A Deputación achega a compostaxe a preto de 48.000 escolares da provincia de Pontevedra

A entidade provincial incorpora actividades para o alumnado no seu plan Revitaliza co que abordar prácticas sostibles en materia de residuos cos máis novos. Celebra o V Encontro de Educación Ambiental para coñecer os proxectos de catro centros educativos

A Deputación achega a compostaxe a preto de 48.000 escolares da provincia de Pontevedra

Instante do V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado de xeito telemático.

No marco do Plan Revitaliza, centrado na compostaxe, a Deputación de Pontevedra tamén está a desenvolver un programa de actividades escolares co que achegar estas prácticas sostibles ós máis novos. Nos catro anos que leva activo este programa, preto de 48.000 escolares participaron nos diferentes obradoiros, charlas divulgativas e xogos sobre esta temática.

O balance desta iniciativa posta en marcha pola Deputación e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) deuse a coñecer no marco do V Encontro de Educación Ambiental sobre Compostaxe celebrado este xoves e que congregou a diferentes colexios para coñecer os seus proxectos nesta temática.

O encontro, que se realizou de xeito telemático, tivo como principais protagonistas aos 120 rapaces e rapazas dos centros de ensino CEIP Froebel de Pontevedra, CEP Riomaior de Vilaboa, CEIP Domaio de Moaña e CEP Xosé Neira Vilas de Gondomar, que expuxeron o traballo sobre residuos realizado nos últimos meses.

Na inauguración da xornada participaron a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do CEIDA, Carlos Vales, que de maneira conxunta subliñaron o traballo do Revitaliza e do persoal divulgador que traballa coa cativada. Carmela Silva destacou tamén que este proxecto está a cambiar os hábitos da sociedade e fixo fincapé na importancia que cobra a educación neste sentido.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial indicou á cativada asistente ao congreso que están “a ser partícipes dun proxecto punteiro e transcendente, xa que o Revitaliza é unha iniciativa novidosa, potente, que está a mirar cara o futuro aplicando as solucións que todo o mundo ten na boca e que hai que aplicar sobre economía circular, quilómetro cero, devolverlle á terra o que nos dá, ou protexer o planeta de plásticos e outras substancias que lle fan dano…”, apunta Mosquera

O director do CEIDA, Carlos Vales, salientou que o Revitaliza está a ser unha realidade consolidada no tempo que a entidade que dirixe está a levar ao sistema educativo para conseguir que se implante como un modelo de xestión de residuos moi superior. Subliñou que o traballo que se está a facer en materia de compostaxe está a ser recoñecido no mundo enteiro e a ser nomeado en conferencias de China, Xapón e Europa ás que asisten milleiros de persoas.

Balance de actividades escolares

Neste 2021 pasarán polas actividades escolares do Revitaliza máis de 9.100 escolares en 538 actividades, un número de actos que roza o acadado en momentos prepandemia. No ano 2017 o número de participantes nos centros de ensino foi de 3.590; 14.013 no 2018; 13.261 no 2019; 7.922 no 2020 e 9.146 neste ano.

Ademais de nos centros de ensino, o Revitaliza estivo activo para a cativada nos veráns de 2020 e 2021, chegando a 1.680 nenos nas ludotecas, campamentos municipais e outras iniciativas organizadas polos concellos nos meses de verán, facilitando tamén a conciliación ás familias.

Proxectos nos centros

Neste V Encontro de Educación Ambiental tamén se deron a coñecer as distintas iniciativas relacionadas coa compostaxe e as prácticas sostibles que se levaron a cabo nos 4 centros educativos seleccionados.

O CEIP Froebel (Pontevedra) foi un dos centros participantes. O alumnando deste colexio de pequenas dimensións, enclavado nun edificio histórico en pleno centro da cidade de Pontevedra, puxo en marcha unha experiencia de compostaxe dos propios restos das merendas escolares, unha idea que xurdiu tras unha visita a unha factoría de tratamento de residuos. No curso pasado obtiveron unha saca de compost, que repartiron entre as familias que o solicitaron, e este ano están a mellorar a calidade do produto.

No CEP Riomaior (Vilaboa), levan tempo participando no programa do Revitaliza e teñen xa unha gran experiencia nos traballos de horta e na elaboración e aplicación do compost. Cada curso escollen un tema, e este ano o seu lema é “ síntome ben”, co que están a impulsar prácticas saúdables e sostibles en alimentación, xestión de restos téxtiles, deporte ó aire libre e recollida de lixo.

Outro dos colexios participantes foi o CEIP Domaio (Moaña). A filosofía dos ‘Tres Erres’ está moi arraigada neste centro, reducindo en gran medida o lixo que se envía ao vertedoiro con actividades para reutilizar os materiais antes de desbotalos. Tamén teñen moi presente a importancia dunha alimentación sá e o alumnado de infantil e familias participan nun proxecto medioambiental cunha horta permanente no centro. Neste curso incorporan un composteiro para concienciar ó alumnado da necesidade de sacar máis proveito ós residuos orgánicos.

O CEP Xosé Neira Vilas (Gondomar) foi outro dos centros destacados da xornada. O aproveitamento dun vello composteiro que estaba no centro foi o xermolo para achegarse de novo á compostaxe. Foron creando a súa propia horta grazas á mestra composteira do Concello de Gondomar, e unha das nais con coñecementos en permacultura. Ademais, converteron o antigo galiñeiro da escola nun invernadoiro onde facer as sementeiras e sumaron novos composteiros para seguir afondando e aproveitando os residuos das merendas para compost.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información