña vén colaborando con Africor no seu plan de mellora da calidade xenética do gando vacún frisón mediante a realización de probas xenómicas.

Os responsables de Africor puxeron en valor os resultados acadados grazas a esta colaboración institucional mantida ao longo do tempo, que está a permitir facilitar o acceso ás probas xenómicas nas becerras de raza frisona, reducindo a barreira económica inicial e animando cada vez a máis gandeiros e gandeiras a incorporarse ao programa de recría xenómica de Conafe.

Estender o xenotipado ás 30.000 becerras que se recrían na provincia

Segundo explicaron, dende o ano 2018 produciuse un forte incremento do número de animais xenotipados, así como unha implantación progresiva da xenómica como ferramenta habitual nas explotacións, o que se traduce en importantes beneficios: unha mellor selección das futuras reprodutoras, a optimización da recría, a prevención de enfermidades xenéticas e unha maior rendibilidade das explotacións.

Africor continúa a promover activamente a incorporación de novos gandeiros ao programa e trasladou á deputada provincial unha proposta para estender o xenotipado ao 100% das 30.000 becerras de raza frisona da provincia. Un obxectivo ambicioso que, segundo destacaron, tería un alto retorno social e económico, ao fortalecer a competitividade do sector lácteo coruñés e contribuír a facer explotacións máis eficientes, sostibles e innovadoras.

Cristina Capelán valorou moi positivamente o traballo desenvolvido por Africor e subliñou que “a mellora xenética é unha ferramenta clave para garantir o futuro do sector lácteo, especialmente nunha provincia como A Coruña, líder na produción de leite”, reafirmando a vontade da Deputación de seguir apoiando iniciativas que xeran progreso e innovación no medio rural e contribúen ao desenvolvemento económico e a fixación de poboación no territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información